O pasado luns 18 de Abril fun convidado a asistir como observador, na miña condición de membro de EsCULcA, Observatório para Defensa dos Direitos e Liberdades, ao xuízo que se celebrava na Sección Cuarta da Sala do Penal da Audiéncia Nacional contra membros de JARRAI-HAIKA-SEGI por pertenza a banda armada, nos Sumários acumulados nº 18/01 e 15/02, cuxa instrución fora realizada por Baltasar Garzón.

A miña chegada à Sala foron-me apresentados os observadores chegados de Cataluña e Arxentina e ofereceu-se-me a posibilidade de vestir toga e ocupar un lugar entre os advogados da defensa, convite que rexeitei por realmente me interesar non tanto o que acontecia na Sala, que nese dia se limitava às conclusions do Ministério Fiscal, canto o que se cociñava na orla do proceso, alén das cuestións xurídicas, polo que me sentei entre o público, perto do observador enviado polo Governo Vasco.

A Sala, chamada na xíria da Audéncia Nacional “blindada grande”, está composta de tres espazos diferenciados: o destinado ao público, de uns 20 metros cadrados, con bancos corridos e separado da sala de vistas por un vidro blindado que impede receber directamente o son do xuízo -que chega unicamente cando conectan o servizo de megafonia-, e a sala de vistas que se divide por sua vez en dous espazos: un canto reducido onde se situan os imputados privados de liberdade, tamén isolado do resto das dependéncias por vidros blindados, e o resto da sala, onde se situan os imputados en liberdade provisória, os membros do Tribunal, as defensas e as acusacións.

O público que asistia à vista non era tan numeroso como noutras ocasións, talvez por o xuízo se prolongar desde havia case un mes, e estava formado por un multifário persoal, entremeado de familiares dos imputados (vestindo as mesmas camisolas vermelhas que eles, con lexendas en euskera), familiares de vítimas de ETA (tamén con camisolas, con a bandeira de España e slogans a favor da dispersión dos presos, o estatuto e a constituición), xornalistas, persoal de seguranza da Audiéncia Nacional, axentes dos servizos de intelixéncia camuflados e observadores.

Os familiares dos imputados, ocultando o seu drama interior (os presos, todos mui novos, levavan case catro anos!! en prisión preventiva), mostravan un talante animoso e antes do início das sesións, e en cada descanso, apiñavan-se diante do vidro blindado e, uns e outros, tratavan de se facer comprender con estraños xestos, o que dava comicidade a unha escena que semellava un diálogo de xordo-mudos que berravan.

Tamén os imputados presos xesticulavan con os imputados libres da sala de vistas, con demonstracións de cariño e xestos de ánimo. Posteriormente falei con a nai de un deles, e con grande inteireza, contou-me as penosas viaxes que desde hai catro anos realizava para visitar o seu fillo.

Os familiares das vítimas eran os únicos que tiñan lugar reservado, no primeiro banco xusto frente aos imputados presos, con a clara intención de dificultar o contacto visual entre estes e os seus familiares do publico; eran maioritariamente mulleres e adoptavan una atitude grave. Abordei una delas, mais cando lle revelei o motivo da miña presenza ali rexeitou a conversa.

Tamén falei con dous dos imputados que estavan en liberdade por teren esgotado o prazo máximo legalmente posible de prisión preventiva, e surprendeu-me, pola miña experiéncia profisional con a populación reclusa, no poder apreciar nengun sinal de estes catro anos os teren afectado (a prisionización da personalidade é un fenómeno perfeitamente estudado polos psicólogos).

O Tribunal estava composto polo Presidente, que non interveu mais que para acordar os descansos que propuña o Ministério Fiscal; o Sr. Ferraz, home novo que permaneceu bastante atento durante toda a sesion, e o Sr. Ollero, designado ponente. Este último protagonista dunha peculiar história de ida e volta à Sección Cuarta, que alguén teria que explicar, pois tendo sido sancionados os seus tres componentes con a perda do destino polo Consello Xeral do Poder Xudicial como consecuéncia da sua actuación na fuxida dun narcotraficante (outras versións apontan a que o motivo oculto foi a reiterada revocación de decisións inculpatórias do Instrutor Sr. Garzón, contrariando a sua tese de criminalización total do movimento abertzale), sanción que foi anulada posteriormente polo Tribunal Supremo, o Sr. Ollero foi o único dos tres sancionados que voltou ocupar o seu lugar. Por acaso, tamén era o único que discrepava do critério dos seus compañeiros e se mostrava de acordo con as teses do Instrutor.

