1. A igrexa católica pode describirse, en termos politolóxicos, como unha corporación cuxa administración central –a Curia– está ao servizo do Papa. Este, elixido pola elite corporativa, é un monarca vitalicio e absoluto que exerce os poderes lexislativo, executivo e xudicial en defensa duns intereses dos membros da súa igrexa que el mesmo determina en gran medida. A corporación católica –patriarcal, autoritaria, piramidal, centralizada e burocratizada– regúlase por un dereito positivo, é ideoloxicamente uniforme, dispón dun sistema de formación profesional, codifica a vida e racionaliza a carreira profesional e a remuneración do seu persoal, delimita os ámbitos competenciais e xerarquiza as funcións.

A igrexa combina de maneira óptima un goberno ideoloxicamente cohesionado e eficazmente coordinado cuns niveis intermedios e nacionais –as conferencias episcopais e as dioceses– que actúan por desconcentración ou autonomamente. Como calquera oligarquía corporativa, a xerarquía católica limita a democracia interna e funciona dun xeito opaco, pois pretende conservar a súa capacidade negociadora e utilizar a corporación como un instrumento dos seus intereses.

2. A partir de 1965, tras o Concilio Vaticano II, a igrexa aproveitou implacabelmente a estrutura de oportunidades creada polo desgaste do réxime franquista e polas directrices romanas, amplamente identificadas xa cos principios liberal-democráticos. Mostrando a súa desafección política cara á ditadura e intentando condicionar tanto os actos dos franquistas reformistas e aperturistas como os da oposición democrática, buscou a preservación dun sistema entre cuxos intereses dominantes estaban os seus, o que requiría un cambio de réxime que desembocase nunha democracia na que atrincheirarse institucionalmente. No prazo dun lustro, a igrexa deu un xiro político que a conduciu a deslexitimar o réxime despótico e a lexitimar a democracia, na que procurou asegurarse unha posición central. Roma impulsou esta operación a través dunha metodoloxía –renovación controlada da xerarquía, ritualización dos conflitos intracorporativos para desactivar a disidencia, anulación dos movementos de base– destinada a despexar toda interferencia na negociación coas elites políticas.

3. No réxime democrático, a Igrexa esforzouse en consolidar, en varios campos de importancia estratéxica, unha posición central estábel que lle servise para conseguir un trato privilexiado e gozar de influencia ideolóxica. O relatorio constitucional, trufado de católicos comprometidos, realizou o seu labor sometido ás discretas presións da Igrexa, que en paralelo negociaba uns acordos internacionais co Estado que se asinarían só cinco días despois da entrada en vigor da Lei Fundamental. A Igrexa foi expresamente constitucionalizada ao tempo que os catro acordos do 3 de xaneiro de 1979 quedaron solidamente incrustados no ordenamento xurídico.

4. A Constitución, os acordos concordatarios e a lexislación en materia relixiosa satisfán a necesidade da Igrexa de reinventar a tradición nacionalcatólica estatalizando a relixión, é dicir, creando e corporatizando unha función relixiosa do Estado. Institucionalízase así a intervención da corporación católica na formulación e na implementación de políticas públicas en varios campos. No tributario e financeiro, o persoal eclesiástico é o destinatario do importe recadado a través da asignación tributaria, que é gratuíta para o contribuínte que opta por soster así a súa Igrexa.

No campo preuniversitario, os centros católicos –valiosos instrumentos para o proselitismo– son máis eficientes que os públicos recrutando alumnos e afórranlles ás administracións educativas unha parte do orzamento que sería necesario se todo o alumnado se escolarizase en centros públicos. A asistencia á materia de relixión católica –de oferta preceptiva e cuxos contidos e docentes están totalmente controlados pola Igrexa– é incentivada mediante a obriga imposta ao resto do alumnado de recibir atención educativa no centro. O profesorado, unha vez cooptado pola corporación católica en función da súa idoneidade profesional e persoal, é contratado polas administracións educativas. A perda da súa idoneidade depende exclusivamente do xuízo da igrexa e leva consigo a non renovación da habilitación anual.

No ámbito simbólico, mentres as autoridades públicas asisten masiva e sistematicamente a unhas cerimonias católicas cuxa relevancia social pode reflectirse no comportamento electoral, a connotación relixiosa das festividades e dos actos públicos de especial solemnidade –que teñen un valor exemplar e deberían fomentar a cohesión da comunidade política– lexitima ante a cidadanía o actual modelo de relación Estado-Igrexa.

5. Preocupado pola gobernabilidade e pola estabilidade política, o Estado incorpora a igrexa ao proceso de toma de decisións. Aínda que o control estatal sobre a igrexa é limitado –porque unha reforma constitucional ou a denuncia dos acordos concordatarios serían demasiado onerosas para calquera goberno que as intentase–, a asunción de potestades delegadas do Estado forza a igrexa a actuar en beneficio do sistema, de modo que experimenta unha desprivatización funcional e unha diminución da súa autonomía: o Estado sométea a unha fiscalización permanente que a obriga a medir as consecuencias do seu comportamento. O mantemento deste statu quo explícase polo interese que comparten o Estado e a corporación católica en que a súa mutua dependencia siga a resultar beneficiosa para ambos.

6. Porén, a rixidez institucional deste arranxo fundamenta a sospeita de que poderíamos estar ante un caso de corporatismo cerrado, cuxa compatibilidade coa democracia liberal é discutíbel. Perpetúase a desigualdade entre os cidadáns e os grupos en función das súas crenzas; déixase indefensa unha parte da cidadanía, o amparo de cuxos intereses está nas mans duns representantes que son sistematicamente preteridos; concédeselle á Igrexa un acceso privilexiado ás instancias de toma de decisión política; créase un segundo circuíto de representación funcional que escapa ao control cidadán; e convértese a Igrexa nun actor dotado de potentes recursos de oposición ao Goberno de España. É obvio que isto non supón un cuestionamento do carácter liberal-democrático do sistema político per se –non desaparecen o pluralismo político, os dereitos civís e a representación democrática–, pero si nega a natureza propiamente laica do seu modelo de relación Estado-relixións.

7. Aínda que urxe un debate público rigoroso sobre o sistema de financiamento, sobre o sostemento público do ensino privado e a materia de relixión católica e sobre os costumes simbólicos das autoridades políticas, o modelo actual é o produto duns arranxos corporatistas máis propios da política de Estado que da gobernamental, de modo que non é realista esperar dos executivos, sempre pendentes do calendario electoral, que asuman os custos políticos inherentes a unha reordenación das relacións coa igrexa. Isto suporía un consenso dificilmente imaxinábel no actual campo político español, no que o PSOE non amosa intención ningunha de cuestionar o statu quo e o PP está fortemente escorado cara a posicións confesionais.

Laureano Xoaquin Araujo Cardalda, “Sete teses sobre a igrexa católica en España”, Xornal de Galicia, 5 de outubro de 2009, páx. 5.