Desde o 1 de xullo de 2015, data que entrou en vigor, 47.980 persoas foron sancionadas polo artigo 37.4 desta Lei. Só en 2017 o Estado puido arrecadar tres millóns de euros grazas ao elevado número de sancións.

 

A Lei de Seguranza do Partido Popular, que entrou en vigor en xullo de 2015, deixou un balance (até marzo de 2018) de 47.980 multas a cidadá/ns por “faltas de respecto e/ou consideración” aos axentes da Policía. Quer dicir, Garda Civil e Policía multaron 48 persoas cada día por este motivo durante os últimos tres anos. Dito doutro xeito, cada 30 minutos, as autoridades multan unha persoa por unha suposta, e nada delimitada, “falta de respecto e/ou consideración” aos axentes.

Os datos son os seguintes. O últimos seis meses de 2015, primeiros de aplicación desta norma, foron sancionadas 3.130 persoas. En 2016, a cifra de sancións triplicouse e ascendeu a 19.497. En 2017 a cifra volveu crecer até as 20.722 sancións e no tres primeiros meses de 2018 (de xaneiro a marzo) as multas ficaron en 4.631. En total, 47.980 multas, que se se dividen polos 1.002 días que estivo activa a nova Lei mordaza suman unha media 48 multas ao día. Nin unha máis, nin unha menos.

 

As autoridades multan unha persoa cada 30 minutos por “falta de respecto e/ou consideración” aos axentes

As sancións son postas polos propios axentes dos diferentes corpos policiais do Estado e non necesitan ser reafirmadas por un xuíz nin ningunha outra autoridade xudicial. É o mesmo axente o que cualifica como unha “falta de respecto” cara á súa persoa a actuación dun/ha cidadá/n e decide interpor a sanción. Así, neste tres anos coñecéronse sancións estrambóticas por supostas faltas de respecto, como a que sufriu un cidadán por dirixirse en catalán a un axente; ou a doutros dous cidadáns que foron multados por dar a ‘gústame’ a un vídeo en Facebook e por fotografias un coche de Policía que estaba mal estacionado.

Os datos proceden, por unha banda, do relatorio de Interior Actuacións en materia de protección da seguranza cidadá 2016 e, por outra, da resposta parlamentar, datada do 1 de xuño, recibida polo senador de EH Bildu Jon Iñarritu. A cifra exacta das sancións interpostas polos diferentes corpos policiais é maior xa que os datos 2017 e 2018 non inclúen as sancións interpostas polos Mossos d’Esquadra nin pola Ertzaintza.

As sancións previstas neste artigo 37.4 da Lei de Seguranza Cidadá oscilan entre os 100 e os 600 euros. Durante 2016, último ano do que se coñece a arrecadación total de cada apartado sancionador da Lei mordaza, a sanción media foi de 154 euros, polo que, con estes datos na man, o Estado tería arrecadado 3.191.188 euros no ano 2017 á conta das “faltas de respecto ou consideración” de cidadáns a axentes das Forzas e Corpos de Seguranza do Estado. En total, a data de 31 de decembro de 2016, o Estado recadara 131.470.206 euros coa Lei mordaza.

A reforma da Lei mordaza

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, mostrou o seu compromiso para reformar a Lei de Seguranza Cidadá logo de chegar ao poder. Antes, cando o seu partido estaba na oposición, os socialistas foron un dos que se sumaron ao recurso que presentaron todos os grupos (salvo PNV, CiU e PP) ante o Tribunal Constitucional para derrogar oito artigos da norma.

Agora, con Sánchez liderando o Goberno, o compromiso foi impulsionar a derrogación urxente destes artigos recorridos ao Constitucional “que limitan desproporcionadamente os dereitos de reunión e manifestación e a liberdade de expresión”.

Con todo, o PSOE non dixo nada da derrogación doutros artigos da lei non recorridos que tamén vulneran dereitos fundamentais. Por exemplo, este caso de “faltas de respecto ou consideración” aos axentes que alén de alargar enormemente a discrecionalidade dos axentes serve para espremernos a multas.

ALEJANDRO TORRÚS

Fonte: Público