Acontece unha vez e é moi grave. Mais pensas “olla, talvez estaban distraídos e agora que os avisaron, van solucionar”. E non. Acontece exactamente o mesmo unha segunda vez e ninguén toma ningunha decisión a respecto diso, nin pasa nada. E acontece unha terceira vez. E unha cuarta. E até DEZ veces. O Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos condenou dez veces o Reino de España por non investigar denuncias de tortura. E o máis sensacional é que en sete destes casos (un nada desprecíbel 70%) o xuíz instrutor era Fernando Grande-Marlaska, actual ministro o Interior. DE-MO-LI-DOR!

 

E o dato é de actualidade porque estes días a Audiencia Nacional xulga oito avogados e avogadas a quen se acusa de faceren de vínculo entre ETA e os presos da banda. É o que os acusadores denominan “a frente xurídica”. Todos eles foron detidos hai 11 anos por orde do que na altura era xuíz Grande-Marlaska e agora dúas delas explicaron as torturas a que foron sometidas pola Garda Civil.

 

 

Agora voltaremos ao vídeo, mais antes permítame que lle fale un pouquiño do antigo xuíz e actual señor ministro e que o é desde hai tres anos, un mes e dúas semanas.

1/ Na sentenza da Audiencia Nacional (AN) polo chamado Caso Segi, unha organización abertzale declarada ilegal en 2012 e que acabou coa absolución dos 40 acusados, estímase que o xuíz central de instrución “non tomou medidas para evitar que os acusados fosen torturados para obter unha declaración”, que as declaracións dos detidos ante a policía foron feitas “nun contexto inquisitivo e secreto sen ningunha garantía” e que houbo irregularidades cando foron interrogados polo xuíz. Sabe quen era?

2/ Ramón Saéz Valcárcel, maxistrado da AN, emitiu un voto particular discrepante na sentenza contra os tres membros de ETA Daniel Pastor “Txirula”, Íñigo Zapirain Romano e Beatriz Etxeberria en relación coas medidas que o xuíz do caso tomou para evitar as sospeitas de torturas a detidos sob a súa custodia. Sáez tamén considerou que as declaracións dos acusados foron feitas en “circunstancias anormais” xa que existiu “unha intensa privación dos dereitos básicos dos detidos”. Como debeu ser aquel xuízo que o Tribunal Supremo ordenou repetilo. Sabe quen era o xuíz?

3/ O Comité Europeo para a Prevención da Tortura (CEPT) visitou España a mediados do 2011 e cualificou como “sorprendente” que todas as detencións en réxime de incomunicación que se produciron nos cinco primeiros meses daquel ano “fosen autorizadas polo mesmo xuíz” e que “nunca aplicou o protocolo que si crearon outros maxistrados para evitar torturas e malos tratos aos detidos”. Sabe quen era o xuíz?

4/ Acrecente a todo iso que Amnistía Internacional denunciou que o Estado español impide que sexan investigados os delitos de tortura e malos tratos, cousa que “contribúe a consolidar a impunidade ante estas violacións de dereitos humanos en España”. E súmelle os relatorios da Coordenadora para a Prevención e Denuncia da Tortura onde este organismo denuncia “as deficiencias estruturais por evitar os casos de tortura” e que as denuncias non sexan investigadas cando se producen”. Sabe a que xuíz se refiren?

Ben, con esta información de servizo xa podemos voltar ao vídeo. Vai, faremos unha cousa… Esqueceremos a expresión corporal de angustia total e absoluta e imaxinaremos que estamos ante unha grande actriz que está inventando todo. E diremos que as sentenzas do TEDH e da AN e as denuncias probadas de Amnistía Internacional e outros xuíces son inventadas. Si? Pois agora veñen as preguntas:

O Estado non debería investigar estes casos para demostrar que non eran certos, impedir calquera sombra de dúbida e deixar impoluto o nome desta España que tanto din amar e defender? Sobretodo despois de DEZ sentencias contrarias. E o entón xuíz e agora ministro, non ten nada que dicir? Non cre necesario defenderse de nada? Non ten unha versión alternativa? E non ten que dar ningunha explicación? Ao Estado que o situou no lugar onde estaba e aos cidadáns que lle pagamos o salario. Ou é que ao xuíz e actual ministro tanto lle ten recibir SETE sentenzas dun tribunal de dereitos humanos? E, coñecendo esta traxectoria, o goberno máis progresista da historia fíxoo ministro precisamente a el? Por que? E o presidente do Goberno non ten nada que dicirnos?

E unha última pregunta: nun estado onde houbo vítimas de primeira e de segunda e onde unha persoa tan pouco sospeitosa de conivencia con ETA como Consuelo Ordoñez afirma que O PP “utiliza ás vítimas para facer oposición, intoxica con mentiras e incita ao odio”, os torturados tamén deberían ser vítimas?

Lu Forn

El Nacional