Josep Maria Camps Collet
56 anos despois do asasinato do líder negro dos Estados Unidos Malcolm X, foi revisado o proceso que conduciu á condena de tres persoas como autoras do crime.
Dous dos condenados en 1966, Muhammad Abdul Aziz i Khalil Islam, foron declarados inocentes. O procurador do distrito de Manhattan, Cyrus Vance Jr., pediu desculpas esta quinta-feira polo que calificou de “violacións da lei e da confianza pública”.
Aziz, que agora ten 81 anos, dixo ao tribunal que foi condenado nun “proceso que estaba corrompido até a medula, un feito demasiado familiar para as persoas pretas no 2021” e que espera que o sistema suma “a responsabilidade do dano inconmensurábel que me causaron”.
Kalil Islam non saberá nunca que finalmente o seu nome ficou limpo, xa que morreu en 2009. Dous fillos que estaban na sala, Ameen e Shahid, consideran a exoneración “agridoce”, porque non é posível devolver á súa familia todo o que perdeu. Un deles tiña ano e medio e o outro estaba ainda na barriga da nai cando o pai foi detido. “Honestamente, non pensaba que viviría este día “, dixo Ameen.
O Ministerio Fiscal levou a cabo a investigación coa colaboración da organización Innocence Project (Proxecto Inocencia), que traballa para detectar condenas erradas.
Asasinado en 1965
Malcolm X foi asasinado por tres homes a tiros no 21 de febreiro de 1965, en Manhattan, cando estaba prestes a facer un discurso para explicar o seu distanciamento da Nación do Islam. Era coñecido como o principal orador público desta organización de relixión musulmana que defendía a superioridade dos pretos sobre os brancos.
Precisamente, os tres condenados eran membros da organización, e o asasinato tería sido unha vinganza porque Malcolm X abandonara a Nación do Islam en 1964 e se desligara do seu discurso radical.
FBI e policia, implicados
Mais diferentes sinais fixeron dubidar desde o inicio desta versión oficial e agora desvelouse que poderían estar implicados o FBI e a policía de Nova York.
A investigación de Vance comezou despois de Netflix publicar en febreiro de 2020 a serie documental “Quen matou Malcolm X?”, con novas probas sobre o caso.
Axudou a confesión, escrita en 2011, antes de morrerr e que foi dada a coñecer este ano, de Raymond Wood, un policía preto de Nova York que tería colaborado, sen saber, na preparación do asasinato.
Policia infiltrado
Na confesión, en forma de carta, Wood explica que a súa misión era infiltrarse no movemento polo dereitos civis dos negros para encoraxar os seus membros a cometeren delitos.
Tamén estaba implicado o FBI, que se encarregou da detención de dous membros do contorno de Malcolm X dous días antes do asasinato para enfraquecer a súa equipa de seguranza.
Segundo a carta de Wood, como escusa para os deter recorreuse á falsa acusación de estaren preparando un atentado contra a Estatua da Liberdade.
As probas que achega a nova investigación sinalan que o asasinato tería sido perpetrado por outro membro da Nación do Islam, William Bradley, que na altura non foi acusado.
O físico de Bradley coincidía coa descripción dunha das testemuñas da defensa, Ernest Greene, mais este testemuño foi utilizado para incriminar Islam, fisicamente moi diferente.
Exonerados polo terceiro condenado
As novas probas reforzarían tamén a coarctada de Islam, que non estaba no lugar do asasinato, un salón de baile de Harlem, sino en casa dun amigo.
Islam e Aziz foron detidos días despois do asasinato, en tanto o terceiro, Mujahid Abdul Halim, foi detido no lugar e confesou o crime.
Halim, que agora se chama Thomas Hagan, sempre defendeu que os outros dous acusados non participaran no asasinato, mais ninguén tivo en conta o seu testemuño.
Erro xudicial?
Segundo Deborah Francois, avogada que traballou na reabertura do caso, non se tratou dun erro xudicial, seno que foi “o produto dun mal comportamento oficial, extremo e grave”.
Condenados a prisión perpetua, Muhammad Abdul Aziz e Khalil Islam pasaron décadas no cárcere: o primeiro saiu en 1985 e o segundo en 1987. Este morreu en 2009, con 74 anos.
Apesar de estaren en liberdade condicional, os dous tiveron de arrastrar fora da cadea o estigma de teren matado Malcolm X. O sobrevivinte, Aziz, xa perdera a esperanza de que o caso fose revisado.