No dificilísimo debate sobre a prostitución acaba de terzar Amnistía Internacional, inmersa nun longo proceso de estudo que lle permitirá fixar a súa política sobre esta materia nun futuro próximo. En realidade, AI dificilmente podía esquivar esta cuestión, porque as persoas que se dedican ao traballo sexual forman un colectivo laboral particularmente marxinado e vulnerábel.
O elemento central no borrador do que parece que vai ser a postura de AI sobre a prostitución é a distinción nítida entre traballo sexual e comercio de persoas, de onde derivan dous postulados. En primeiro lugar, o de despenalizar o traballo sexual. Para AI, o esencial é que ás persoas que voluntariamente se prostitúan non se lles neguen os dereitos humanos de que son titulares. Non se trata tanto de legalizar o traballo sexual –en todo caso, a normativa debería ser respectuosa cos dereitos humanos e evitar a explotación–, senón de non perseguilo, é dicir, de non colocalo fóra da lei, e permitir así a non discriminación e o empoderamento das traballadoras (e dos traballadores) sexuais. É interesante que AI pense en pronunciarse explicitamente contra o modelo sueco, por entender que a prohibición forza as traballadoras sexuais a buscar maneiras de ocultar os seus clientes, o cal provoca un aumento da inseguridade: o traballo debe agacharse e as traballadoras quedan así máis expostas á violencia e á explotación. (España, por certo, acaba de dar un paso discreto na dirección do modelo dos países nórdicos. Unha das infraccións graves previstas na nosa flamante lei mordaza é a “solicitude ou a aceptación polo demandante de servizos sexuais retribuídos en zonas de tránsito público nas proximidades de lugares destinados ao seu uso por menores […], ou cando estas condutas, polo lugar en que se realicen, poidan xerar un risco para a seguridade vial”.) O segundo dos postulados de AI vai ser o da necesidade de previr e combater o comercio de persoas con fins de explotación sexual. As persoas obxecto deste tipo de explotación deben ser protexidas porque son vítimas dun claro abuso contra os seus dereitos humanos.
Como era de esperar, a política bosquexada por AI bateu decontado contra unha oposición contundente. A Coalition Against Trafficking in Women, que recibiu o apoio de moitas organizacións destacadas e persoas prominentes (entre elas, varias coñecidas actrices cinematográficas), acusa a AI de non recoñecer a relación entre a prostitución a desigualdade de xénero e teme que a despenalización do traballo sexual se plasme na impunidade para os grandes beneficiarios da industria do sexo, é dicir, os bordeis, os proxenetas e os consumidores. Pero AI tamén recibiu importantes apoios, como o da Global Network of Sex Work Projects, preocupada porque aínda se poida confundir o traballo sexual co human trafficking, enfadada porque se silencian as voces das persoas que se dedican ao traballo sexual e convencida de que a criminalización do traballo sexual é contraproducente. Igualmente, a prestixiosa revista médica The Lancet amosou o seu acordo coa política que previsibelmente vai adoptar AI.
Este episodio demostra até que punto é delicado adoptar unha posición correcta nesta materia, mesmo por parte dunha organización como AI, que non pode ser considerada imprudente ou pouco rigorosa no seu labor de defensa dos dereitos humanos. Malia os esforzos por entender e encarar a complexa realidade do traballo sexual, parece que hai preguntas condenadas a non recibiren unha resposta pacífica. É posíbel falarmos de voluntariedade no traballo sexual? Ou estamos sempre ante un fenómeno de violencia, polo menos estrutural? A abolición da prostitución é un obxectivo político realista? E que deberiamos facer para acadalo? Mentres tanto, que medidas deseñamos e implementamos para protexer as persoas que se dedican ao traballo sexual? Sexan cales sexan as nosas respostas, sermos conscientes da nosa inseguridade nesta materia non nos exime da responsabilidade cívica que temos de actuar o mellor que saibamos. AI está a facelo, e a súa coraxe merece o noso respecto.
Orixinal aquí.