Os líderes da Alianza Atlántica aterraron en Madrid para debater asuntos como salvar a vida de 6.570.000 crianzas menores de 5 anos, que cada ano morren de fame e de doenzas curabeis, ou de acabar coa pobreza que afecta o 50,7% da poboación mundial, e de camiño pedir desculpas a decenas de millóns de iemenitas, iraquianos, afgáns, libios, entre outras das súas vítimas, por lles teren arrebatado a vida e despois os chamaren “danos colaterais”, destruíren as súas casas e converteren 100 millóns deles en deslocados, ou afogaren millares de seres humanos, familias enteiras, na auga dos mares. Estaban decididos a buscar unha cura para a súa adición ao negocio da guerra, xa que voltaran a encarregar novas bombas (incluídas as nucleares-mochila) roubando o mísero xornal dos traballadores. Estou a brincar! Se falasen da necesidade de paz e dos problemas da humanidade serían expulsos da cimeira alxemados, acusados de “anti-sistema”.

 

 

A fita de unión entre o paraquedas e o avión durante unha práctica da Brigada ‘Almogávares’ VIN de Parachutistas do Exército de Terra, na base ‘Príncipe’ de Paracuellos de Jarama, 24 de xuño de 2022, en Paracuellos de Xarama, Madrid (España).- Alejandro Martínez Vélez / Europa Press

Nazanín Armanian

 

1. Estas persoas reunidas este ano en Madrid debateron, en código, a que países hai que agredir, cantos millóns de vidas humanas hai que arrancar, canto custarán os seus novos masacres, e canto recibirán cada un do botín.

2. Cun demócrata na Casa Branca, a OTAN regresa á “normalidade” (ou sexa, poderá declarar a guerra a calquera nación), despois de catro anos do isolacionismo de Donald Trump, ameazado polos representantes da industria militar, que publicamente debatían como o derrocar do poder.

3. A OTAN é a ferramenta militar dos EUA para asegurar os intereses da elite gobernante desta potencia; é quen manda.

4. A organización, por iso, rexeitou a proposta do xeneral De Gaulle de crear unha dirección tripartida e en pé de igualdade entre os EUA, o Reino Unido e Francia. Tamén por iso, Washington recusou a solicitude tanto da URSS (1954) como da Rusia de Ieltsin a unirse á OTAN, para xuntos manteren a paz en Europa.

5. O labor dos socios europeos non é outro que proporcionaren a carne de canón, pagaren as fazañas do Padriño, e sobretodo pintaren de rosa a fachada das súas agresións militares, encubríndoo. De alí o invento do termo “comunidade internacional”, grupo formado polos EUA e algún país europeo, que nunca inclúe a China, a India, o Brasil ou Rusia.

6. Aínda que poucos esperaban unha “operación militar especial” por parte de Rusia en Ucraína, como reacción ás continuas provocacións da OTAN contra o seu dereito a existir, moitos na Unión Europea foron sorprendidos pola resposta esaxerada dos EUA á “guerra preventiva” de Rusia. Non estaban preparados, nin conformes coas sancións e accións militares contra un país imprescindíbel como Rusia, e aínda así, sometéronse ás ordes de Washington. Esta subordinación da Europa non é unha novidade, si o é que sacrifique os seus intereses económicos ante os intereses políticos do sector militarista, deixando de comprar o gas barato e seguro ruso e afundir o continente e o mundo nunha crise enerxética e política integral.

7. Por vez primeira, a OTAN, que segundo o relatorio do Conflict Management and Peace Science Journal (2020) conta con 254 bases e instalacións militares e 173.000 tropas nuns 80 países do mundo, inclúe a “Contención da China” entre as súas prioridades estratéxicas: non polo avance militar do país asiático (cunha única base, en Xibutí), senón polo imparábel progreso económico que consegue esta nación. Os EUA propagan a cinofobia pola simples razón de que non pode rivalizar coa capacidade do goberno chinés en organizar a súa economía nos peores momentos da crise sen mandar decenas de millóns de traballadores ao desemprego e á desesperación, polo que decidiu destruíla. A OTAN, desde a súa fundación naceu non como unha alianza defensiva, senón todo o contrario. Aquí a proba:

