O xulgado de instrución núm. 31 de Barcelona abriu dilixencias previas para investigar os supostos delitos en que terían incorrido un grupo de activistas despois de cortar o tránsito na Avenida Meridiana e dúas delas se teren pendurado da ponte de Sarajevo. Un xornalista da Directa tamén foi denunciado embora estivese no lugar dos feitos para informar do protesto en exercicio da súa actividade profesional.

No pasado primeiro de maio comezou a greve de fame de cerca de vinte persoas presas para reclamaren melloras nas condicións de reclusión nos centros penitenciarios do estado español. O obxectivo era iniciar unha primeira acción coordenada entre todas as persoas que participaban na proposta e os grupos de apoio para visibilizar os doce puntos da batela de reivindicacións.

 

O atestado de denuncia elaborado polos Mossos permite ao xulgado abrir un procedemento penal polos cargos de atentado e resistencia á autoridade, lesións, desobediencia e risco para a circulación.

 

A greve de fame nas prisións -que durou entre cinco e quince días- recolleu o apoio dunhas cuarenta persoas que no 9 de maio cortaron a avenida Meridiana de Barcelona durante uns minutos para exhibir unha faixa solidaria co protesto. Posteriormente, dúas activistas penduráronse da ponte de Sarajevo ao tempo que o resto tentava colocar unha faixa na ponte. A rápida chegada de numerosas dotacións de Mossos d’Esquadra, incluídas unidade anti-disturbios, desactivou con man dura o protesto, duas persoas foron detidas e o resto identificadas.

O atestado de denuncia elaborado aquel día polos Mossos d’Esquaddra permite agora ao xulgado de instrución número 31 abrir un procedemento penal contra quince destas persoas polos cargos de atentado e resistencia á autoridade, lesións, desobediencia e risco para a circulación. Mediante a lei de seguranza cidadá 4/2015 (a Lei Mordaza), tamén foi aberta unha denuncia administrativa por manifestación non comunicada, desobediencia, resistencia e faltas de respecto e consideración aos axentes dos Mossos d’Esquadra. Entre as persoas denunciadas está o xornalista da Directa Guille Larios, que estaba no lugar dos feitos cubrindo o protesto no exercicio da súa actividade profesional. Todas foron citadas a declarar os días 20, 21 e 22 de xuño na Cidade da Xustiza.

Fonte: Directa