You are hereQuen erosiona a democracia?

Quen erosiona a democracia?


Joan B. culla i Clarà
18/05/2017

O relatorio do Síndico sobre a deterioración en dereitos humanos non fala de futuribeis senón de leis vixentes a aplicación das cales implicou multas, procesamentos e condenas. 

Esta vez, para identificar as ameazas antidemocráticas non era preciso rastrexar en Youtube, nin practicar un audaz xornalismo de investigación, nin dispor dun Anacleto, axente secreto, infiltrado nas filas do adversario. Esta vez, avondaba con acudir á conferencia de prensa convocada o pasado 28 de abril, no Parlament, após a presentación á súa presidenta do informe elaborado polo Síndic de Greuges sob o título Retrocessos en matèria de derts humans: llibertat d'expressió dels càrrecs electes i separació de poders ao Regne d'Espanya.

O documento, dunhas 30 páxinas, consagra case a metade destas a sinalar as regresións que, en materia de dereitos e liberdades básicas, producíronse durante estes últimos anos no Estado español. Sempre pondo tales retrocesos en contraposición ao cadro lexislativo e xurisprudencial europeo, o Síndic subliña as restricións á liberdade de expresión que supoñen a reforma do Código Penal, a Lei de Seguranza Cidadá e a Lei de Seguranza Nacional, as tres de 2015. E ilustra as consecuencias prácticas de tal amordazamento con casos tan notorios como o procesamento duns moncrequeiros por "enaltecemento do terrorismo", ou a condena a Cassandra Beira por "humillación ás vítimas do terrorismo", sendo a "vítima" humillada o almirante Carrero Blanco, nada menos.

O texto ocúpase tamén da grave erosión do principio de separación de poderes que vivimos. Por moito que, nun relatorio de 2016, o GRECO (Grupo de Estados Contra a Corrupción, adscrito ao Consello de Europa) advertise "ollando para Madrid" que "as autoridades políticas non deben intervir en ningunha das etapas da designación dos maxistrados", no Reino de España a partidización e a ideoloxización do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Constitucional (TC) continúan tan radiantes.

Non só iso. Por unha banda a sentenza 42/2014 do TC "que permite someter a control xurisdicional as resolucións parlamentares de carácter estritamente político, até esa altura non impugnabeis" e por outra a reforma en 2014 da Lei Orgánica do Constitucional "que dota este de capacidade sancionadora", modificaron profunda e unilateralmente o papel do TC tal como foi acordado durante o período constituínte e danaron a súa independencia, segundo apuntaba o pasado marzo a Comisión de Venecia. Fixérono coa flagrante intención de contrarrestaren o proceso soberanista catalán, aínda que fose ao prezo de pór en mans do Constitucional "medidas exorbitantes desde calquera perspectiva democrática do dereito sancionador, sexa penal ou administrativo".

A segunda parte do relatorio do Síndic analiza a deterioración experimentada polos dereitos e liberdades en Catalunya, os casos concretos de persecución penal contra cargos electos de carácter local e autonómico, de Joan Coma a Artur Mas pasando polos membros soberanistas da Mesa do Parlament. E non deixa de expresar estupefacción ante a espesa capa de silencio e impunidade que cubriu todos os aspectos da chamada Operación Cataluña, incluíndo as charlas conspirativas Fernández Díaz-De Alfonso.

Permítanme salientar que o documento ao que aludo non fala de futuribeis, de "que faremos cos datos fiscais da cidadanía se..." ou de "que acontecerá aos funcionarios cando...". Fala de leis vixentes cuxa aplicación supuxo a día de hoxe millares de multas, decenas de procesamentos e diversas condenas. Tampouco se trata dun panfleto nin do contido dunha charla propagandística ou agitatoria. O Síndic de Greuges é unha respectada e independente institución estatutaria cuxo actual titular "desde 2004" é Rafael Ribó i Massó, exsecretario xeral do PSUC e expresidente de Iniciativa per Catalunya. A feixes, contribuíron ao relatorio os catedráticos Joan Josep Queralt (penalista) e Joan Vintró (constitucionalista), coa colaboración puntual do exfiscal José María Mena. Vaia, non precisamente unha banda de maulets...

Con todo, o relatorio tivo escaso eco informativo e de opinión. Todas as vestais da xuridicidade, todos os celadores da saúde democrática supostamente en perigo a causa do proceso calan. Porque a democracia é importante, claro, mais a unidade de España o é moito máis.

Termino citando dúas frases do informe do Síndic; a que prevén contra "a imaxe da xustiza utilizada como un instrumento servil en contra dunha posición política"; e aqueloutra que constata: "os sistemas políticos inseguros pola súa falta de consenso social necesitan recorrer ao dereito penal para protexeren o seu prestixio".

Orixinal aquí.