8. As tres etapas da vida da OTAN foron:

A) Desde o seu nacemento en 1949 até 1991, a Alianza combateu os movementos socialistas tanto dentro do seu espazo (con organizacións como Gladio), como fóra dos seus territorios, co fin de manter a orde capitalista, alén de impedir a consolidación da ONU como o árbitro dos conflitos internacionais. As palabras atribuídas a Churchill ao lanzaren os EUA as bombas atómicas sobre Hiroshima e Nagasaki de que «matamos o porco errado», ou sexa, deberían bombardear a URSS, manifesta a natureza dun sistema capaz de cometer os máis terribeis crimes de guerra, só por exhibir o seu poder e facer a pedagoxía do terror”. Nun mes, Harry Truman planeou lanzar 466 bombas nucleares sobre a Unión Soviética, país que fora o seu aliado na loita contra o fascismo e sen que o país socialista representase ameaza algunha. Despois, co plano Dropshot ía descarregar 300 unidades destas bombas e outras 20.000 toneladas das convencionais sobre un centenar de cidades soviéticas, eliminando o maior e máis rico país do mundo da face da terra. Os EUA ainda son o único estado que usou esta arma de destrución masiva. É neste clima que se asina o Tratado de Washington para fundar a OTAN, implicando nos seus planos os países derrotados na Segunda Guerra Mundial, que 77 anos despois continúan a ser ocupados por millares de soldados dos EUA. O Pacto de Varsovia será creado seis anos despois e xustamente por estas ameazas.

b) Entre 1991 e 2001, a “década dourada” do imperialismo estadunidense, que lle permitiu ser unha ‘hiperpotencia’, (e non por construír a maior democracia do mundo onde reinase a igualdade e o benestar, senón) por contar co maior arsenal de armas máis avanzadas da historia, e non ter escrúpulos en esganar nacións enteiras impedíndolles acceder a pan e auga (entre 1991 e 2003 e só no Iraque, matou cerca de 2 millóns de persoas, case a metade, crianzas). Que a OTAN non se disolvese após o fin do Pacto de Varsovia demostra os seus verdadeiros obxectivos: a conquista dos recursos do mundo, arrasando rivais e inimigos agora que non tiña quen o travase. Despois de reformularen as súas metas, os EUA chegaron a facer mesmo de “bombeiro pirómano”: creou o terrorismo “yihadista” para xustificar a “Guerra eterna contra o terror” salvando as empresas armamentísticas que despois da Guerra Fría ficaran sen inimigos a quen disparar.

Engoliu os países ex socialistas da órbita rusa, e desatendeu a advertencia de Moscova de que polo menos deixase en paz Xeorxia e Ucraína, países que na cimeira da OTAN do 2008 foron convidados a ingresar na organización bélica, co fin de desintegrar a Federación de Rusia. Esta nova expansión da OTAN foi duramente criticada por destacados especialistas en Relacións Internacionais, como George F. Kennan (1904 -2005), un dos “homes sabios” dos EUA: “Creo que é un erro tráxico. Non había ningunha razón para isto en absoluto. Ninguén ameazaba ninguén máis. Esta expansión faría que os pais fundadores deste país se revirasen na tumba”, alén de intensificar as tendencias nacionalistas, anti-occidentales e militaristas na opinión rusa. Rusia tamén ten a súa Doutrina Monroe.

Durante as chamadas “guerras iugoslavas” (1992-1999), a intervención da OTAN causou a desaparición do mesmismo estado. No que foi un ensaio da “Guerra humanitaria” descarregou sobre a súa xente uns 30.000 proxecteis de uranio empobrecido (10 toneladas de residuos).

A seguir, invadiu o Afganistán, apesar de a CIA sinalar a Arabia Saudita como o responsábel dos atentados do 11S. Entre outubro de 2002 e abril de 2003, a OTAN lanzou unhas 10.000 toneladas de bombas sobre os afgáns, enterrando vivos millares de civís baixo o teito das súas casas de adobe, e como remate utilizou armas como Penetradores de metal pesado (“dense metal penetrators“), revestidos co prohibido uranio empobrecido, contaminando o ar, a terra e a auga: Centos de crianzas continúan nacendo con horribeis malformacións. Despois, de forma individual, os socios da Alianza atacaron o Iraque, utilizando 7 mentiras para conseguiren 10 obxectivos. Levantaron centros de secuestro e de tortura (Abu Gariab foi a punta de iceberg), violaron crianzas, mulleres e homes e militarizaron a prostitución. Aqueles estados europeos que no inicio rexeitaron esta guerra, despois xuntáronse ao banquete do masacre para non perderen parte do bolo da terceira reserva mundial do petróleo. Unha vez terminado, dirixíronse á Libia, a Siria e o Iemen (aquí, provocaron tamén a crise humanitaria máis graves do mundo), para ampliar o mercado das súas armas, e asumir o control do Mediterráneo, o Golfo de Adán e o Corno da Africa.

