Chus Álvarez é a Responsábel de América Latina da Alianza Global contra a Trata de Mulleres

 

A Alianza Global contra a Trata de Mulleres¹ (GAATW polas súas siglas en inglés) naceu en 1994. Mulleres migrantes, estudantes e traballadoras que vivían en Holanda uníronse para analizar as súas distintas vivencias. Querían entender as realidades do proceso migratorio e o papel que as súas diferentes situacións de partida xogaban á hora de converterense en traballadoras sexuais sen papeis ou estudantes con documentos. Daí foi agromando a urxencia de vincular as cuestións migratorias coa trata de persoas. E daí á necesidade de se constituíren como unha alianza de ámbito internacional que puxese o foco nos dereitos das mulleres e no apoio ás organizacións de loita contra a trata. Á hora de decidir onde abrir a súa sede, optaron por Bangkok. Moitas delas proviñan de Tailandia e entre este país e Holanda preferiron chantar as raíces no Sur Global.

 

Resultado de imaxes para alianza global contra trata mujeres

 

Chus Álvarez (Ávila, 1979) forma parte do equipo de GAATW e participou nun dos últimos estudos realizado por esta rede, unha investigación en sete países acerca de como a organización das mulleres traballadoras sexuais pode mellorar as súas condicións de vida e loitar contra a trata de persoas. Os setes países elixidos representan posicións, estratexias e políticas dispares na abordaxe da prostitución, desde a despenalización até a criminalización total.

CTXT aproveitou unha visita de Álvarez a Madrid no principio do ano para tentar profundar en conceptos como a trata e o tráfico de persoas e abordar as principais conclusións do relatorio.

Por que as mulleres migrantes que crean GAATW deciden centrarse na trata?

A súa realidade migratoria permitiulles entender que migración e trata van unidas, que se cruzan, aínda que as políticas globais e de migración as separen. Mentres hai un discurso de protección ás vítimas de trata e de defensa dos seus dereitos, tamén existen políticas migratorias cada vez máis restritivas que fechan as fronteiras e dificultan o movemento de persoas. Unha das nosas principais liñas de acción para combater a trata é traballar por unha migración segura, con dereitos. Este é un dos modos máis realistas de loitar contra a trata.

Cantas organizacións forman parte da Alianza e que características teñen?

Somos máis de 80 organizacións. Estamos en América Latina, Norteamérica, Europa e Asia, principalmente. Son todas organizacións autónomas, moi diferentes entre si. Hainas centradas en persoas migrantes, atención a persoas en situación de trata, de infancia, asociacións de traballadoras sexuais ou domésticas. Non definimos como teñen que actuar, mais si uns principios cos que as entidades han de comprometerse: traballar desde un enfoque de dereitos humanos; pór no centro as persoas a que están atendendo; e que, aínda que non se definan sobre a cuestión do traballo sexual, non participen en actividades en contra da prostitución.

Que é a trata?

A definición de Palermo [Protocolo contra a trata de Nacións Unidas] establece que para que haxa trata ten que haber transporte dunha persoa, que ese transporte se faga con engano e que o fin último deste sexa a explotación. Cométese un crime contra unha persoa.

E o tráfico?

O tráfico é basicamente facilitar a entrada dun país a outro de maneira irregular. É un crime contra o Estado. As políticas migratorias restritivas pon muros a certas persoas, físicos ou en forma de visados imposibeis, mais iso non para os movementos migratorios, fainos máis perigosos. Esas vías alternativas e irregulares son o que chamamos tráfico de persoas. Hai varios problemas coa identificación que se está facendo de tráfico con trata. Por unha banda, moitos dos fondos que se din destinados a trata en realidade están sendo destinados a fortalecer as fronteiras. E, doutra banda, fai que moitas organizacións da sociedade civil embarquen no proxecto de loitar contra o tráfico, entendendo que é unha maneira de protexer os dereitos das persoas migrantes, cando o que están a facer é apoiar os gobernos a criminalizar a migración irregular.

Nas situacións de tráfico non se pode dar tamén explotación? Cal é a liña de separación entre trata e tráfico?

