Familiares do mozo de 24 anos Jonathan Costelas Rituerto, que faleceu na pasada segunda-feira na prisión alavesa, explicaron publicamente o trato recibido de Institucións Penitenciarias e anunciaron que esgotarán as vías legais. Desde 2011, o cárcere de Zaballa cobrou, como mínimo, a vida de tres persoas: os tres no que levamos de 2019. Na cuarta-feira haberá unha concentración.

 

 

A tía e o pai do novo falecido no pasado luns 1 de abril no cárcere de Zaballa compareceron xunto a Salhaketa para denunciar que a morte do seu familiar tamén se podería ter evitado. Resulta evidente que son momentos difíceis para a familía, polo que a lectura foi feita por unha activista de Salhaketa pondo sobre a mesa as palabras da familia.

A petición expresa da familia, decidiron pór cara a Jonathan’?para que deixe de ser un número máis nesta lista inaceptábel de falecementos en prisión’. Chamábase Jonathan e apelidábase Costelas Rituerto, nacera no ano 1994 e era veciño do bairro de Zaramaga. Tiña 24 anos. Segundo puido saber a familia, Jonathan apareceu enforcado na súa cela do módulo 7 na pasada segunda-feira pola tarde.

A forma do falecemento resulta estraña para familiares e achegados, como estraño parece que non houbese alertas previas co fin de prevenir este final. ‘Reiteramos que esta morte, así como a inmensa maioría das ocorridas en prisión, nin son inevitabeis nin son naturais’, lamenta a familia. Compre lembrar que desde 2011, tres persoas perderon a vida no cárcere de Zaballa, as tres no que levamos de 2019. Dito doutra maneira: a Salhaketa non lle consta ningunha morte en oito anos mais si tres en practicamente tres meses.

Cinco días sen poderen ver o corpo
Como tampouco queren normalizalo, quixeron denunciar o trato de ‘desatención e de revitimización’ que sufriu a familia as primeiras horas e días após coñecerse a morte do seu achegado. A segunda-feira pola tarde, e despois dunha concisa chamada telefónica informando da morte de Jonathan, desde o C.P. de Zaballa indicáronlles que tiñan de acudir ao xulgado. Contodo, os familiares toparon cos xulgados pechados. Estiveron cinco días sen poder ver o corpo de Jonathan e o trato nos xulgados, cando acudiron para solicitar velo, ‘foi dunha grande falta de sensibilidade’.

A dia de hoxe, a familia ainda non ten as pertenzas nin as cartas de Jonathan, con instrucións contraditorias entre cárcere e xulgados de como teñen que conseguilas. Neste sentido, denuncian non ter recibido nin un ‘pésame’ por parte do cárcere despois da chamada informando do falecemento de Jonathan: ‘Non volvemos ter contacto telefónico con ningún responsábel do Centro Prisional’.

Esgotarán as vías xudiciais
A familia teno claro: queren que se asuman as resposabilidades que decorren dunha morte sob custodia do Estado, cando debería ser este o garante da seguranza de todas as persoas presas. Para iso, desexan esgotar as vías xurídicas para esclarecer os feitos, polo que comparecerán na causa e utilizarán todos os recursos necesarios para enfrontala.

Ven necesario un protocolo de actuación que dote de atención as familias en todos os casos de morte sob custodia das institucións, facilitando información precisa sobre a causa da morte e explicación de dúbidas polo médico forense para que a familia poida proceder aos trámites. Tamén esixen a ‘recuperación inmediata’ de pertenzas do falecido.

Aproveitaron para convocar unha concentración na próxima cuarta-feira ás 12:00 fronte á Subdelegación do Goberno español en Gasteiz, na Rúa Olagibel.

Para que non se repita a situación que sufriu esta familia, consideran que debe darse unha tramitación do proceso xudicial e o dereito de comparecencia, á vez que piden un trato respectuoso e empático cara ás reaccións doídas da familia en todas as institucións. Así mesmo, ven imprescindíbel o dereito da familia a ver o corpo canto antes no IMLA, xa que iso ‘axudaría a asumir o proceso de dó que xa é bastante impactante con asistencia psicolóxica’.

Tres mortes desde 2011, todas en 2019
A de xaneiro foi a primeira morte neste cárcere desde o ano 2011, segundo os datos que controla Salhaketa. ‘Son mortes silenciadas, sabemos que hai máis’, denuncian. No caso do primeiro falecido en xaneiro, a autopsia demostrou que o mozo falecera por unha sobredose de heroína.

Salhaketa tamén deu a coñecer entón un dato: o 80% das persoas que están en prisión teñen drogodependencia. O compañeiro de cela do novo falecido en xaneiro, tamén sufriu sobredose aínda que non faleceu: ‘Non dubidedes que este preso sufrirá represalias, cando a imprudencia foi das Institucións Penitenciarias’, advertían.

Halabedi