18/02/2005

APRESENTADA EN GALIZA A CAMPAÑA DA CPT

O 17 de Febreiro, foi apresentada aos meios de comunicación galegos a campaña que a COORDENADORA PARA A PREVENCIÓN DA TORTURA pon en marcha con o fin de conseguir que o Estado Español ratifique e execute o Protocolo Facultativo à Convención contra a Tortura das Nacións Unidas.

A COORDENADORA, apoiada xa por mais de trinta asociacións de defensa dos direitos fundamentais e as liberdades públicas, ten previsto realizar actividades orientadas a sensibilizar a opinión pública sobre a importáncia da ratificación deste Protocolo e recoller apoios à campaña.

Neste sentido, os próximos dias 22 e 23, unha delegación da Coordenadora manterá entrevistas con representantes dos tres grupos do Parlamento a fin de estudar conxuntamente a posibilidade de a Cámara Galega apoiar activamente esta iniciativa.

Ler o artigo completo


10/02/2005

Nun comunicado recentemente difundido, a ACAT (Acciò dels critiáns per l’aboliciò de la tortura) mostra a sua preocupación por no Tratado Constitucional da UE se admitir subrepticiamente a posibilidade de os Estados membros aplicaren a pena de morte.

Ler o artigo completo


04/02/2005

Human Rights Watch acaba de publicar un extenso relatório sobre a situación das persoas que foron presas no Estado Español a seguir os atentados do 11-M: “Sentando ejemplo? Las medidas anti-terroristas en España.”

A coñecida organización de direitos humanos mostra neste documento a sua preocupación polas condicións en que se encontran estas persoas e os abusos a que presumivelmente foron submetidas durante o tempo de detención incomunicada e posterior reclusión en celas de isolamento.
A asociación humanitária lembra que a vulneración dos direitos das persoas presas en aplicación da lexislación anti-terrorista española foi xa denunciada en numerosas ocasións polos mais importantes organismos internacionais (Comité de Direitos Humanso e Relator das Nacións Unidas) e por prestixiosas organizacións non governamentais (Amnistia Internacional, Organización Mundial contra a Tortura, etc.), e fai unha série de Recomendacións ao governo español, instando-o a tomar medidas urxentes para evitar que eses direitos continuen sendo vulnerados nas comisarias e cárceres do estado.

Neste mui documentado relatório, Human Rights Watch descobre o lado oculto das actuacións policiais e judiciárias. Descreve a desinformación –cando non aberta cumplicidade con os aspectos mais obscuros destas actuacións- dos advogados do turno de ofício, a indiferenza dos organismos encarregados de velar polo respeito dos direitos fundamentais (Oficina del Defensor del Pueblo), a negativa dos máximos responsáveis do estado a admitir as reiteradas denúncias dos organismos internacionais (Fiscal Xeral do Estado), etc. etc.

O relatório completo pode ler-se en: www.hrw.org

Ler o artigo completo


04/02/2005

O 7 de Outubro de 2003, a ACLU (American Civil Liberties Union), xunto con outras organizacións civis (Physicians for Human Rights, Veterans for Common Sense, Veterans For Peace...) iniciou unha acción xudicial para reclamar, ao amparo do disposto na Lei de Liberdade de Información (Freedom of Information Act – FOIA), a desclasificación da información relativa aos prisioneiros dos EE.UU.

Mais de 600 documentos que o governo pretendia substrair ao coñecimento público, incluído un memorando do FBI en que se descreve como funcionários do Departamento de Defensa interrogan un prisioneiro de Guantánamo simulando ser axentes do FBI e utilizando “técnicas de tortura”, poden agora ser consultados en www.aclu.org.

“Unha leitura atenta destes textos demostra que ainda falta por desclasificar muitos outros documentos importantes” –afirma ACLU-. “Continuaremos luitando por defender o direito da sociedade a coñecer a actuación do governo e a saber por que se permitiron estes abusos e quen son os responsáveis.”

Ler o artigo completo


31/01/2005

EsCULcA. Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades, e no seu nome e representación FERNANDO MARTÍNEZ RANDULFE, con D.I. nº 7.635.547,

EXPRESA a sua solidariedade con as persoas que foron agredidas por axentes das Polícias Nacional e Autonómica cando se manifestavan pacificamente diante do Parlamento de Galiza o 3 de Decembro de 2002, dia en que se celebrava o primeiro pleno da cámara galega para debater as causas e consecuéncias da catástrofe provocada polo naufráxio e afundimento do Prestige.

Seis destas persoas, as seis que apresentaron denúncia por agresión contra nove axentes, foron denunciadas posteriormente polo Concello de Compostela por un delito de danos.

Ler o artigo completo


28/01/2005

“O Ministro de Interior fai ben en acatar a decisión do Tribunal dos Lordes. No entanto deve lembrar que calquer medida restritiva da liberdade de unha persoa suspeitosa ten de ir acompañada da apresentación de cargos contra ela e o conseguinte xuízo (...) Acatar a lei non há de converter-se no xogo do gato e o rato. O Governo non pode trocar a supresión de un direito pola supresión de outro”, manifestou Shami Chakrabarti, Director de Liberty en referéncia as medidas que anunciou o governo británico para manter baixo controlo os 12 prisioneiros de Belmarsh e Woodhill que a resolución do Tribunal dos Lordes do pasado mes de Decembro obriga a pór en liberdade: arrestos domiciliários, pulseiras electrónicas, incomunicación con determinadas persoas, etc.