No papel a separación é moi clara. Mais na realidade hai casos de tráfico en que unha persoa arranxa con outra como vai entrar nun país e todo sae tal e como é acordado e outros que terminan sendo trata porque cando chega ao país retíranlle o pasaporte, non se pode mover nin denunciar e outra persoa obtén un beneficio económico da situación. Noutros casos a explotación pode ocorrer unicamente durante o transporte dun país a outro, polo que non sería trata, mais si habería explotación. O problema é que cando estes casos chegan á xustiza estas persoas son criminalizadas, porque incorreron nun crime contra o Estado ao entraren no país de maneira irregular. Entón, aínda que teñas sufrido explotación hai veces que non queres denunciar porque vas acabar criminalizada e deportada en lugar de ser asistida. É moi común.

 

Resultado de imaxes para alianza global contra trata mujeres

 

Hai fondos e medidas que se din destinados á loita contra a trata e en realidade a favorecen?

Hai. En GAATW documentamos como as políticas de loita contra a trata prexudican moito quen migra, especialmente as persoas máis vulnerabeis. O problema é que a cuestión da trata non é tan sinxela como pretenden facernos ver, que hai un tipo malvado ou unha mafia que mete unha persoa nun país onde hai outro tipo que a explota. Portanto, as medidas para abordala tampouco deberían simplificarse. Hai unha chea de situacións económicas, políticas, sociais, históricas que provocan migracións en situacións de moita vulnerabilidade e é esa vulnerabilidade creada a que favorece os casos de trata. Crear políticas contra a trata destinadas principalmente a fortalecer as fronteiras só dificulta a migración e faina máis perigosa.

Que consecuencias ten a asociación sistemática de trata e tráfico? Deberían ser abordados por separado?

Deberían, si. O tráfico é un crime contra o Estado, mais é a única opción que as políticas migratorias restritivas deixan a certas persoas que queren migrar. Non é que pensemos que o tráfico é algo paradisíaco, en moitas ocasións tamén se dan situacións de explotación, mais son esas situacións as que deberían ser criminalizadas. Na trata está clarísimo que hai unha situación de explotación. E iso é un crime contra as persoas. En ambos os casos a prioridade debería ser a protección e garantía dos dereitos humanos.

E que políticas serían máis adecuadas á realidade que ve a Alianza e as asociacións coas que traballan?

Por unha banda, existe a necesidade de fortalecer as persoas traballadoras para defender os seus dereitos laborais. Romper coa precariedade e a explotación que se acepta como norma, xa sexas nacional ou migrante. Doutra banda, están as políticas migratorias. Habería que tratar de facer políticas que non fechen as portas, senón que as abran e organicen esa migración, que se vexa como poden entrar esas persoas sen estar en continuo perigo, sen vivir na necesidade de aceptaren condicións de explotación porque o que lles pode pasar se non as aceptan é peor, e en moitas ocasións implica ser deportadas.

Como temas concretos, por exemplo, durante a realización do relatorio, vimos que, nalgúns países, como Nova Zelandia, a policía que traballa contra a trata e con traballadoras sexuais non tenta tamén localizar persoas sen documentación. Esta é unha das medidas que se reclama en España. Se non teño documentos e a policía, que supostamente ten que protexerme e en que teño que confiar para denunciar un caso de explotación, é a mesma que pode deportarme, non vai haber denuncia porque non vou ser protexida. Hai unha falta administrativa que se pon por riba dos dereitos humanos da persoa a que se atende.

Na GAATW traballamos coas organizacións para que as persoas cando migran teñan o maior número de ferramentas para poder defenderse de situacións de explotación, que coñezan os seus dereitos, a realidade do país ao que van emigrar, as organizacións coas que poden contar, as situacións coas que poden topar e cal é a rede que pode ter no seu país de orixe ou de destino.

 

Resultado de imaxes para alianza global contra trata mujeres

 

Cando se fala de trata, adóitase falar de trata asociada á prostitución ou con fins de explotación sexual. Hai diferenza entre a prostitución e trata?

