Un sindicalista de LAB foi condenado a 21 meses de cárcere por participar nunha mobilización contra os despedimentos nunha pizzaría de Iruña. O maxistrado a cargo do caso califica de “coaccións” o uso de adhesivos e megáfono nunha acción sindical e critica mesmo a “colaxe indiscriminada”.

 

Protesta convocada por el sindicato LAB frente al restaurante La Sangiovesa de Pamplona. LAB

 

Imanol Salinas acaba de iniciar unha carreira pola súa liberdade. Este integrante do sindicato LAB en Nafarroa podería entrar en prisión por participar nunha xornada de protesta diante da pizzaría La Sangiovesa de Iruña. O xuíz a cargo do caso cre que naquela acción, que basicamente consistiu en colocar adhesivos e usar un megáfono dentro do establecemento, houbo coaccións.

Os feitos ocorreron durante os Sanfermines de 2018. O 6 de xullo, coincidindo co txupinazo, coñeceuse que a empresa despedira catro traballadores. No día seguinte, LAB organizou un protesto diante do restaurante. Segundo relata Salinas, os asistentes colocaron adhesivos ‘chamando ao boicote até seren readmitidos os traballadores despedidos’. Tamén entraron na pizzaría cun megáfono ‘para comentar aos clientes a situación de explotación’ que, segundo LAB, sufría o persoal.

‘Houbo clientes que se levantaron e marcharon’, lembra Salinas. O protesto continuou no exterior do restaurante, onde as persoas concentradas exhibiron unha faixa. ‘En ningún momento se obstruiu a entrada’, asegura.

Entre outras cousas, o sindicato abertzale quería denunciar os intentos da empresa de condicionar o voto dos traballadores nas eleccións sindicais para que apoiasen UXT e non LAB. ‘Aos dous ou tres días despediron a xente que non votara na UXT’, afirma Salinas.

A concentración daquel 7 de xullo acabou coa presenza da Policía Foral fora do establecemento. Nas xornadas posteriores houbo novas mobilizacións, até o conflito acabar nun acordo coa empresa. Contodo, a historia non terminou aí: segundo deu a coñecer o sindicato, Salinas foi condenado a 21 meses de cárcere por coaccións, en tanto unha traballadora que enfrontaba unha petición dun ano e seis meses de prisión foi finalmente absolvida.

Megáfono e cartaces
Na sentenza, o xuíz Emilio Labella -responsábel do Xulgado Número 4 de Iruña- relata que o 7 de xullo pasado, ambos os acusados, ‘xunto cun grupo dunhas 15 persoas non identificadas, situáronse diante do restaurante La Sangiovesa’ onde proclamaron ‘diversas consignas contra a empresa’ e solicitaron a readmisión de varios dos traballadores do restaurante que foran despedidos recentemente’.

Sinala que Salinas ‘portaba un megáfono e era quen daba as instrucións de actuación ao grupo alí congregado, dirixíndoo’, encanto a traballadora que finalmente foi absolvida e algunhas outras persoas ‘colaron cartaces adhesivos fluorescentes no exterior do local onde se dicía ‘boicot Sangiovesa, despedidos readmisión’, entre outras expresións similares’.

No seu relato, o xuíz asegura que ‘nese momento, o grupo tentou entrar no local apesar de que os empregados do restaurante tentaron evitalo, chegando a empurrar un deles’. ‘Contodo -prosegue-, conseguiron acceder ao interior do local e dentro do mesmo, facendo uso do megáfono, continuaron gritando consignas en contra da empresa mentres os clientes estaban no interior do establecemento’, algo que, no seu parecer, interferiu ‘o normal desenvolvemento da actividade local’, xa que se impediu aos traballadores ‘efectuaren os seus labores profesionais’.

No entanto -tal como consta na sentenza-, a defensa dos acusados negou que ‘entrasen no local en contra da vontade dos traballadores’, así como que ‘realizasen actividade intimidatoria algunha ou que impedisen a entrada e/ou saída do local aos clientes’.

‘Colaxe indiscriminada’
Noutro parágrafo da resolución, o xuíz enumera os feitos que, no seu entender, ‘exceden do dereito á liberdade sindical’. Entre eles, identifica a acción de ‘pegar adhesivos polo exterior e especialmente polo interior do establecemento en plena actividade profesional’, así como ‘entrar no restaurante cando está con clientes contra a vontade dos traballadores e empurrando a un deles’, ademais de ‘empregar un megáfono e dirixirse aos clientes colocando cartaces nas súas mesas onde están comendo’ e ‘colocarse cunha faixa na porta de entrada do local, impedindo a entrada e/ou saída de clientes ou traballadores’.

O xuíz observa “unha indiscriminada colaxe de cartaces que esixe unha inmediata limpeza”
Portanto, considera que neste caso ‘foi ultrapasada a liña de acción sindical para entrar de cheo no terreo das coaccións’. Ao analizar as fotografías e vídeos incorporados á causa, o maxistrado valora mesmo que ‘se observa non unha colaxe de cartaces informativos, que cun ou uns poucos bastarían, senón unha indiscriminada colaxe de cartaces que esixe unha inmediata limpeza, pois senón a aparencia do restaurante resulta seriamente danada de face a que clientes (sic) entren o mesmo’. ‘Iso non é informar, é prexudicar cunha acción excesiva’, subliña. Cita ademais as declaracións de dous traballadores que non participaron nos protestos e que sustentaron o relato das supostas coaccións, así como o testemuño dun axente da Policía Foral que asegurou ter visto ‘temor’ entre os empregados.

Ao ter unha condena anterior por participar nun piquete en 2012, Salinas encara un posibel ingreso en prisión. Ante esta situación, a súa avogada recorrerá o fallo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Iruña. ‘No canto de sentar a empresa no banco por ter traballadores en negro ou perseguir a liberdade sindical, van por os sindicalistas que tivemos que mobilizarnos’, afirmou o sindicalista condenado.

Danilo Albin

eldiario.es