Aproveitando a apertura da seguinte rolda de negociacións do Acordo Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP) nestes días, e despois dunha pequena análise sobre o contido do tratado, toca desta volta ver algunha cuestión práctica que mudará nas nosas vidas o TTIP. 

Control de Internet. E control das nosas vidas.

Os Dereitos de Propiedade Intelectual están tamén no debate. A regulación estadounidense é moito máis laxa que a europea en materia de privacidade, polo que con esta reforma as grandes empresas terán un maior acceso á información das persoas consumidoras, debilitando a nosa situación en materia de protección de datos.

Por outra banda, volveríanse a poñer sobre a mesa propostas sobre dereitos de autor, criminalizando (aínda máis) as persoas usuarias que compartan información.

Secuestro de soberanía

Un dos elementos máis sangrantes do TTIP é a cláusula de Resolución de Conflitos Investidor – Estado (ISDS). A proposta é a creación de tribunais supranacionais non subordinados ao poder xudicial estatal para protexer beneficios empresariais futuros. Este mecanismo poderá ser empregado polas empresas ante os cambios regulatorios que promova un Estado e que prexudique á propia empresa.

É dicir, que ante un proceso de privatización, se un goberno desexa recuperar determinadas empresas poderá ser denunciado (pensemos na privatización da sanidade ou na remunicipalización de servizos). Ao mesmo tempo, calquera cambio regulatorio poderá ser tamén levado a estes tribunais (imaxinade que se regula o sistema financeiro para que non nos leven a unha nova crise, a banca podería denuncialo!).

Falta de Democracia

Un elemento chamativo da negociación do TTIP é o seu máis absoluto secretismo. A Comisión Europea non fixo público sequera cal é o mandato negociador, e moito menos os documentos oficiais polos que se rexen as negociacións.

Que curioso que a comisión negociadora da UE mantivese 130 xuntanzas sobre o tratado antes de setembro do 2013, das cales cando menos 119 foran con grandes empresas e grupos de presión.

Como é posible que a cidadanía non teña xa capacidade de decisión, senón tan sequera dereito á información? Os organismos que supostamente nos representan teñen que dar conta do que fan no noso nome.

Unha senadora dos Estados Unidos explicaba  que lle dicían membros da comisión negociadora: “Isto ten que ser segredo, porque se o pobo estadounidense sabe o que negociamos, oporíanse”. Non é preciso dicir máis.

Texto completo: Praza Pública