A Alianza recoñece que a prostitución é un traballo e portanto se hai explotación, é unha explotación laboral. Evidentemente sabemos que hai situacións de trata e explotación dentro da industria do sexo. Mais non ten ningún sentido que se identifique prostitución con trata e que se considere que erradicando a primeira termína a segunda. A trata e a explotación teñen causas máis complexas. Para erradicar a trata hai que abordar esas causas. Cando se persegue e criminaliza o traballo sexual, o único que se fai é perseguir e criminalizar quen o exerce e ameazar a súa fonte de recursos económicos. Outra das consecuencias de identificar unha cousa coa outra é que se invisibilizan os casos de trata que se dan noutros sectores. Ademais, fanse políticas e actividades que non abordan o problema. En España, por exemplo, moito do diñeiro que debería ser para loitar contra a trata e atender as persoas que foron explotadas gástase en facer campañas de sensibilización contra a prostitución.

Cales son esoutros sectores máis descoñecidos en que se dan casos de trata?

O sector téxtil, por exemplo, é moi común en Asia e América Latina. Na agricultura, onde, ao desenvolverse lonxe das grandes cidades é máis difícil de ver, tamén ocorre aquí en España. Nos barcos pesqueiros tamén hai bastantes casos. No traballo doméstico. A GAATW traballa con moitas asociacións en Asia e Oriente Medio que detectan moitísimos casos de traballadoras domésticas que van a países como Líbano, Qatar ou Emiratos onde se dan situacións moi moi duras.

Fálase sobre todo de trata de mulleres, hai trata de homes ou de nenos?

Esa é outra grande frase que se repite, que a maioría das vítimas de trata son mulleres. E non é así. Os datos estatísticos bailan un pouco e, ás veces, non hai datos moi fiabeis, mais o relatorio da OIT da 2012 mostra un número moi igualado entre mulleres (55%) e homes (45%). Un 90% do total serían explotadas por persoas ou empresas, destas o 22%, con fins de explotación sexual e o 68%, con fins de explotación laboral. O 10% restante serían persoas en traballo forzoso imposto polo goberno ou estados militares. O que ocorre é que, dentro dos casos de trata con fins de explotación sexual, a maioría son mulleres. Respecto ao número de mulleres en prostitución que son vítimas de trata, tamén estas cifras bailan. Por exemplo, se procuras na internet ves que se repeten cifras altísimas, mais ningunha ten unha base, unha fonte fiábel. A máis confiábel sería a do relatorio de 2010 sobre trata, da Oficina de Nacións Unidas contra a Droga e o Delito: aproximadamente o 14%.

Ao longo do ano pasado levastes a cabo un relatorio en sete países acerca do papel que pode xogar a autoorganización das traballadoras sexuais na loita contra a trata. Cales son as principais conclusións?

Nada do que dicimos é, en realidade, novo. Xa o dixeron antes as organizacións de traballadoras do sexo, mais non se quere escoitar. Unha das conclusións é que o discurso popular sobre a trata de persoas e o traballo sexual funde os dous conceptos e tenta abordar as dúas realidades como se fosen unha única. Isto prexudica tanto as persoas que exercen o traballo sexual como as que son obxecto de trata. En todos os países que investigamos as traballadoras sexuais fan unha diferenza clara entre as situacións de trata, que coñecían e que recoñecían claramente como un crime, e o discurso contra a trata, políticas e afirmacións que lles afectaban directamente, influíndo nas súas condicións laborais, na imaxe que os medios mostran delas, etc.

Outra das conclusións é que as traballadoras están unidas contra todas as formas de violencia, coacción e explotación que existan no traballo sexual, ben sexa trata, un abuso dun cliente ou de alguén que rexenta un local, ou mesmo un conflito entre elas mesmas. Isto é importante porque o imaxinario que se constrúe ao redor da trata de persoas invisibiliza e desatende o resto de situacións precarias e de explotación que poden darse no sector.

