Ás 16:15 do día 30, Blanco e Ferreiro, provistos dos pases expedidos polo Colexio de Avogados de Ourense, solicitan comunicar, ao abeiro do art. 48.4 do regulamento penitenciario, con varios internos do centro. Sorprendentemente, despois de pasar polo arco detector de metais e mostrar a súa documentación profesional, os funcionarios do departamento de comunicacións anúncianlles que, en aplicación da Instrución 4/2005 (norma interna de aplicación non regulamentar por non estar debidamente publicada en boletín), antes de autorizaren a comunicación os internos deben ratificar por instancia que a aceptan.

Decorrida hora e media sen noticias, ás 17:45, Ferreiro e Blanco demandan ao departamento de comunicación que avisen o responsábel de garda para que informe das razóns de tan prolongada demora. O requerimento é atendido por un individuo sen uniforme que se identifica como mando de incidencias e declara que ningún dos internos acepta a comunicación.

A elevada improbabilidade desta circunstancia (consta chamada dun familiar esa mesma mañá para solicitar a visita e Ferreiro comunicara a semana anterior cun deles sen problema) leva os letrados a solicitar que os presos manifesten a negativa persoalmente, petición denegada polo mando de incidencias.

Optan daquela por solicitar veren e recibiren copia da suposta instancia que acreditaria eventualmente a negativa dos presos a comunicaren mais agora o mando de incidencias anuncia que en realidade non foi requerida instancia e os presos transmitiron a negativa de "viva voz". Tamén alega que a razón da negativa dun deles se xustifica por ter comunicado co seu avogado defensor esa mesma mañá, afirmación que posteriormente se demostra falta de fundamento.

Ferreiro e Blanco deciden requerer comparecencia en que conste que o mando de incidencias sinala expresamente que os presos se negan a comunicar cos letrados, con sinatura e identificación do funcionario que dá fé da negativa. A resposta do mando de incidencias é virar as costas e marchar ao interior do penal, sin explicación algunha e en clara actitude de falta de consideración a dous profesionais. Pasada outra media hora (18:15), un dos funcionarios entrega a Ferreiro e Blanco os seus pases acompañados dunha dilixencia escrita a máquina en que se expresa que os presos se negan a comunicar cos letrados.

Compre sinalar que às 18:00 aproximadamente a decana do Colexio de Avogados de Ourense, en comunicación telefónica, instara o mando de incidencias a permitir que Blanco e Ferreiro pudesen recibir a negativa directamente dos presos. Nesta ocasión a escusa para non atender a demanda foi outra: a condición de "perigosos" dos internos.

Entende o denunciante, Fernando Blanco, que estes feitos poderían ser constitutivos dun delito cometido por funcionarios contra o dereito de defensa do art. 537 CP e mesmo dun delito de falsidade en documento oficial. Solicita por tanto que se proceda a remitir a denuncia ao xulgado competente para a súa incoación e, como primeiras dilixencias urxentes, ao abeiro do art. 13 LARC, se proceda a recoñecemento médico dos penados citados na denuncia.

Ver aquí a denuncia.