O suposto francotirador que quería acabar coa vida do presidente do goberno español, Pedro Sánchez, está en prisión acusado de conspiración para atentar contra autoridade con uso de arma, delito de ameazas graves, delito de tenza ilícita de armas, municións e explosivos e un delito de odio. O arsenal de armas que acharon na súa casa e as ameazas nun grupo de Whatsapp marcan a investigación e a instrución xudicial que, neste momento, descartou o delito de terrorismo. Por que?

Manuel Murillo franctirador Pedro Sánchez - Facebook

 

As comparacións son odiosas, e nun contexto de tensión permanente co estado español, a policía e a xustiza, a partir do 1-O e o proceso independentista, que a Garda Civil detivese dúas activistas CDR e as mantivese  acusadas de terrorismo durante 7 meses e que os Mossos de Esquadra e o xuíz non acusen do mesmo delito o home que pretendía matar Sánchez, subiu a intensidade do malestar. E, como costuma acontecer, o malestar transmítese nas redes, altofalante cidadán do século XXI.

Para saber por que motivos, neste caso, non hai acusación por terrorismo, hai que mirar os inicios da investigación, o Código Penal e, tamén, o criterio do xuíz, que é quen, no fin de contas, acaba tipificando os delitos.

Os Mossos d’Esquadra deteñen o suposto francotirador, Manuel Murillo, despois do aviso dunha muller que ve os seus comentarios nun chat de Whatsapp. Comentarios que cada vez collen máis intensidade ao punto de converterense en ameazas e de pedir axuda para cometer un atentado e matar o presidente do Goberno. Cando os Mossos o deteñen, atópan un arsenal de armas na súa casa. Cousa que fai “que pese máis a tenza de armas que as ameazas”. E iso é o que fai que os Mossos acaben pondo o suposto francotirador en mans do xuíz cos cargos do delito de tenza ilícita de armas.

Despois é o xuíz, unha vez tomada declaración ao acusado, quen decide as medidas cautelares e os delitos polos cales é investigado. E neste caso determina o delito de conspiración para atentar contra autoridade con uso de arma, delito de ameazas graves, delito de tenza ilícita de armas, municións e explosivos e un delito de odio.

Non hai terrorismo mais si conspiración para atentar contra a autoridade. A principal diferenza que marca o criterio do xuíz é a non existencia de organización criminal vinculada aos feitos nin a pertenza do detido a ningunha organización.

No caso dos CDR, a Garda Civil investigaba Tamara Carrasco e Adrià Carrasco a partir de accións organizadas conxuntamente. E de aquí xurdía a idea da organización criminal que avalaba o delito de terrorismo, aínda que nos rexistros alén dun mapa e uns folletins, non acharon máis nada.

Outro caso recente, mais de signo contrario, é a acusación de terrorismo ao atacante da comisaría dos Mossos d’Esquadra de Cornellà. Neste caso, a policía catalá tampouco atribuíu o delito de terrorismo ao atacante nun primeiro momento porque era necesario que a investigación avanzase e obtivese probas.

O delito de terrorismo fai referencia “á comisión de calquera delito grave contra a vida ou a integridade física, a liberdade, a integridade moral, a liberdade e indemnidade sexuais, o patrimonio, os recursos naturais ou o medio ambiente, a saúde pública, de risco catastrófico, incendio, contra a Coroa, de atentado e tenza, tráfico e depósito de armas, municións ou explosivos, previstos no presente Código, e o apoderamento de aeronaves, barcos ou outros medios de transporte colectivo ou de mercadorías”, se se fan con estas finalidades: “Subvertir a orde constitucional, ou suprimir ou desestabilizar gravemente o funcionamento das institucións políticas ou das estruturas económicas ou sociais do Estado, ou obrigar os poderes públicos a realizar un acto ou a absterse de facelo; alterar gravemente a paz pública; desestabilizar gravemente o funcionamento dunha organización internacional; provocar un estado de terror na poboación ou nunha parte dela”.

Neste caso o xuíz de instrución 3 de Terrassa non expuxo o terrorismo e encáixao no delito de conspiración para atentar contra a autoridade, que, segundo o Código Penal, contempla o ataque a membro do goberno e entre as tipoloxías concreta con “uso de armas e obxectos perigosos”. Tampouco o fixo a Audiencia de Barcelona cando rexeitou a petición para saír en liberdade do avogado do acusado, que ademais afianza os delitos investigados.

Franco e Catalunya

A intención de matar a Pedro Sánchez fica argumentada nas mensaxes de Whatsapp do detido pola exhumación do corpo de Francisco Franco.Mais, no recurso que presenta o avogado do acusado reclamando a súa liberdade provisoria, pon sobre a mesa o contexto político catalán. Di exactamente: “As manifestacións do investigado teñen que interpretarse no contexto da problemática política ocorrida en Catalunya”.

A defensa obvia o motivo principal do suposto atentado e mistura o procés.

El Nacional