Por vez primeira outorga aos xuíces ordinarios a potestade de non aplicaren normas que contradigan as estatais.

Sen ruído, cunha sentenza que pasou desapercebida porque sobre o papel apenas se inadmitía un recurso de inconstitucionalide dun xulgado de Bilbo contra unha lei vasca, o Tribunal Constitucional (TC) modificou a base do sistema xudiciario español. Até agora o único órgao que podía decidir sobre a constitucionalidade dunha lei era o mesmo TC, mais despois da sentenza sobre a lei de función pública do País Vasco, o alto tribunal deu a potestade aos xúíces ordinarios de non aplicaren unha normativa autonómica se hai unha norma básica estatal posterior que a contradiga.

Nunha deción tomada por maioría (quer dicir, sen unanimiade) e con dous votos particulares, o TC ditaminou en decembro pasado que os xuíces ordinarios non debían levar até as súas dependencias os recursos cando se lles presentaban dúbidas de constitucionalidade, tal como destacou o letrado e profesor adxunto de teoría política da UPF Josep Costa esta semana no Twitter. En lugar diso, teñen que aplicar directamente a normativa estatal, dándolle así na práctica rango superior. Isto rebaixará a carga de traballo do alto tribunal, mais lamina o autogoverno das comunidades e elimina a posibilidade de os Parlamentos ou governos autonómicos alegaren en favor do seu corpo normativo. “É un proceso recentralizador sen precedentes”, din fontes do goberno vasco, informa Albert Solé.

Os requisitos para os xuíces ordinarios poderen decidir inaplicar unha lei autonómica son, segundo marca a sentenza, que a lei estatal posterior sexa básica. Isto quer dicir que regule unha daquelas competencias que a Constitución ditamina como compartilladas ou concorrentes entre as comunidades autónomas e o Estado, e en que a administración central ten potestade para regular o cadro xeral. Así, por exemplo, no caso da regulación do comercio ou a dos procedementos administrativos, entre moitas outras competencias, se o Estado aprobar unha lei cadro posterior a unha comunidade autónoma, a súa normativa prevalecerá nos xulgados sen que sexa preciso, nin sequera, que o TC decida se houbo vulneración das competencias autonómicas por parte da administración estatal. Non haberá que lle dar máis voltas: será imposta a lei estatal.

“As leis de bases son a punta de lanza do proceso de laminación das competencias autonómicas”, explica Costa. De feito, un dos apartados do estatuto que o TC anulou en 2010 foron as tentativas de blindar competencias contra as normativas básicas que as limitaban (como no caso do comercio, en que se obrigou algunhas comunidades a ampliaren horarios de abertura de tendas mediante unha lei básica).

 

Antecedentes
O TC xa dera un paso nesta dirección con outra sentenza no ano pasado, cando declarou que os xuíces ordinarios podían inaplicar unha lei autonómica se esta se fixera copiando a lei española, que despois fora modificada (e, portanto, sen vontade de exercer unha competencia propia).

A diferenza neste caso, contodo, é que, tal como destaca no seu voto particular a exvicepresidenta do TC Adela Asúa, a lei vasca foi aprobada “reclamando unha competencia propia”. De ricochete iso deixa indefensos os lexisladores autonómicos, que nalgúns casos nin sequera serán notificados de que a súa lei non se aplica. Até agora, cando o xuiz levaba diante do TC (único capacitado para decidir sobre a constitucionalidade) o caso, o alto tribunal informaba o autor da norma en disputa, que podía apresentar alegacíóns. Os xuíces ordinarios, no entanto, non estarán obrigados a facelo, e suspenderán de feito as leis sen que a administración autonómica o saiba (a non ser que sexa parte do proceso xudicial).

“Están substituindo o sistema de xustiza constitucional que sempre foi considerado ‘concentrado’ por outro ‘difuso'”, afirma Costa. Quer dicir, é “como se a Constitución fose modificada”, mais pola porta de atrás, cunha sentenza inapelábel, contra a cal non hai posibilidade de loita xurídica.

O Govern atento a como se aplicará
Esta vez a vítima da vontade recentralizadora do TC non foi Catalunya, mais a Generalitat acompañará o caso con moita atención. Fontes do Govern subliñan que tanto dentro como fora do Constitucional discuten esta decisión – que un xuiz ordinario poda decidir sobre a constitucionalidade dunha norma autonómica- e que “o TC terá de consolidar ainda o seu criterio con futuras sentenzas”. “En todo caso, tamén consideramos que este pode ser un novo caso, en función de como evolucione, que confirme a tendencia recentralizadora do Estado e que os equilibrios institucionais se van decantando”, afirman as mesmas fontes. A Generalitat tamén lamenta que a nova doutrina deixe  ” o Parlament ou o goberno da comunidade sen a posibilidade de poder comparecer no proceso e defender a constitucionalidade da súa lei”.

Orixinal aquí.