A Brigada de Investigación Tecnolóxica da Policía Nacional española pesquisa nas redes sociais en procura de mensaxes críticas coa actuación dos corpos policiais do estado en Catalunya o pasado 1-O, segundo informa El Món. Esta sección do corpo policial tamén pediu aos seus axentes enviaren calquera mensaxe que lles chegue através das redes sociais susceptíbel de ser encadrado no que chaman “suposto delito de odio, ameazas, coaccións ou calquera outro tipo delitivo”.

Os efectos destas pesquisas xa comezan a ser evidentes. A.I., habitante de Talayuela (Cáceres), denuncia que o 9 de outubro foi notificado dunha proposta de sanción por “falta de respecto” á Policía. O seu delito: publicar o 4 dese mesmo mes, na súa conta de Facebook, un comentario en que manifestaba o seu rexeitamento á convocatoria do Concello en apoio aos axentes que foran trasladados a Catalunya para impedir o referendo catalán. En apoio da súa actitude, A.I. dicía que no 1-O os policías deran “hostias como panes puestos hasta arriba de cocaína“.

Alfredo Izquierdo ha recibido una propuesta de sanción por 'falta de respeto' a la Policía

Onde non chegan as pesquisas

No entanto, o celo investigador non parece chegar coa mesma dilixencia a todos os foros. “Los compañeros de la @policia y la @guardia civil preparados en 3, 2, 1… y SIN contemplaciones. Mano dura y leña al mono” , exclamaba un membro no Foro Guardias Civiles en relación á convocatoria da Assamblea Nacional de Catalunya en que chamaba a cidadanía a acompañar no exterior a comparecencia de Puigdemont no Parlament o 10 de outubro.

Talvez porque neste caso a falta de respecto e o suposto delito de odio non ía dirixido ás autoridades policiais senón a simples manifestantes.

 

 

Triplícanse as multas

Segundo o relatorio Actuaciones en materia de protección de la seguridad ciudadana 2016, as multas por falta de respecto a membros dos Corpos e Forzas de Seguranza do Estado triplicáronse no pasado ano. 19.497 multas por este concepto en todo o Reino de España, cun valor de 3.006.761 euros. O concepto foi introducido no artigo 37.4 da Lei de Protección da Seguranza Cidadá en xullo de 2015, a seguir a reforma do PP conhecida como Lei Mordaza e a pena económica asociada á sanción por faltar ao respecto a axentes da autoridade foi de 145 euros de media.