O Consello de Informativos de TVE fixo público o seu relatorio de malas prácticas do cuarto trimestre de 2017 correspondente aos meses de outubro a decembro. A publicación deste novo especial de 200 páxinas e cuns 50 exemplos detallados de manipulación coincide coa reunión que os representantes dos órganos da redacción de RTVE tiveron cos partidos políticos no Congreso, onde entregaron o relatorio e a súa petición para que se desbloquee a situación de renovación do presidente e a cúpula de RTVE.

 

 

No escrito o Consello “manifesta a súa preocupación polo tratamento nesgado que evidencia unha falta de pluralidade, mestura de información e opinión, e difusión de informacións e datos inexactos”.

Entre os casos de censura analizados salienta a comparecencia no Congreso no pasado mes de novembro do inspector xefe da Unidade de Delitos Económicos e Fiscais da Policía (UDEF), Manuel Morocho, que dixo que ‘indiciariamente’ Mariano Rajoy e outros ex secretarios xerais do Partido Popular recibirían pagamentos en diñeiro negro procedentes da suposta caixa B do PP. O Telexornal dese día non recolleu a noticia.

Ademais o CDI documenta outros casos de malas prácticas informativas “como o uso de cámara oculta no programa La Mañaña, a inclusión dos noticiarios de informacións con tintas publicitarias ou o erro de non dar información de forma puntual sobre os incendios en Galiza e Astúries, o que supuxo que os cidadáns tivesen que informarse noutos canais de televisión”.

Censura e manipulación a favor do PP

O Consello de Informativos de TVE detalla numerosos casos de censura e manipulación. A maioría deles benefician ben por omisión ou polo tratamento que se dá ás informacións ao Goberno e ao Partido Popular. E son constantes, como mostrabamos nunha recente análise centrada tan só nunha semana dos Telexornais.

Á manipulación recorrente coas informacións sobre Catalunya, ás que xa dedicou un monográfico especial e outro relatorio centrado só no caso de Informe Semanal, súmase a constante minimización das noticias que fan referencia á corrupción no PP.

Así por exemplo, ao caso de censura das palabras de Morocho únense outros exemplos. O 25 de outubro o TD dedica unhas colas de 22 segundos no minuto 20 a que “o fiscal do xuízo sobre a Gürtel asegura que a caixa B do Partido Popular ficou abrumadoramente acreditada”.

O 15 de novembro a Audiencia de Madrid anuncia que xulgará o PP e a súa tesoureira polo caso do borrado dos discos duros dos computadores de Bárcenas. O relatorio recolle que “o TD1 ofrece un directo desde a Audiencia Nacional no minuto 12 do telexornal, o TD2 dáo en colas de 25 segundos. Nos dous casos, a información non vai en sumarios”.

 

 

Ademais, poténcianse ou manipulánse as mensaxes referentes ás políticas do Goberno, sobre todo no plano económico.

Por exemplo o 3 de novembro, ao falar dos datos do desemprego o infomativo xustificaba a suba do desemprego ao acabaren os contratos de verán e segundo o CDI “retorce as estatísticas para buscar o dato positivo”.

“”Nos últimos 8 anos aumentara en 90.000 persoas de media e nesta ocasión fíxoo en 56 mil oitocentas”. En realidade, o desemprego subiu en outubro de 2016 algo máis de 44 mil persoas, quer dicir, que en outubro do 17 subiu máis do que o ano pasado, e no entanto a cifra que se dá é a media dos últimos 8 anos”, recolle o relatorio.

O 28 e 29 de novembro os informativos repetiron unha mensaxe que o CDI considera “propaganda” do Goberno. Nela Fátima Báñez anunciaba que esperaba pechar o ano con “600.000 novos empregos”.

 

O pasado 1 de decembro, cando o Goberno tivo que retirar máis de 3.500 millóns do fondo de reserva das pensións para pagar a paga extra, o TD só mencionou que no fondo restaban “8.000 millóns de euros”. “O texto evita dicir que en 2011 había 66 mil millóns, reducidos a 8 mil seis anos despois” pola continua retirada de fondos.

Publicidade nos Telexornais

Ademais, o CDI sinala que recibiu queixas pola “suposta emisión de mensaxes publicitarias en dúas informacións dos Telexornais”.

Detállanse varios casos. Un deles é unha peza emitida o 16 de novembro sobre a inauguración en Madrid dunha delegación da Clínica Universidade de Navarra.

O Consello conclúe que esta peza “é publicitaria”. “O propio cabezallo  é revelador “A Clínica Universidade de Navarra abre as súas portas en Madrid… 46 especialidades médicas e 500 profesionais formarán parte deste hospital privado”. Parece máis un anuncio que un lead informativo. A peza dá voz a tres profesionais deste hospital privado que explican as vantaxes da tecnoloxía médica da que dispón o centro”, recolle o escrito.

Así mesmo lémbrase que “a difusión de mensaxes publicitarias está expresamente prohibida no Estatuto de Información da Corporación RTVE: Art. 9.11 Os profesionais da información audiovisual (…) evitarán a difusión de publicidade encuberta que empresas, particulares ou institucións pretendan facer pasar como informacións”.

Tamén en novembro foi emitida outra peza centrada na venda por internet através de Amazon que segundo o Consello ten “tintas publicitarias”.

“O primeiro que chama a atención é o fondo utilizado para a súa presentación en estudio: detrás da presentadora aparece o logo da empresa Amazon, unha práctica que desaconsella o Manual de Estilo da Corporación” que tamén sinala que “se evitará a difusión de publicidade encuberta que empresas, institucións ou particulares pretendan facer pasar por informacións”.

O relatorio denuncia que na peza “Reitérase o nome da plataforma en liña. A palabra Amazon escóitase en 6 ocasións en pouco máis dun minuto e medio. Toda a imaxe utilizada na información obtívose no centro loxístico de Amazon e non incorpora rodaxes en ningunha do tres empresas que venden os seus produtos através desta plataforma dixital”. explica.

O Consello denuncia que é “inadecuado” limitarse a Amazon como “única plataforma” xa que se poderían incorporar á información outros marketplaces.

Vanesa Rodríguez

Fonte:  Vértele