Sinopse
En xuño de 2013, un grupo de 800 persoas ocupan un cinema abandonado do centro Barcelona para proxectaren un documental. Baptizan o antigo predio en honra a unha moza que se suicidou dous anos antes: Cinema Patricia Heras. Quen era Patricia? Por que puxo fin á vida e que ten que ver Barcelona coa súa morte? Isto é exactamente o que se quere dar a coñecer con esta acción ilegal e de grande impacto mediático: que todo o mundo saiba a verdade sobre un dos peores casos de corrupción policial en Barcelona, a cidade morta.

 

Un dos piores casos de corrupción policial
A noite do 4 de febreiro de 2006 terminou cunha carga policial no centro de Barcelona. Foi nos arredores dun antigo teatro okupado en que se estaba celebrando unha festa. Entre as pancadas de porra, comezaron a caer obxectos desde a azotea da casa okupada. Segundo relatou por radio o Alcalde de Barcelona poucas horas despois, un dos policías, que ía sen capacete, ficou en coma polo impacto dunha maceta.As detencións que viñeron inmediatamente despois do tráxico incidente relátannos a crónica dunha vinganza.Tres novos detidos, de orixe suramericana, son gravemente torturados e privados de liberdade durante 2 anos, á espera dun xuízo en que pouco importaba quen fixera o qué.
Pouco importaba que o obxecto que feriu o policía fose atirado desde unha azotea mentres os detidos estaban a pé de rúa. Outros dous detidos aquela noite –Patricia e Alfredo– nin sequera estaban presentes no lugar dos feitos: foron detidos nun hospital próximo e achados sospeitosos pola forma de vestiren. Pouco importaba se había probas ou evidencias que exculpaban todos os acusados. Naquel xuízo non xulgaban individuos senón todo un colectivo.Tratábase dun inimigo xenérico construído pola prensa e os políticos da Barcelona modélica. Barcelona, a cidade que acababa de estrear a súa chamada “ordenanza de civismo”, unha lei hixienista, cadro legal perfecto para os proxectos de xentrificación dalgúns bairros céntricos, destinados ao turismo. Os mozos detidos aquela noite eran cabezas de turco que encaixaban perfectamente, pola súa estética, coa imaxe do disidente antisistema: o inimigo interno que a cidade modélica xerara aqueles últimos tempos.
Anos despois, dous policías son condenados a inhabilitación e penas de prisión de máis de 2 anos por teren torturado un mozo negro. A sentenza demostra que os axentes mentiran e manipularan probas durante o xuízo. Para encubriren as torturas, acusaran o mozo de ser traficante de drogas, mais o xuíz descobre a montaxe e averigua que o negro é fillo dun diplomático: o embaixador de Trinidade e Tobago na Noruega. Estes axentes resultan ser os mesmos que torturaran os mozos detidos aquela noite do 4 de febreiro de 2006 e algunhas das testemuñas que declararon na contra deles durante o xuízo. O mesmo modus operandi en ambos os casos. A única diferenza: a orixe social das vítimas.A enésima historia de impunidade policial, acompañada por boas doses de racismo, clasismo e a vulneración de dereitos fundamentais, todo iso amparado por un sistema xudicial herdeiro do réxime franquista e uns políticos obsesionados co negocio inmobiliario que brinda a Marca Barcelona á conta dos seus cidadáns.

Patricia Heras, a poeta morta

Máis aló da cidade de Barcelona, a personaxe principal de Cidade Morta é Patricia, a que imos coñecendo a través da súa poesía e o testemuño das súas amigas e exparellas. Trátase dunha estudante de literatura, extremadamente sensíbel, que esconde as súas inseguranzas atrás dunha estética excéntrica, alimentada pola cultura queer coa que se identifica.
A experiencia que a atravesa a partir daquela mañá do 4 de febreiro de 2006, cando é detida xunto co seu amigo Alfredo nun hospital, dá un xiro radical á súa vida. Dous anos de angustia á espera do xuízo, esgotando todos os aforros para pagar avogados. Tres anos de condena no cárcere. A parte de esnaquizarlle a vida, estes feitos disparan a súa produtividade literaria que vai quedando rexistrada nun blog que titula de forma premonitoria: Poeta Morta.
Patricia suicídase durante unha saída do cárcere, en abril do 2011. O filme pretende ser unha homenaxe a ela.