Tamén se destaca que hai unha contribución das organizacións de traballadoras sexuais que non se ten en conta. Non son escoitadas nin convidadas ás mesas onde se negocian políticas públicas ou estratexias contra a trata. Así que por unha banda moitas voces xeneralizadas din que a trata é só prostitución, mais cando teñen que decidir sobre estratexias para abordala non contan coas organizacións de traballadoras sexuais. Noutros sectores como o téxtil ou de traballadoras domésticas trátase de incluír as persoas que traballan nel, mais isto non acontece co traballo sexual. Contodo, estas organizacións xa utilizan estratexias para loitar contra a explotación que funcionan. Na nosa investigación viamos, por exemplo, que todas estas organizacións coinciden en que o principal é escoitar as persoas, ver o que pasa e que deciden, e apoialas. E, contodo, iso non fai. Hai moitísimas políticas contra a trata que se centran en denunciar, denunciar, denunciar, para poder entrar dentro dos procesos de protección, cando, aínda que denuncien, as mulleres en situación de trata non teñen protección. É máis unha cuestión de pillar un criminal que de protexer dereitos.

As traballadoras sexuais xa están a contribuír á loita contra trata, a prevención e a protección mediante a autoorganización e por iso é chave apoialas nese proceso.

 

Resultado de imaxes para alianza global contra trata mujeres

 

Como acontece isto?

Como en calquera outro sector laboral, cando as persoas traballadoras están organizadas teñen moita máis forza para se protexeren fronte a abusos. En todas as entrevistas que fixemos coas asociacións o que fomos vendo é que todas as traballadoras sexuais que se organizaron con outras son moito máis fortes ante situacións de explotación. Isto non significa que sexan inmunes aos abusos, senón que teñen máis ferramentas para os prevenir, para velos vir e, se acontecen, poder enfrontalos coas súas compañeiras.

Cando as organizacións nos contaban os servizos que ofrecen, falaban de asistencia ou orientación. Dar información do que se pode ou non se pode facer, informar dos dereitos que teñen, da contorna laboral en que están, das políticas públicas e as leis que poden afectarlles, explicarlles que poden negociar e que son elas as que teñen o poder, iso é fortalecer unha persoa para enfrontar unha situación de explotación que, ás veces, non é tan fácil de identificar. Crear un espazo onde as traballadoras sexuais poidan organizarse, falar, compartillar, fortaléceas e fainas máis conscientes dos seus dereitos e de cando non son respectados. Iso é outra forma de loitar contra a explotación.

Algo máis a salientar?

No relatorio sinálase tamén que as etiquetas non teñen ningún sentido. Sempre se tenta ver en que casas encaixas, se es unha vítima de trata, se es unha vítima de tráfico, se es unha prostituta. No canto de centrarse en que lle pasa a esa persoa, que demanda, que dereitos foron violados… As etiquetas non teñen ningún sentido, porque ademais crúzanse. Por exemplo, no estudo hai un exemplo da África do Sur, onde moitas mulleres foran obxecto de trata, mais elas non o identificaban así. Após saldaren a débeda, xa non tiñan que seguir exercendo o traballo sexual e con todo decidían facelo fronte a outras opcións. É dicir, que vivas unha situación de trata non significa que fiques para sempre nela, é un proceso, podes comezar nunha situación de tráfico, caer despois nunha de trata, saír desta situación, caer despois noutra situación de explotación. Non ten moito sentido tentar pór etiquetas para decidir que tipo de atención darlles en lugar de escoitar atentamente o que esas persoas din.

Até que punto esas etiquetas estigmatizan e fannos ollar para as mulleres de determinadas zonas sempre como vítimas de trata e por tanto como prostitutas?

Estigmatizan, sí, moitísimo. As traballadoras sexuais contábannos como as afecta a imaxe que os medios dan do que significa ser vítima de trata: unha muller atada a unha cama, que non ten ningún dereito, abusada sexualmente… É outra forma de estigmatización. Por unha banda, fai crer que todas as persoas que exercen o traballo sexual son explotadas e á vez crea un imaxinario sobre o que significa explotación que impede as traballadoras sexuais e a quen pretende apoialas identificaren abusos máis cotiáns. Como dicía unha das traballadoras sexuais, todo o demais que nos pasa, as longas horas de traballo, se quedan co noso diñeiro ou nos están sisando unha parte, a ninguén lle interesa. O único que interesa é se son agarrada polo pescozo ou se son violada ou se vai en contra da miña vontade, todas as demais cousas que me pasan e que tamén son explotación a ninguén lle importan. A etiqueta púxose tan alta que todas as outras situacións de explotación que están por baixo invisibilízanse.

