Un documentario en pleno proceso de realización que conta a experiencia de tres mulleres en prisión e as dificultades con que topan unha vez que saen do cárcere. A Asociación Bidez Bide trata de visibilizar a discriminación e o ostracismo a que se enfronta este colectivo.
Katia Reimberg é de Sao Paulo (Brasil), ten 36 anos e leva sete no Reino de España. Foi condenada a catro anos de cárcere, e depois de pasar quince meses na prisión donostiarra de Martutene, “encerrada, sen ningunha visita porque non teño ningún familiar aquí”, relata, acolleuse ao réxime aberto que permite aos reclusos saíren de prisión durante o día e regresaren para durmir. Tras seis meses así, saíu de prisión, mais aí non acaba a condena. “Agora mesmo estou sen papeis, porque para conseguir os documentos teño que esperar a cumprir os catro anos de condena”, explica. Isto dificulta o seu acceso laboral. “Son ilegal, non existo aquí, entón non podo traballar”, laméntase.
A historia de Katia Reimberg é unha das tres que se narra no documentario “A mochila invisible”, un traballo da Asociación Bidez Bide para tornar visíbeis as dificultades a que ten que facer fronte este colectivo.
Katia rememora o tempo que pasou no cárcere, onde as diferenzas xa son evidente. “Dentro fórmanse grupos, as ciganas, as arxentinas…”, e, unha vez na rúa, a desigualdade trasládase a outro ámbito, é como ter toda a sociedade en contra. “Cando tiveches unha experiencia carceraria, ninguén che vai a deixar que coides dunha persoa”, pon como exemplo.
O documentario, en que todas as persoas que forman parte da equipa son mulleres, estará terminado para setembro. Despois comezará a distribución e exhibición para tornar visíbel a mochila invisíbel destas mulleres.