O pasado 4 de agosto, o deputado Miguel Anxo Fernández Bello (Grupo Parlamentar de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea) formulou  pregunta ao goberno, para a que demanda resposta por escrito, relativa ás garantías e protección dos dereitos das persoas en relación ao web do Ministerio do Interior Stop Radicalismos. Lembra o deputado que desde 2015 EsCULcA formulou diferentes peticións de información que tropezaron sempre coa opacidade das institucións públicas.

En decembro de 2015, o observatorio formulou petición de acceso á información ao abrigo do art. 17 da Lei 19/2013 de 9 de decembro, de Transparencia, Bo Goberno e Acceso á Información acerca de determinados aspectos do mecanismo para recoller denuncias anónimas a medio da páxina https.//stop.radicalismos.ses.mir.es , asi como  a través do teléfono 900.822.066, do correo electrónico stop-radicalismo@interior.es e da aplicación “alertcops”.

En concreto, EsCULcA demandaba información sobre medios de acceso, rectificación e cancelación das persoas interesadas en relación cos datos persoais dos que foren titulares incorporados ao citado ficheiro; cesións previstas dos citados datos, transferencias previstas e destinatarios das cesións e transferencias; garantías establecidas nos sistemas creados para evitar a comunicación de datos e denuncias falsas dado o carácter anónimo da denuncia e período de conservación dos citados datos.

En abril de 2016, o Ministerio do Interior comunicou a EsCULcA a inadmisión a trámite da súa demanda de información e posteriormente, en xullo de 2016, a Agencia Española de Protección de Datos tamén denegou a reclamación do observatorio.

Agora o deputado Fernández Bello reitera estas preguntas ao Ministerio:

A que ficheiro serán incorporados os datos que se recollan polos medios teléfono, correo, web e aplicación creadas no ámbito da campaña Stop Radicalismos?

En que data foi comunicada a creación do ficheiro á Axencia de Protección de Datos?

Áchase este ficheiro entre os recollidos na Orde INT/1202/2011, de 4 de maio, pola que son regulados os ficheiros de datos de carácter persoal do Ministerio do Interior?

De ser a resposta afirmativa, cal é a chave do citado ficheiro?

Cales son os medios de acceso, rectificación e cancelación dos interesados en relación aos datos persoais de que foren titulares e que foren incorporados ao dito ficheiro?

Que cesións hai previstas destes datos, así como transferencias previstas e destinatarios das cesións e transferencias?

Que garantías foron establecidas nos sistemas creados para evitar a comunicación de datos e denuncias falsas dado o carácter anónimo da denuncia?

Cal é o período de conservación destes datos?

Ver aqui a pregunta.