Mais se se elimina a etiqueta, como se pode axudar estas mulleres a nivel xudicial se non tes un delito identificado?

O que nós vemos no noso traballo é que hai moitas organizacións que dan esa asistencia sen entrar a adxudicar a etiqueta de vítima de trata. Dan asistencia a esas persoas polas situacións que viviron, pola violación de dereitos. Daí é donde debería empezar a asistencia ás vítimas, comezar por restituír dereitos. É certo que a nivel xudicial é necesario ter un delito que perseguir, mais existe unha confusión terminolóxica (e ideolóxica) que non axuda moito. Neste tema sempre se fai unha simplificación: ou es unha traballadora sexual súper empoderada e non che pasa nada malo ou es unha vítima de trata a que lle pasa todo o malo e sen capacidade algunha de acción. Estes dous extremos non representan a amálgama de situacións que hai no medio e ás que hai que dar resposta.

Cando vinculamos sempre trata con prostitución son vitimizadas as mulleres que exercen esta de maneira voluntaria? Desempoderámolas?

Así é, esa identificación aféctaas, todas, as vítimas de trata e as traballadoras sexuais. Ofrécense medidas ás traballadoras sexuais que non necesitan. Elas necesitan unha promoción dos seus dereitos, romper co estigma, poderen exercer a súa profesión en liberdade, sen seren xulgadas nin estigmatizadas. E a mulleres en situación de trata ofrécenselles opcións que non teñen en conta a súa situación persoal porque se centran unicamente en ‘tiralas’ da prostitución. Por exemplo, no grupo de discusión que fixemos en Madrid unha das traballadoras sexuais comentábanos que estivera asistindo a uns cursos ofrecidos por organizacións contra a trata e que a opción laboral que lles ofrecían eran empregadas de piso, cando en España este é un das contornas laborais onde máis explotación existe. Cal é o problema entón coa prostitución? É unha cuestión de explotación ou de moral? Temos que comezar a falar máis claro e ver cal é o debate que temos. Non é posíbel pór os dereitos das persoas por baixo da nosa moralidade, da nosa ideoloxía. Ao final dás alternativas que levan a condicións moi precarias, a condicións de explotación. Se o problema coa prostitución é que explota as mulleres, entón a solución proposta non cadra. É hipócrita.

 

Resultado de imaxes para alianza global contra trata mujeres

 

No estudo abordaron sete países con situacións diferenciadas canto á abordaxe da prostitución. Analizaron como estas diferentes realidades contribúen ou non á loita contra a trata?

Si, por exemplo, en Nova Zelandia hai despenalización. O que sae durante toda a investigación é que as condicións de vida e laborais das traballadoras sexuais eran mellores. Nos servizos sociais, nos de saúde ou na policía o estigma pesa menos á hora de falar cunha traballadora sexual e así poden obter información chave para abordar casos de explotación. E, contodo, é moi rechamante o que ocorre coas mulleres migrantes. Como medida de prevención contra a trata, din, as mulleres migrantes en Nova Zelandia non poden exercer o traballo sexual legalmente. Así que continúan facéndoo, mais sen estaren protexidas polo cadro legal daquelas que son nacionais. Isto é moi significativo e permitiunos ver como os problemas identificados polas traballadoras sexuais noutros países onde se criminaliza o traballo sexual, en Nova Zelandia só afectan as mulleres migrantes.

Estas mulleres migrantes poderían caer en situacións de trata, mais ao mesmo tempo a xustificación para excluílas é evitar a trata?

É. O argumento baséase en que se puidesen legalizar a súa situación mediante o traballo sexual, iso abriría as portas a trata e á explotación, cando a evidencia di xusto o contrario. Por iso insistimos en como se utilizan politicamente os diferentes conceptos. Os gobernos non son sinceros co que queren facer coas leis. Ao final, e isto é o que sae no relatorio, trátase de racismo e dunha lei migratoria xenófoba que as deixa fóra para non as incluír na sociedade neozelandesa.

Outro dos países estudados é o Canadá. Este, ao estilo sueco, criminaliza o cliente. Cales foron as conclusións canto ás condicións das traballadoras sexuais e as vítimas de trata?