c) Desde o xullo de 2001, data da formación da Organización de Cooperación de Shanghái, que anunciou a poderosa alianza entre a China e Rusia e a chegada dun mundo multipolar, até hoxe, a tarefa da OTAN foi a contención desas potencias por calquera medio. Meses despois ocupará Afganistán, o país máis estratéxico do mundo, situado entre a China, Irán, e os espazos de influencia da Rusia e a India. A OTAN está decidida a expulsar ambos os países das rexións de interese. Daí, a recente propaganda bélica sobre a “preocupación” da Alianza pola presenza dos soldados rusos en Mali, onde os soldados franceses foron expulsados polo goberno do país.

9. Nesta fase, a cimeira de Madrid representa:

a) unha nova etapa en que os EUA tentan someter aqueles aliados que se negan a acompañalos e seren sacrificados na perigosa e sen sentido guerra contra a Rusia e a China, potencias cos que os europeos partillan grandes intereses.

b) A necesidade dos países capitalistas máis desenvolvidos en se organizaren para unha repartición pacífica dos mercados, recursos e rutas comerciais do planeta, e consolidaren a súa unión para ir como un puño procurar “inimigos”. A Cuarta Revolución Industrial empurrounos a:

– Eliminaren as forzas laborais propias sobrantes, (tarefa realizada en grande medida grazas ao Covid19, e o encerramento de millóns de unidades produtivas pequenas e medianas en favor das xigantes), xerando unha crise social de grande magnitude, e

– Exportaren os seus produtos e os seus investimentos a lugares seguros e lucrativos, co fin de maximizar os beneficios.

10. Unha división de traballo entre os socios: Os EUA tratarían de atizar a China, e Europa a Rusia. Despois, países como Francia, España, Alemaña tratarían de coidar os intereses da familia en rexións determinadas.

11. Recuperar as vellas mini-OTANs ou crealas para construír unha OTAN Global:

– No Oriente Próximo e o norte de Africa, a sucursal da Alianza Atlántica até ten proposta de nome: OTAN-ME (de Middle East). O rei da Xordania Abdullah II é un ardente defensor do proxecto, que xa tiña precedente: CENTO, Organización do Tratado Central, que foi promovida polo Reino Unido e fortalecida polos EUA, e albergaba Irán, Iraq, Paquistán, Turquía até a súa disolución en 1979 pola queda do Xa. O seu obxectivo era frear a influencia soviética na rexión e esmagar os movementos progresistas, como fixeron as tropas iranianas en 1973 acabando co Movemento de Dhofar (Oman), apoiado pola China e a URSS. Nesta importantísima parte do planeta, Israel e España (que acaba de enfrentar o seu fornecedor de gas Alxeria, en favor do Marrocos, por orde dos EUA) terán un papel espacial. Polo que Washington: 1) incluíu Israel en CENTCOM, o Comando dos EUA para o Oriente Próximo, e 2) promoveu os Acordos Abraham, que permite a Israel en alianza con estados árabes coordenar os ataques aos movementos anti-colonialistas e a estados incómodos, hoxe Irán. Tel Aviv pediu a Washington dirixir unha forza rexional para frear Teherán. Segundo o Wall Street Journal, os oficiais de Israel, Arabia Saudita, Qatar, Exipto, Xordania, os Emirados Árabes Unidos e Bahréin, reuníronse en marzo pasado sob a supervisión do xeneral Frank McKenzie, xefe do CENTCOM en Sharm o-Sheikh, Exipto, para coordenar as súas políticas contra Irán. Neutralizar a influencia da China e Rusia neste espazo, incluído no Sahara Occidental, é outra das tarefas (imposíbel de alcanzar) da Alianza.

12. Reforzar lazos coa India para reducir a China. Barak Obama nesta tentativa converteuse no primeiro presidente dos EUA en visitar dúas veces o país de Nehru e Gandhi. Contodo, Nova Deli quere o Comando do Pacífico dos EUA  (USPACOM) ben lonxe. Unha cousa é que a súa principal preocupación sexa a China, -e por iso se uniu ao “Diálogo Cuadrilátero de Seguranza” (Quad), formado polos EUA, Australia e o Xapón-, e outra ben diferente é provocar nada menos que a China.

13. Instalar as Forzas de Acción Rápida, con decenas de millares de militares, en diferentes rexións: AFRICOM, o Comando dos EUA para a Africa, que xa conta cunha base na Etiopia, establecerá esas forzas.

