
O goberno de España súmase así á tendencia europea de coleta de datos biométricos nas súas fronteiras através do uso dos chamados sistemas de intelixencia artificial (IA), como cámaras de recoñecemento facial. Perante o avance deste proxecto, máis de 50 asociacións e colectivos anti-racistas que traballan na defensa dos dereitos humanos, entre os que están SOS Racismo, Centre Delàs, Oxfam e os Sindicatos de Manteiros de Madrid e Barcelona, manifestan a súa seria preocupación.
“É un feito coñecido que os algoritmos de recoñecemento facial costuman producir falsos positivos e falsos negativos en rostos non caucásicos, o que, neste contexto concreto, podería supor graves consecuencias para persoas identificadas erradamente como sospeitosas de actos terroristas”, sinalan. Como acontece noutros aplicativos semellantes deste tipo de sistemas en espazos públicos, como nas estacións de autocares ou trens, todo o proceso carece de transparencia e auditabilidade.
Por estas razóns, as plataformas que suscriben o manifesto exixen a aplicación da lexislación elaborada polo Consello Europeo sobre a regulación da IA e a protección de datos, para que sexa aplicada tamén en contextos como o fronteirizo, que son unha excepción ao seren considerados ‘securitarios’. Peden así mesmo que, caso estes sistemas chegaren a ser aplicados, iso se faga coa debida información e o consentimento de quen é rexistrado por eles, para o que sería necesaria a incorporación sistemática de observadores dos dereitos humanos na fronteira.
Finalmente, alén de sistemas de auditorías e control estatal, demandan que os algoritmos que operan nestes sistemas sexan públicos para as organizacións da sociedade civil poderen tamén os analisar e investigar.