Un grupo de 41 persoas, vítimas ou familiares de persoas que sufriron atentados de «ETA ou grupos afíns», publicaron un artigo de opinión nos rotativos do grupo Vocento en que califican de «erro político e humano grave non querer recoñecer ás vítimas de abusos policiais e de grupos de extrema dereita».

 

Ley-victimas

 

As persoas que asinan o artigo salientan que este recoñecemento «non supón caer nun interesado totum revolutum, nin referirnos de maneira xenérica ás ‘vítimas do conflito político que sofre o noso pobo’».

Así, insisten en que recoñecer estas vítimas «non significa lavar, equiparar nin lexitimar nada con relación aos nosos atentados ou ao asasinato dos nosos familiares», tal e como sustenta o PP, que votou en contra desta lei no Parlamento de Gasteiz. «Só implica recoñecer que esas vítimas tamén teñen dereito á verdade, a xustiza, a reparación e a memoria».

Por iso, rexeitan o argumento de que esas vítimas teñan a súa orixe en «fallos ou atropelos» e que dese modo «sexan menosprezados actos irreversibeis contra a vida e a dignidade humana. Cremos que admitir ese menosprezo dana a lexitimidade do Estado democrático de Dereito e o tecido moral da nosa sociedade».

O artigo ten como asinatura principal a de Iñaki García Arrizabalaga -cuxo pai morreu en atentado dos Comandos Autónomos Anticapitalistas en Donostia en 1980- e vén acompañado doutros cuarenta nomes como os de Sara Buesa, Sandra Carrasco, Bárbara Dührkop, Josu Elespe, María Jauregi, Andoitz e Ibai Korta, Gorka Landaburu, Maixabel Lasa, Rosa Lluch, Roberto Manrique, Arantza Puelles, Rosa Rodero ou Naiara Zamarreño.

Naiz