A defensa estava composta por seis advogados, que traballavan nos seus computadores portáteis ou tomavan notas sen interviren en nengun momento. Entre eles e as acusacións havia un enorme e desordenado montón de caixas de cartón da mais diversa orixe (de bolachas, de maionese, de iogurte, etc.) que contiñan a volumosa documentación do proceso.

O Fiscal mostrava un grande domínio da situación, era elocuente e o seu discurso foi ordenado e ben medido, ao ponto de propor el as interrupcións cando observava o cansazo da Sala perante a sua longa perorata (falou mañá e tarde e continuava no dia seguinte), coñecia os truques do ofício e demonstrou grande habilidade para facer castelos no ar.

Debullou a coñecida tese de as organizacións xuvenis JARRAI, HAIKA e SEGI formaren parte dunha urdume organizativa deseñada por ETA xa en 1974, da que seguen as directrices, polo que os integrantes desas organizacións en realidade teñen unha dobre militanza oculta, e o simples feito de pertencer a una desas asociacións significa pertencer a ETA.

Recoñeceu o Fiscal ser posível compartillar os obxectivos de ETA sen que iso constitua delito, pois para delinquir é preciso un elemento obxectivo, como pertencer à banda ou proporcionar meios ou realizar actos que faciliten a luita armada, e sostivo que esa integración nas organizacións xuvenis constitui o elemento obxectivo esixido polo tipo penal; ainda que para poder chegar a esa conclusión solicitou do Tribunal que se afastase da xurisprudéncia clásica que propugna una interpretación limitada do conceito banda armada, para contribuir a superar o vello conceito de terrorismo, obsoleto no momento actual.

Observei grande fraqueza nos elementos que utilizava como indícios, como as declaracións non ratificadas prestadas en comisaria (non valoráveis segundo a xurisprudéncia por careceren da garantia da intervención xudiciail), os relatórios de “intelixéncia” elaborados pola Polícia (que, segundo a xurisprudéncia, ao igual que os atestados policiais, non son prova en si mesmos senón que as suas afirmacións deven ser provadas), os documentos intervidos, alguns de autoria non determinada, cuxa tradución do euskera foi cuestionada e a maior parte deles, segundo se me informou, non estavan na causa, pois foron desglosados para outros procedimentos. Tentou tamén tirar rendimento das testemuñas da defensa chegando mesmo a dar contido inculpatório ao feito de unha das testemuñas, membro de ETA, ter saudado os acusados.

Chamou-me a atención a decisión do Ministério Fiscal de retirar a acusación contra cinco xovens (algun dos cais pasou mais de un ano en prisión preventiva) por causa do escaso número de chamadas telefónicas que lles interviran -critério cuantitativo de escaso rigor xurídico, pois teria de ter sido valorado, se acaso, o contido desas gravacións.

Tamén me surprendeu que rebaixase para outros imputados a petición de 12 a 10 anos de prisión, o que poderia constituir modificación da cualificación do delito de pertenza a banda armada (6 a 12 anos de prisión, Art. 516 C.P.) ao de colaboración con banda armada (5 a 10 anos de prision, Art. 576 C.P.), e que renunciase à sua inicial petición de imputar as indenizacións por responsabilidade civil a Herri Batasuna. Cuestións estas duas que serian contraditórias con a tese de que “todo é ETA”.

A acusación particular, surprendentemente dado o maximalismo que profesa, aderiu às modificacións do Fiscal e retirou a acusación que sustiña en solitário de xenocídio (!).

Dias despois, unha vez finalizado o xuízo, produciu-se unha surprendente decisión da sala: a posta en liberdade provisória de todos os acusados, ao que se opuxo, con un voto particular, o Sr. Ollero.
Os acusados presos non esgotaran o tempo máximo de prisión de catro anos, (ainda que poucos, a alguns faltavan vários meses para cumpri-lo) e, en princípio, a impresión era que o esgotarian como acontecera ao resto dos acusados, ou que irian sendo postos en liberdade a medida que cada un fose cumprindo o prazo.

Decisións como esta produciron-se noutras ocasións cando un Tribunal, unha vez celebrado o xuízo, chega a un inicial convencimento de absolvición, polo que non debe prolongar a situación de perda de liberdade nesas condicións, por imperativo constitucional, ainda que fique pendente a deliberación sobre o fallo e, sobretodo, a redación e razoamento da sentenza. Pode isto apontar a unha posível absolvición de todos os acusados?.

NOTA: Este e outros Relatórios da Comisión Internacional de Xuristas contra a Criminalización de Ideas en Euskal Herria, asi como información e documentos relativos ao Sumário 18/98, poden ler-se en www.ehwatch.org Comisión.