A editorial Mondadori publica a tradución para español de Footnotes in Gaza (Notas al pie de Gaza) do xornalistas e debuxante Joe Sacco. Un cómic excelente que resgata do esquecimento un masacre perpetrado en Gaza polo exército israelita en 1956.

Sacco é correspondente de guerra, toma notas e fotos mais non redacta crónicas. Debuxa cómics. En branco e preto. Como xornalista independente os grandes média rexeitavan os temas que propuña. Grazas a esta censura naceu unha das principais referéncias da banda deseñada actual, autor de obras da altura de O final da guerra, Gorazde: zona protexida ou O mediador. A sua última obra supón un estilo mais afinado, un trazo menos groso, mais afastado do estilo à Robert Crumb que caracterizava a obra anterior.
Notas ao pé de Gaza é, sen dúvida, a mellor obra de Joe Sacco. Ancorada nos terríveis feitos de 1956, a narración -durísima- non pode evitar desglosar-se nun dobre plano que abranxe o presente das xents que o autor vai topando nas ruas de Gaza. O derrubamento de casas por parte do Tzahal, os asasinatos, os intermináveis controlos de estradas e a longa lista de atropelos que o apartheid israelita se permite no dia-a-dia sob o ollar cúmplice dos EUA e a UE.
Polas páxinas de Notas ao pé de Gaza desfilan anciáns que ainda tremen con o medo, case cinco décadas despois, lembrando os acontecimentos de 1956, a(s) traxédia(s) dos millares de famílias palestinianas que ficaron sen casa, a impoténcia da resisténcia, en definitiva, a vida diária dos gazatis que Sacco viveu en primeira persoa durante as suas visitas entre 2002 e 2003.  O autor mistura asi memória ilustrada, mendo, história e traxédia nunha narración retrospectiva cuidada, documentada e triste, que deveria ser de leitura obrigatória en todas as faculdades de xornalismo.