O xuíz José Yusty Bastarreche decidiu suspender o acto a favor do dereito a decidir e o referendo catalán que ía ter lugar o próximo domingo na Nave de Terneras. O xuíz admite así o recurso presentado polo Grupo Municipal do PP no Concello de Madrid. Na súa resolución, o xuíz advirte de que “non cabe recurso algún” por canto o evento suspendido “consiste en esencia nun acto de apoio á Lei 19/2017 do Parlamento da comunidade autónoma de Cataluña”, isto é a Lei para a celebración do Referendo que anulou o Tribunal Constitucional.

“A cesión do local indicado implica favorecer un acto de apoio a unha consulta convocada por unha lei que foi suspendida na súa eficacia polo Tribunal Constitucional e ademais diríxese claramente contra o disposto na Constitución Española”, en canto a que a soberanía nacional reside no pobo español e que o seu sistema de forma política é a monarquía parlamentar, alega o maxistrado.

“Trátase por tanto -continúa- dun referendo ilegal e, en consecuencia, os actos de apoio ao mesmo non poden estar amparados pola actuación do Concello de Madrid, nin utilizar locais do que este é titular, pois tamén á administración local alcanza o disposto na Constitución Española”. “Un municipio tamén ten obrigación de cumprir as leis vixentes”, engade noutro punto do auto.

“Bens municipais” contra “intereses xerais”

“É evidente que os bens municipais ten como función principal servir os intereses xerais, entre os cales non pode incluírse, de ningún xeito, a pretensión de realizar actos públicos en favor dun referendo ilegal, suspendido polo Tribunal Constitucional e que atenta directa, clara e gravemente contra a unidade de España”

O evento está organizado polo colectivo Madrileños por de el Derecho a Decidir e contaba coa cesión do espazo por parte do Concello e a Xunta do Distrito de Arganzuela, que dirixe Rommy Arce.

No escrito presentado no xulgado, o Partido Popular no Concello de Madrid solicitaba a “medida cautelarísima da suspensión da autorización do uso do local municipal”, debido á “inmediata celebración do evento”. O grupo municipal popular apelaba “a extrema gravidade do seu desenvolvemento”, xa que, ao seu xuízo, supón un acto en apoio á lei do Parlamento catalán 19/2017 e ao decreto de convocatoria do referendo que o Tribunal Constitucional suspendeu.

O Partido Popular argumentaba no escrito que “a inmensa maioría do pobo español está pola convivencia, a liberdade e a Constitución” e que o acto supón unha “falta de respecto e obstrución á xustiza” porque está en xogo “o interese xeral da maioría de españois”.

A alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, referiuse ao acto esta terza-feira antes de ser coñecida a decisión do xuíz. Carmena defendeu que a tramitación de cesión cumpre cos requisitos e ten “toda a documentación correcta e non hai ningunha incidencia”.

Artigo publicado en eldiario.es (12/09/2017)