Para grande parte da populación de Palestina, comezou o Xuízo Final para Israel. 67 anos despois da Nakba, a expulsión forzada de máis de 700.000 persoas das súas propiedades polos sionistas armados, despois de tres guerras contra a Faixa de Gaza e após o rexeitamento, o pasado 30 de decembro, do proxecto de resolución palestino presentado no Consello de Seguranza da ONU co que se propuña o fin da ocupación israelí, o presidente palestino Mahmud Abbas decidiu asinar 20 tratados e convenios internacionais, entre eles, a adhesión á Corte Penal Internacional (CPI) e ao Estatuto de Roma. O bloqueo sobre Gaza, a construción do Muro do Apartheid en Cisxordania, os crimes de guerra e lessa humanidade cometidos por Israel, entre outras violacións dos tratados e leis internacionais, poderán ser xulgados a partir do 1 de abril, día en que Palestina ingresará oficialmente na CPI.

Na cidade de Gaza, a actividade do Centro Palestino de Dereitos Humanos (PCHR) é incesante. Raji Sourani, avogado e director do centro, afirma que "chegou o momento de abrir as portas do inferno para Israel "usando o "imperio da lei e a oportunidade que brinda a adhesión de Palestina na CPI".


Co Estatuto de Roma asinado, coa adhesión de Palestina á Corte Penal Internacional, que panorama se presenta?

Estiven traballando na CPI durante 20 anos, vía que podería ser moi útil para nós. Despois da guerra 2008/9 pedimos á Autoridade Palestina que asinase. Dicían que ao non termos status de Estado non serviría. Despois de novembro 2012, cando Palestina foi nomeada Estado non-membro, non había escusas, mais o problema foi a grande presión procedente de Israel, os EUA, a Europa e entre a OLP. A Autoridade Palestina decidiuse, xa era hora. Misión cumprida. Eu pregúntome que pasaría se houbese 540 nenos e 324 mulleres israelís mortos? Cal sería a reacción de Israel? Esta decisión chega nun momento único. Despois de tanto sangue, tanta destrución, crimes, catro anos despois de o sistema legal israelí vir abaixo, despois de os países europeos -onde queriamos usar a Xustiza Universal contra os crimes israelís- modificaren as súas leis e faceren da nosa misión algo imposíbel.

Estamos en proceso, preparados, somos profesionais, un exército de avogados. Agora ninguén poderá controlarnos nin presionarnos. Vou abrir as portas do inferno para Israel.

Como?

Estivemos preparando as loitas legais durante estes anos e estamos determinados a seguir adiante. Somos revolucionarios románticos, cremos nos feitos, as normas, as conclusións. Temos os feitos e coñecemos a lei. Sabemos que resultados poderiamos ter. Sabemos quen imos levar á xustiza, polo menos canto á guerra en Gaza, o bloqueo, os asentamentos e o Muro do Apartheid.

Isto podería afectar os dirixentes israelís?

Teñen razón de estar mortos de medo. Con todo, ti crees que algún israelí, figura política ou militar, sae de Israel sen estar seguro de ter o camiño despexado? Isto pasa desde hai anos.

Os palestinos tamén poderán ser levados ante a CPI.

Que tenten levarnos á CPI! Que tenten levar líderes de Hamas, a Yihad Islámica, ou a Abu Mazen! Por que non o fixeron antes? Por misericordia? Cantos deles matou Israel? Agora dicímoslles, imos sentarnos como persoas civilizadas sob o Imperio da lei. Por que se enfurecen os israelís, seica nós os palestinos inventamos a CPI? É a crème-de-la-crème da experiencia humana, queremos usala, a Lei foi inventada para que a usen as vítimas.
Vostede leva 37 anos defendendo os dereitos do pobo palestino. En que momento exactamente e por qué decidiu dedicarse á defensa dos dereitos humanos?

Ao saír de prisión. Alí descubrín os períodos de interrogatorio, as torturas, as duras condicións, a neglixencia médica, a humillación. Comecei cunha oficina privada onde tiña once avogados axudándome. Traballabamos casos de prisioneiros palestinos, casos relacionados cos Tribunais militares. En 1990, cando Gaza estaba en total escuridade, criei o Centro de Gaza para os Dereitos e a Lei, e en 1995 o PCHR con dúas axendas: a israelí e a palestina. Temos tres oficinas na Faixa de Gaza e unha en Ramala. Para nós o máis importante é estar preto das vítimas.

