La Voz de Galicia informa na súa edición do pasado día 7 de outubro que a Garda Civil leva a cabo xestións para esclarecer se un profesor de Historia do IES Pino Manso do Porriño fixo “comentarios de odio” nunha clase de 4º curso da ESO no decurso dun debate sobre a situación na Catalunya. Segundo informa o xornal, os investigadores da Garda Civil recolleron “a preocupación dalgúns pais após ouviren a versión dos seus fillos”.

.

O celo investigador da Garda Civil parece ter sido provocado polos comentarios dalgúns menores que afirmam que “o seu profesor de Historia lles mostrara imaxes para darlles conta da ‘represión que sofre o pobo catalán por parte das forzas da orde'”. O tema tería sido tratado en clase como mínimo en dúas ocasións, o que, segundo a versión da Garda Civil, tería provocado “o asombro dalgúns pais, que puxeron o caso en coñecemento dos responsabeis do centro e que acudiron persoalmente a pedirlle explicacións.”

“Polo momento non se abriron dilixencias contra o docente, segundo aseguraron fontes próximas ao caso”, afírmase en La Voz de Galicia, ainda que “poderían pedirlle explicacións para que detalle as circunstancias do debate que organizou en clase con alumnos de cuarto curso da ESO.” (sic)

“Mentres tanto, o mestre negou incitar ao odio na súa clase e manifestou que só se limitou a moderar un debate entre os alumnos. Explicou que entre os adolescentes sempre hai opinións diferentes e que é consciente de que na aula están representados todos os ámbitos da sociedade. O obxectivo da posta en común era fomentar a capacidade crítica dos alumnos, o manexo de fontes e o uso dunha linguaxe formada para analizar episodios históricos. Insistiu en que durante o transcurso da clase xamais utilizou termos de descualificación contra a Garda Civil nin a Policía Nacional. «Teño que manter unha posición equidistante neste conflito e intento que todos participen. Se escoito a algún alumno descualificar teño que correxilo», afirma. Na súa opinión, o problema de Cataluña xera diversidade de opinións «e non podo marxinalas nin evitalas, mais si sinalar ou que non é correcto».

Reaccións

CIG-Ensino fixo público un comunicado en que mostra a súa preocupación polo que califica de “intentos de limitar a liberdade de cátedra” e a súa solidariedade co profesor, ao tempo que denuncia a inxerencia da Garda Civil e esixe á Consellaría de Educación respalde a actuación do docente.

“No caso do IES Pino Mano afírmase algo gravísimo desde o punto de vista da liberdade de cátedra do persoal docente e mesmo desde a propia seguridade xurídica que emana das normas de funcionamento dun centro educativo e da profesión docente. Aínda no caso de que un docente cometera algunha irregularidade no seu traballo, quen debe intervir para corroborar os feitos é a Inspección Educativa; nunca os corpos e forzas de seguridade do Estado. Isto provoca unha clara indefensión do profesorado e un intento de amedrentamento absolutamente inaceptábel”.

O caso que nos ocupa, de se confirmar, sería un exemplo perfecto do despropósito por parte da Garda Civil, que tería levado a que se efectúen indagacións sobre como un docente imparte a súa materia, o que implica non só un feito condenábel desde a perspectiva da defensa da liberdade de cátedra senón tamén desde os mínimos principios democráticos dun Estado que formalmente se define como de dereito por máis que cada día amose cruamente ter abandonado eses principios”, afirma o sindicato no seu comunicado.

Tamén informa que CIG-Ensino dirixiuse “á Delegación do Goberno en Galiza para que confirme ou desminta calquera actuación da Garda Civil a este respecto, ben por denuncia formal previa, que descoñecemos que exista, ou ben por decisión propia, o que xa resultaría totalmente aberrante” e á Xefatura Territorial da Consellaría de Educación en Pontevedra para que mostre o seu apoio á actuación do docente en concreto mais, tamén, o de todo o profesorado que no seu día a día ten que ser quen de formar un alumnado crítico e coñecedor da realidade na que vive, co obxectivo de educar cidadáns con capacidade de análise e comprensión da sociedade na que viven”.