Os acusados, xulgados na Audiencia Provincial de Palma de Mallorca, fan face a unha pena conxunta de máis de 20 anos de cárcere por supostamente “humillaren, menosprezaren e ridiculizaren” a súa compañeira, que insultaban chamándolle “boyera de mierda”.

 

Manifestación contra la homofobia / EUROPA PRESS

 

Desde a pasada segunda feira, a Sección Segunda da Audiencia Provincial celebra o xuízo polo suposto caso de homofobia na Policía Local de Palma polo que un ex comisario e dous ex membros da unidade motorizada fan face a unha pena conxunta de máis de 20 anos de cárcere por supostamente “humillaren, menosprezaren e ridiculizaren” a unha compañeira por ser homosexual durante case dez anos.

Segundo o escrito de acusación, os feitos ocorreron entre 2007 e 2016, período en que os dous membros da unidade motorizada, R.P. e A.J. dirixíronse á súa compañeira, tanto nas dependencias policiais como fóra, con expresións como “boyera“, “boyera de mierda“, “tijeras“, “tijeritas“, entre outras. Fixérono de maneira “insistente e diariamente”, subliña o Ministerio Fiscal. Tamén, detállanse outras acusacións, como que contaban piadas de lésbicas, simulando que a vítima era a persoa do piada.

Así mesmo, explícase que R.P., após usar a moto da vítima, partiu ovos na mesma e preguntoulle despois se gostara  da tortilla. Tamén lle desinflaban ou furaban as rodas da moto.

Compre salientar que en 2009, ante “o insufríbel da situación, a vítima denunciou ante o ex comisario R.E. mais este zombou da denuncia e díxolle que se non estaba contenta na unidade marchase a outra, ao que engadiu que era “una boyera de mierda” e que era “la causante del problema“. Despois de ver que o comisario non emprendía ningunha investigación e vendo que a cousa empeoraba, a vítima mudou de destino á USOP.

Denuncia falsa, intimidación e coacción

A escalada de hostilidades aumentou cando a vítima denunciou os feitos, sen dar nomes, nunha radio local. Isto provocou que R.P. e A.J. tentasen que compañeiros seus declarasen que a viron maltratando un detido e que se presentase unha denuncia falsa por este asunto.

Así mesmo, a vítima sufriu diferentes accións de intimidación e coacción que lle provocaron un menoscabo psíquico que precisou de tratamento psiquiátrico e psicolóxico prolongado e polo que estivo de baixa por máis de dous meses.

Por isto, o fiscal pide 10,9 anos de cárcere a R.P., 6,6 anos a A.J. e 4,6 anos ao ex comisario. Entre outros, o Ministerio Fiscal impútalles delito contra a integridade moral, omisión do deber, lesións, denuncia falsa e presentación de testemuños falsos.

Fonte: Público