Recibiu múltiplos premios no campo dos Dereitos Humanos. En 1991 o Robert F. Kennedy, en 1996 Premio da República Francesa, en 2002 Premio Bruno Kreisky, en 1988 foi Preso de Conciencia de Amnistía Internacional. O último en 2013, o prestixioso Premio Nobel da Paz Alternativo en Estocolmo.

Recibín o premio R. F. Kennedy mesmo estando na lista negra estadounidense. Algo parecido ao que aconteceu ao meu heroe, Mandela, que foi aos EUA ainda estando nesa lista.

Os premios son un recoñecemento. Faiche sentir ben saber que vas polo bo camiño. É o recoñecemento das vítimas que representas. As vítimas buscan xente forte que as protexa, que faga xustiza. Se non tes a forza, a imaxe de ser un revolucionario romántico comprometido, e se non estás listo para pagar por iso, non o sexas. Isto non é para gañar o pan, isto é para servir unha causa, a causa do Imperio da lei, do Dereito e os Dereitos Humanos.

Falando de recoñecemento. Que pensa do recoñecemento dos Parlamentos europeos de Palestina como Estado?
Creo que a Declaración de Veneza (1980) foi o mellor apoio europeo que houbo. Non comprendo o recoñecemento dun Estado palestino virtual despois de 67 anos da Nakba. Cales son as implicacións? Estes países teñen a obrigación legal de protexernos, como di o Cuarto Convenio de Xenebra. E non nos están protexendo. Necesitamos máis feitos e menos falar p’rà feira.

Existe unha lista das convencións, tratados, leis internacionais que Israel viola ou violou?
Póñocho máis fácil. Non hai nin un único artigo dos Convenios de Xenebra, a lei humanitaria internacional ou a lei internacional que Israel non violase.

Israel é parte dos Convenios de Xenebra (1949), non dos seus I e II Protocolos Adicionais (1977). Asinou en 2002 o Estatuto de Roma, mais afirma que non ten obrigacións legais. Que significa isto?

O Convenio de Xenebra aplícase cando hai unha ocupación e é a lei a que designa a relación entre a Potencia ocupante e o Pobo ocupado. Israel nunca recoñeceu que ocupa a Cisxordania, Xerusalén ou Gaza, excepto durante 43 días en 1967. Despois dixo “Oh, síntoo, non estamos a ocupar, son territorios administrados ou disputados”. Israel é o único Estado no mundo que afirma isto. Mesmo o Departamento de Estado dos EUA  di “Territorios Ocupados”. O Comité Internacional da Cruz Vermella, gardián dos Convenios de Xenebra, di “Territorios Ocupados”. Nós somos os Civís protexidos sob Ocupación. Iso significa que Israel debería garantir a nosa liberdade de movemento, é a súa obrigación legal. Israel non ten dereito a pór os seus colonos en territorio ocupado, non ten dereito a confiscar terra, a construír asentamentos, a levantar o Muro do Apartheid; non ten dereito a bloquear, aos asasinatos selectivos ou a torturar.

Vostede estivo en Gaza durante a última guerra. O exército máis moral do mundo?, como o chama Netanyahu, que fixo? Como foi esta guerra en comparación coas anteriores?

Teño 60 anos e vivín aquí toda a miña vida e nunca, nos meus peores pesadelos, imaxinei que o que aconteceu podería vir a acontecer. Israel chegou á conclusión de que ten liberdade absoluta para facer o que queira. Foron obxectivo: mulleres, nenos, anciáns, casas, ambulancias, familias enteiras, barrios enteiros, fábricas, granxas, colexios con persoas refuxiadas. Houbo máis de medio millón de persoas deslocadas. Non había nin un só lugar seguro. O problema non é só o que fixo Israel, senón que todo estaba a ser emitido en vivo. O mundo estaba a vernos e ninguén moveu un dedo a nivel gobernamental. Cal é a diferenza entre Bin Laden e Israel? Entre Da’esh e Israel?