O presidente do tribunal emite un voto particular e esclarece que a indemnización á vítima foi pagada co diñeiro dos pais dos axentes: «Estes foron os que realizaron o esforzo reparador e non os condenados»

 

Traslado de uno de los detenidos a los juzgados de Estepona. /charo márquez                                        Un dos acusados é conducido aos Xulgados de Estepna – Charo Márquez

 

JUAN CANO

A sentenza contra dous policías locais de Estepona que eludiron a prisión despois de abusar dunha xoven de 18 anos non está isenta de polémica. Tanto no titular groso -dunha posíbel condena a 30 anos a apenas dous, e sen pisar o cárcere- como nos matices que ten a suspensión da pena.

Os axentes foron condenados a 24 meses de prisión, aínda que se lles concedeu a remisión condicional co argumento de non teren antecedentes e teren pagado 80.000 euros de indemnización á vítima, polo que o tribunal aprecia a circunstancia atenuante moi cualificada de reparación do dano. Mais hai discrepancias entre os maxistrados.

Quen emitiu un voto particular foi o presidente do tribunal, o maxistrado Pedro Molero, que considera que non se dan os requisitos para a remisión condicional e os axentes deberían, portanto, cumprir a condena en prisión.

No voto particular, o xuíz subliña -literal e fisicamente- os matices da decisión dos seus compañeiros. Para comezar, entende que os feitos revelan un «acusado perigo criminoso» nos seus autores, pois mostra «unha acción moi planificada polos que eran servidores públicos».

O presidente do tribunal considera que a decisión dos seus compañeiros de conceder a remisión condicional reflicte «certo automatismo» ao aludiren simplesmente á «concorrencia dos requisitos legais», ao mesmo tepo que lembra que o beneficio da suspensión non é unha especie de «dereito fundamental» do condenado, senón unha medida a aplicar polos xuíces.

O maxistrado lembra que no auto non se achega «dato algún» que permita realizar «un prognóstico de escasa probabilidade» de que ningún dos penados «volte a cometer feitos de similar natureza no futuro».

Contodo, os dous xuíces que concederon a suspensión da pena sosteñen o seguinte no auto: «[…] O feito, polas características tan particulares que concorren no mesmo, fai factíbel un prognóstico de futuro en orde á escasa probabilidade de que ningún dos penados volte a cometer feitos de similar natureza».

Molero mostra claramente o seu escepticismo ante tal afirmación dos seus compañeiros: «Ignora o que subscribe cales son esas ‘características tan particulares’ do feito que permitan tal afirmación. Nada se reflicte no auto, nin na sentenza, a este respecto».

Máis polémico aínda é o segundo argumento que debulla o presidente do tribunal, que é a reparación do dano, é dicir, o pagamento dunha indemnización de 80.000 euros á vítima.

O maxistrado matiza que, aínda que non cuestiona os termos da sentenza alcanzada de conformidade, que rebaixa de 30 a 2 anos a pena, si critica que, a efectos da concesión do beneficio da suspensión, se conclúa que os condenados fixeron un esforzo para reparar o dano causado. «Nada máis lonxe da realidade», sostén.

O presidente do tribunal esclarece que o diñeiro destinado a pagar a indemnización á vítima procedía da fianza dineraria paga polos pais dos policías para garantir a liberdade provisoria.

«Por iso, non se pode dicir que os procesados satisfixesen a responsabilidade civil derivada do delito, e menos aínda que se esforzaron para iso. Fixérono os seus pais. Estes foron quen realizou o esforzo reparador e non os condenados», sostén.

O maxistrado abunda neste concepto. Lembra que o pagamento da indemnización con cargo ao patrimonio propio, e non ao dun terceiro, supón unha «importante manifestación externa de recoñecemento do delito e da vontade de satisfacer a vítima» e, con iso, «de afastarse deste tipo de condutas».

Por último, entende Molero que o pacto entre as partes «non releva ao tribunal sentenciador de aplicar o seu criterio», con independencia da vontade da propia vítima, «pois non estamos nun ámbito privado senón nun ámbito de marcado interese público».

O presidente do tribunal conclúe que en casos como este «están comprometidos valores moi importantes»; en xeral, o de toda a sociedade de prevenir a comisión de delitos como este; e en particular «de defensa e protección da muller e da súa capacidade de decisión».

No seu parecer, dado que non é posíbel descartar a concorrencia nos condenados de «un prognóstico de perigo criminoso en relación cos delitos contra a liberdade sexual», procedía recusar a suspensión da execución da pena de prisión imposta.

Diario Sur