14. Ampliar a influencia do occidente no continente negro, através da Unión Africana, ou o G5 Sahel.

15. Estender e fortalecer as relacións cos estados situados fóra da Alianza: daí o convite aos líderes da Australia, a Nova Zelandia, o Xapón e a Corea do Sur (ou sexa, a rexión Indo-Pacífico) á cimeira en Madrid.

16. “Construír o mundo de novo” é o nome dunha das propostas do Grupo dos Sete, como alternativa ao mega-proxecto da China dunha Faixa e Unha Ruta, en marcha desde 2003. Polo que destinarían 600.000 millóns de dólares a construír infraestruturas nos países do Sur, como un cabo de telecomunicacións submarino para conectar Singapura con Francia através do Exipto e o Corno da África, unha fábrica de vacinas Covid-19 no Senegal, un reactor nuclear modular en Rumania, entre outras. Entretanto, a China investiu só en 2021 un 59.5 mil millóns de dólares nesta nova Ruta da Seda, e lanzou en 2016 a “Ruta de Seda Dixital (DSR) coa Conexión de Europa e África Oriental (PEACE). Por que unha alianza militar planea lanzar unha guerra económica e militar contra chinesa, unha potencia comercial? É a economía, estúpido!

Se a ocorrencia de “Construír o mundo” vai repetir o que fixeron no Iraque, Afganistan e Libia, por favor aforren o esforzo. Digan, primeiro, que foi o que fixeron cos 13.000 millóns de dólares arrecadados durante a Conferencia de Madrid (2003) para reconstruír o país que destruíron: os veciños de Bagdad aínda carecen de electricidade e auga durante horas de día, a 50 graos de temperatura nos veráns.

16. Colocar a Eurasia no seu mapa, coa Rusia de diana, aumentando a presenza da OTAN na frente oriental, sob o pretexto da guerra na Ucraína, militarizando aínda máis as fronteiras da Rusia.
Medidas condenadas ao fracaso, por

18. Discrepancias entre os aliados en identificar o “inimigo Número uno”. A China ou Rusia? Hai que ir a Eurasia ou ao Indo-pacífico?

19. A falta de consenso en Europa para declarar a China como inimigo. Italia, non só quer ser parte da Iniciativa da Faixa e a Ruta senón que propuxo a Beijing unha “asociación estratéxica”.

20. Potencias rexionais como Israel, Irán, Arabia Saudita, Exipto e Turquía non están dispostas a enfrentar nin a China nin a Rusia: os seus votos nas Nacións Unidas sobre a invasión da Rusia a Ucraína falan claro. Tampouco os principais países do suleste asiático quixeron participar nas sancións contra Rusia, que pola súa parte é socio da China. ASEAN negouse a ser un instrumento dos EUA.  Mesmo Israel foi presionado por Biden para que rompa a concesión que permite á potencia asiática construír o novo porto en Haifa. Isto xa é unha paranoia.

21.”Quen moito abarca pouco aperta”: Todas estas medidas son demasiado grandes para unhas economías en recesión e uns países que no sur son lembrados non precisamente cun sorriso, comparando coa China e Rusia (que non tiveron colonias), que durante a pandemia foron xenerosos coas esas nacións.

22. O Choque entre os intereses dos socios da Alianza: Turquía e Grecia polo gas do Mediterráneo, Turquía e os EUA pola cuestión curda na Siria, ou Francia e Israel que polo Líbano e Irán.

23. Debido ao desenvolvemento desigual do capitalismo nos países da OTAN, a competencia e a guerra entre eles serán inevitabeis

24. Grande parte de Europa tamén ten profundos lazos comerciais coa China, o segundo maior socio comercial da UE, despois dos EUA. Grecia, España ou Bélxica venderon participacións dunha ducia dos seus portos á China, xusto polos beneficios que lles proporciona.

A tendencia da evolución dos acontecementos é unha tripolaridade mundial, cos EUA, a China e a Rusia á cabeza que acollerán outros estados baixo os seus paraugas. A India conseguiu que a guerra da Ucraína non cause a dependencia de Moscova a Pequín: o eixo Rusia- India (país presente tanto na Eurasia como no Indo- Pacífico) pretende impedir o dominio dos EUA ou a China en ambos os espazos. A recente reactivación da asociación BRIC (Brasil, Rusia, India e China á que vai unirse Irán) fortalecerá esta tendencia, e ante a ausencia dun movemento antimilitarista global, fará inevitábel novos choques entre os bloques que se están formando.

Público