Nun vídeo gravado por un votante vese claramente como o axente, cun colete amarelo reflector da policía xudicial e a cara semi-oculta, pisa forte coa planta do pé nun home que está no chan, probabelmente caído por mor da acción dos antidisturbios, e o afasta con violencia dun pontapé.

Segundo explicaron fontes xurídicas, o axente explicou que el era un dos encarregados de retirar as urnas. Cando ían entrar no centro escolar, momentos antes da agresión, tropezou con algún elemento da mobilia urbana, e para non perder os axentes que ían diante afastou o home.

Na segunda-feira tamén declarou un mando que actuou na escola Prosperitat, en Nou Barris, e que tería arrancado parcialmente a orella a un votante. O home respondeu a todas as partes, é o primeiro policía nacional que o fai, mais negou que fose el quen agrediu o ancián. Segundo a vítima, un axente arrastrouno uns metros pola orella para o sacar da escola, con tanta forza que lle arrancou parcialmente a pel de detrás do pavillón auditivo. El identificou claramente a cara do agresor e foi atrás del até poder fotografar o número de identificación das costas. No entanto, o policía negou que fose el.

En todo caso, este mando dixo que non viu violencia por parte dos manifestantes nin dos policías e que tampouco viu feridos nin ambulancias. Este policía explicou que tiña cinco axentes a cargo e ordes doutro mando e por radio.

Cargas da Escola Ramon Llull

Por outra banda, o xulgado tamén tomou declaración a tres antidisturbios que actuaron na escola Ramon Llull, no Eixample. Trátase de tres atiradores que terían intervido no mesmo lugar que recibiu o impacto dunha bola de goma Roger Español. Os tres dixeron que estaban na beirarrúa contraria ao ferido, e portanto non foron eles quen disparou a bola que provocou a perda de visión dun ollo ao manifestante, quen non viron.

Preguntados polo maxistrado instrutor, non souberon detallar canto tempo pasou entre as salvas de aviso e os disparos con bolas de goma. En todo caso, dixeron que moitos dos votantes os ameazaran dicindo que acabarían “encurralados” como a Garda Civil o 20-S na Conselleria de Economia e outros sentíronse “secuestrados” cando os votantes sentaron no medio da rúa e non deixaban pasar as furgonetas antidisturbios.

Outro axente que interveu na escola Ramon Llull explicou que el levaba unha cámara de vídeo inserida no capacete e asistía ao mando sobre o terreo. Está investigado por supostamente dar un pontapé no esternón a un votante. El negouno, e dixo que lle dera un golpe co xeonllo para o afastar e manter a distancia de seguranza, xa que o colete non protexe os xenitais. De feito, a Avogacía do Estado, que o defende, quixo mostrar o vídeo gravado polo mesmo axente, aínda que fontes presentes na sala non souberon ver que as imaxes o exculpasen. Sobre as lesións no esternón sufridas polo votante, o axente dixo que poderían ser debidas a unha cotenada dalgún outro policía.

Finalmente, o xulgado decidiu pospor a declaración de Roger Español, citado para este próximo venres, até o 21 de xaneiro, xa que este 21 de decembro pode complicarse a seguranza, mobilidade e axenda dos avogados. Español estaba citado como investigado, por supostamente agredir algúns policías, e como vítima.

El Nacional