“Os escándalos de Guantánamo e Belmarsh mostran que non se poden promover os direitos humanos con as maos suxas. Os governos dos EE.UU. e Gran-Bretaña teñen que pór fin às detencións sen xuízo e as torturas.”

Ler o artigo completo


24/01/2005

O pasado dia 14, perante a provável designación de Alberto R. González como Attorney General dos EE.UU., Esculca dirixiu-se a cada un dos tres grupos do Parlamento de Galiza solicitando debatan e consensuen unha Resolución Parlamentar que declare PERSOA NON GRATA en todo o território galego o citado Sr. González, “un dos arquitectos das regras que rexen a terrível e indigna sorte dos prisioneiros de Guantánamo, e dos Tribunais Militares de excepción; e non alleo, en razón do seu cargo, às non menos terríveis sevícias perpetradas en Abu Grahib”.

Esculca solicitou tamén dos grupos da cámara galega a inciación dos trámites para instar o Governo Galego a facer unha declaración pública neste mesmo sentido asi como a realizar as xestións necesárias perante os parlamentos español e europeu para que igualmente manifesten a sua preocupación por este nomeamento.

Ler o artigo completo


20/01/2005

No seu último boletin, Behatokia (Observatorio Vasco de Derechos Humanos) publica os dados provisórios de 2004 sobre detencións incomunicadas e denúncias de tortura en Euskalherria. O balanzo non pode ser mais elocuente: de un total de 125 persoas detidas polas forzas de seguranza (Ertzantza 6, Policia Francesa 52, Policia Nacional 43 e Guarda Civil 24), 54 apresentaron denúncias por tortura. Todas elas contra a Policia Nacional (32) e a Guarda Civil (22). Non houvo denúncia nengunha contra a Ertzantza e a Polícia Francesa.

“Destes dados parece decorrer que o governo español de Rodríguez Zapatero continua obtendo rendimento policial da dinámica de detención, incomunicación e tortura, en contra de todas as recomendacións internacionais. Cumpre ter en conta que a maior percentaxe de persoas detidas que despois ingresaron en prisión son as persoas detidas pola polícia francesa. Este grupo de persoas detidas non denunciou torturas, polo que se esvaen os argumentos amiúde esgrimidos polo Estado español canto à suposta consigna dos detidos en denunciar torturas”, salienta-se no relatório. “Aliás, é importante notar a inexisténcia de denúncias de tortura por parte da Ertzantza, o cal, en si mesmo e sen baixar a guarda pola experiéncia cumulada por este Behatokia, é unha boa notícia.”

Asi mesmo, o Observatório vasco publica os estremecedores testemuños de algunhas das persoas que denuncian ter sido vítimas de tortura nas dependéncias Guarda Civil. “Testemuños desgarradores que non podemos ignorar nen permitir que continuen sendo ignorados. Todas estas persoas foron transladadas perante un xuiz instrutor despois de pasaren por este inferno, mais da metade foron postas en liberdade. Todas elas denunciaron no seu momento o calvário polo que pasaran e nengunha delas recebeu resposta do xuiz instrutor, nen unha pergunta, nen nención de abrir unha investigación para esclarecer a situación, tal e como é a sua obrigación perante o coñecimento da posível comisión de un delito de torturas”, afirma-se no relatório.

A sofisticación dos métodos de tortura que se descreven, pensados para causar o maior dano físico posível sen deixar pegadas visíveis (golpes con paus recobertos de goma espuma, saltos sobre a vítima deitada no chao enrolada nun colchón, a bolsa, a bañeira...) e o maior sofrimento psicolóxico (utilización humillante do corpo da vítima acompañada de insultos e alusións soeces, obrigación de permanecer nua e cegada con un capucho facendo exercícios extenuantes durante os interrogatórios, ameazas de morte, de tortura a familiares e amigos...), evocan con forza as terríveis imaxes de Abu Ghraib.E a perversa filosofia que pretende lexitimar esta prática vil.

O texto completo pode ver-se en www.behatokia.info

Ler o artigo completo


20/01/2005

As organizacións e o Movemento polos Dereitos Civís, Xustiza e Socidade de Galiza e EsCULcA (Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades) apresentaron o pasado 12 de Xaneiro, perante o Ministério de Xustiza, a petición de indulto para os traballadores de Lugo sentenciados a máis de 13 anos de cárcere e a multas que se achegan aos 20.000 euros por participaren nun piquete na greve xeral do 20 de Xuño de 2002.

Ler o artigo completo


13/01/2005

Ao amparo da nova lei de Liberdade de Información (FOI Act), o xornal Independent reclamou e obtivo das autoridades británicas documentos que demonstran existéncia de erros e falsidades nas causas que se seguen contra os detidos en Belmarsh.

Os documentos que agora son públicos revelan, entre outras cousas, que a investigación do M15 se baseou en dados falsos ou pouco fiáveis:

Ler o artigo completo