Baséase nun decreto de hai catro décadas polo que a enseña española ten que lucir nos barcos amarrados en porto nos festivos oficiais. Unha actuación que se une ás sancións impostas nestes anos a embarcacións pesqueiras galegas por traballar dentro das rías sen levaren en lugar ben visíbel a bandeira do Reino de España.

 

 

O pasado mes de marzo unha embarcación de recreo no porto de Ribadeo foi multada por non ter izada a bandeira española o 24 de decembro pasado, Noiteboa, data festiva. Un suceso do que informaba El Progreso, xornal no que Capitanía Marítima explicaba que tramitara a multa debido a que a Garda Civil remitira unha denuncia a este respecto. Un decreto de 1980 fixa que as embarcacións amarradas a porto de menos de 24 metros de eslora deben ter izada a bandeira española a bordo nos días festivos oficiais. E noiteboa éo.

O que semellaba que podía ser un feito illado non foi tal e outras embarcacións, de recreo e pesqueiras, da comarca teñen sido multadas nestes meses por non lucir a bandeira española. O que xerou malestar entre o sector do mar, sorprendido porque desde a Garda Civil se resgate agora o artigo dun decreto de hai case 40 anos. Diferentes organismos da comarca da mariña expresaron o seu malestar por este actuar do instituto armado.

Non son casos isolados. A finais de 2017, Manuel Iglesias, patrón e armador do pesqueiro ‘Cabo de Hornos II’, tivo que pagar una multa de 100 euros por ter izada no barco unha bandeira galega de tamaño non inferior á española. A cousa puido ser peor pois o expediente sancionador, aberto pola Capitanía Marítima de Santander a denuncias da Garda Civil, contemplaba unha multa de até 120.000 euros. “Paguei os 100 euros, claro, pero continúo sen verlle ningún sentido á multa”, recoñecía Iglesias naquela altura en conversa con Sermos Galiza.

En 2015 dúas embarcacións de artes menores da Coruña foron sancionadas por non levar a bandeira española. E en 2013 desde o sector do mar da Ría de Arousa denunciábase que a Garda Civil multaba embarcacións pesqueiras por non levar a bandeira española. A proposta de sanción podía chegar aos 1.500 euros. As sancións eran levantadas pola Garda Civil que as remitía á Capitanía Marítima, que é quen ten competencia sobre este tema. Varias embarcacións da zona de Aguiño, Santa Uxía de Ribeira e A Pobra do Caramiñal foran interceptadas nesas semanas por axentes do Instituto Armado e sancionadas por non levaren ondeando en popa a bandeira de España, recoñecían fontes de confrarías do Barbanza. A maioría eran pequenas embarcacións pesqueiras que non chegan aos seis metros de eslora.

Fonte: Sermos Galiza