Os resultados foron moi parecidos aos que saíron en todos os outros países en que existen políticas que criminalizan o cliente. Ao final isto sempre afecta as traballadoras sexuais. A situación parécese moito á de España, onde as multas provocan unha ‘mordida’ importante nos seus ingresos polo que teñen que traballar máis horas e mesmo facer servizos máis perigosos, mais mellor pagos. Ademais teñen menos tempo para negociar cos clientes os servizos e como se van a facer porque estes teñen medo de seren apañados ou teñen de ir a lugares máis afastados para realizaren os servizos, o que as coloca nunha situación de maior vulnerabilidade.

Daqieña os modelos que penalizan o cliente teñen un efecto positivo contra trata con fins de explotación sexual? Conseguen diminuíla ou provocan situacións de maior ocultamento e, portanto, de maior vulnerabilidade?

O tema con isto é que dependendo da información que queiras obter podes obtela. Que quero dicir? Que hai moi poucos estudos obxectivos e amplos. O noso, por exemplo, é moi reducido e sabémolo, é unha mostra moi limitada. Estudos máis amplos e que sexan serios sobre o que me preguntas non existen. Por exemplo, Suecia ten unhas relacións públicas marabillosas que che dirán que todo o seu proceso funciona xenial e que os de todos os demais países, como aqueles que despenalizan, funcionan moi mal. Para nós o importante é poder falar coas persoas a que, de verdade, afecta, as que están no final da cadea. Sabemos que estas políticas de modelo sueco afectan negativamente as traballadoras sexuais e tampouco temos tan claro que beneficien as vítimas de trata. En Tailandia, por exemplo, onde está criminalizada completamente a prostitución, hai unha chea de organizacións internacionais que van cunha capa de superheroes ‘salvar’ as mulleres, e realizan unha chea do que chaman ‘rescates’. No ano pasado, nunha destas batidas foron detidas entre 80 e 90 traballadoras sexuais. Estaban a facer unha redada para identificaren vítimas de trata, mais ao final o que fixeron foi deter traballadoras ás que nin sequera permitiron mudar de roupa nin comunicar cos seus familiares. A súa única comunicación foi con Empower, a organización de traballadoras sexuais coa que realizamos a investigación. Ao final non foi identificada ningunha vítima de trata entre as detidas, mais deportaron as que non eran nacionais e publicaron fotos nos medios sen ningún tipo de respecto pola privacidade. Esta situación repétese en moitísimos países. A experiencia e os datos que nos van dando as entidades indícanos que o dano que se fai é moitísimo maior que o beneficio.

Cando se fan este tipo de redadas que pasa coas vítimas?

En moitos casos as mulleres son deportadas aos seus países de orixe. Ás veces, isto implica seren devolvidas a situacións das que en principio tamén querían protexelas, situacións de explotación que poden pasar no seu lar ou na súa comunidade. As organizacións de traballadoras sexuais poñen sempre o foco na cuestión da asistencia. Cóntannos que apenas hai servizos que atendan as mulleres e que lles den o que necesitan. No ámbito global ponse sempre o foco no aspecto criminal da trata. As vítimas son moi utilizadas para poder perseguir os criminais ou as organizacións criminais. A iso préstase moito interese, mais non escoitamos de políticas públicas que, de verdade, protexan os dereitos das persoas en situación de trata. Estas son atendidas por organizacións da sociedade civil.

En moitos países a protección das vítimas pasa pola denuncia, que pensades disto?

Si, así é.  Afortunadamente as organizacións da sociedade civil están a pelexar para mudar iso. En Colombia a Lei contra Trátaa esixía que a persoa obxecto de trata denunciase para ser atendida. Contodo, no ano pasado, a sociedade civil organizada conseguiu eliminar ese requisito.

Os gobernos son responsabeis de protexer os dereitos humanos, independentemente de que exista unha denuncia ou non.

Amanda Andrades

CTXT

 

¹ O español, língua orixinal do texto, diferencia entre  ‘trata’ e ‘tráfico’ de persoas (como a entrevistada esclarece máis adiante). Para evitar problemas de intelección mantemos esta diferenza na versión galega.