O relatorio ‘Crecer sen Papeis en España’, de Save the Children e a Fundación Por Causa, denuncia que os menores teñen unha taxa de irregularidade dun 20,4%, moi por riba da do conxunto de poboación migrante sen papeis.

 

Iliany llegó a Euskadi desde Venezuela en junio de 2019 junto a su esposo Ulises, su hija Iluz y estando embarazada de su segunda hija, Dulce.

 

No Reino de España, 147.000 crianzas migrantes están en situación administrativa irregular. Esta cifra representa unha de cada cinco persoas de nacionalidade extracomunitaria rexistrada no padrón municipal. Segundo denuncia o relatorio ‘Crecer sen Papeis en España’, realizado por Save The Children e a Fundación Por Causa, as crianzas e adolescentes migrantes teñen unha taxa de irregularidade dun 20,4%, moi por cima da do conxunto de poboación migrante sen papeis, que se sitúa nun 13%.

A análise levada a cabo por ambas as organizacións ofrece unha radiografía da situación que a infancia migrante padece no estado español. O estudo denuncia que a existencia dunha poboación estranxeira sen papeis, en que os menores teñen as cifras máis alarmantes, posibilita “unha realidade en que unha parte da sociedade se sitúa un chanzo por baixo do resto no que respecta ao recoñecemento formal e práctico dos seus dereitos”.

No que toca á faixa de idade dos menores, o maior peso cae nos máis pequenos. No Reino de España, actualmente hai 55.327 nenos entre 0 e 4 anos en situación irregular, o que supón o 37,7%; 28.441 entre 5 e 9, que representa o 19,4%; 22.268 entre 10 e 14 anos, que reflicte o 15, 2 %; e, por último, os máis vellos, de entre 14 e 19 anos, rexistran unha cifra de 40.738 adolescentes, que establece o 27,8% da poboación total de menores irregulares no estado español en 2019.

FUNDACIÓN POR CAUSA
Canto á procedencia, o estudo apunta que tres de cada catro menores de idade en situación irregular son de América Latina. Colombia é o país de procedencia que máis destaca entre estes países. Un de cada seis crianzas sen papeis residente no Reino de España é colombiano. A seguir en orde de importancia veñen outros países da rexión como Honduras, Venezuela e o Perú. Así mesmo, aínda que África é o continente de orixe do 43% das crianzas migrantes que viven no noso país, só concentra o 13% daqueles que están en situación irregular.

 

 

 

O 37,7% dos nenos en situación irregular administrativa ten menos de 4 anos
As comunidades autónomas máis poboadas son as que máis densidade de menores irregulares integran. Na cabeza sitúase Catalunya, con máis de 34.000 nenos. Des`pos a Comunidade de Madrid con máis de 29.300 menores, o País Valencià, con 20.000, e Andalucía, con 14.000. Contodo, o estudo sinala que en termos relativos non se respecta esta tendencia, xa que algunhas das comunidades que presentan taxas moito máis altas de irregularidade, tamén están entre as menos poboadas. E apunta que Asturias, Galiza, Cantabria, Canarias e Euskadi teñen máis do 30% das crianzas migrantes nesta situación.

Así mesmo, o director xeral de Save the Children, Andrés Conde, destaca que a situación podería complicarse aínda máis como consecuencia da crise do coronavirus, a queda do emprego entre a poboación migrante e o seu impacto nas autorizacións de residencia.

A director da área de Investigación da Fundación por Causa, Gonzalo Fajul, advirte de que esta grave situación vai contrarreloxo: “De acordo coas nosas estimacións, o número de persoas migrantes en situación irregular en España podería verse aumentada nun número superior aos 160.000 traballadores, o que complicará moito máis as cousas. Isto supón un aumento do 42% sobre as cifras actuais, ás que hai que engadir a situación de irregularidade das crianzas derivada dos rexeitamentos ás peticións de protección internacional, e que a nosa análise estimou nuns 13.000 casos máis”.

Risco de pobreza e exclusión
A situación de desamparo administrativo causa consecuencias “tanxibeis, tráxicas e de longo alcance”, tal e como destaca estudo. As familias de persoas migrantes en situación de irregularidade teñen niveis máis baixos de renda e maior risco de exclusión. Unha situación que se agrava coa chegada dos fillos: a probabilidade de risco de pobreza para unha familia con menores a cargo e con nacionalidade española é do 14%. Se esta mesma familia é extracomunitaria, a probabilidade ascende ao 48%.

A educación está estreitamente relacionada co nivel da renda e risco de exclusión. O dereito á educación pode ser vulnerado ao non haber ningún rexistro administrativo sobre os menores estranxeiros que están no Reino de España, o que pode dificultar o acceso a exames oficiais, certificacións ou axudas públicas. “Esta situación non é a norma, senón o resultado do descoñecemento ou a arbitrariedade dalgunhas autoridades educativas”, critica o relatorio.

Moitas das familias destes menores non poden afrontar o pagamento das facturas médicas
As familias dos menores migrantes tamén se enfrontan a múltiplos obstáculos para conseguir faceren valer o dereito á saúde da infancia. Os sistemas sanitarios son diferentes en cada comunidade autónoma, polo que o acceso a un cartón sanitario non é igual para todos. En ocasións, as consultas poden carrexar facturas médicas con terribeis consecuencias financeiras.

A saúde mental tamén se ve afectada neste contexto. “Son doenzas máis difíceis de identificar polos sistemas sanitarios e de protección, mais, ao mesmo tempo, son as que deixarán unha pegada máis profunda”, advírtese no estudo. “O medo, a ansiedade e o trauma que as crianzas viven de maneira directa e perciben nas persoas adultas definirá as súas oportunidades na vida”, engádese.

A Fundación por Causa e Save the Children aseguran que unha regularización dirixida especificamente ás familias de persoas migrantes sen papeis con fillos a cargo permitiría reducir substancialmente o seu custo fiscal para a sociedade e eliminar boa parte dos extraordinarios obstáculos administrativos, económicos e educativos á integración social. Alén diso, a naturalización da súa situación administrativa permitiría abrir unha vía de escape á vulnerabilidade social que ameaza con condicionar a vida de toda unha xeración de cidadáns e cidadás estranxeiros.

De forma complementar, Save the Children pide proporcionar un réxime xurídico específico para toda a infancia migrante. Con iso evitaríase que a súa situación administrativa menoscabase o principio do interese superior do menor e de non discriminación, alén de que se adoptarían medidas para evitar a irregularidade sobrevinda.

Público