Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), reuniuse nos últimos dous días no Parlamento Europeo, en Bruxelas, con membros da asociación Etxerat, e concretamente con familiares de presas e presos políticos vascos afectados por enfermidades graves. O colectivo acudiu á capital comunitaria para denunciar a vulneración de dereitos humanos e as medidas de excepción ás que son sometidas as e os encarcerados en prisións do Estado español e do francés, que ademais de padecer a política de dispersión penitenciaria pasan por todo tipo de atrancos á hora recibir unha atención médica adecuada. Lídia Senra, membro do Grupo de Amizade co País Vasco no Parlamento Europeo, considera “fundamental que se respecten os dereitos humanos de todas as presas e presos, tanto no Estado español coma no francés, e que se poña fin ás políticas de excepción que padecen tanto eles como as súas familias”.

A visita de Etxerat a Bruxelas tiña por obxectivo dar a coñecer a situación de 22 presos vascos que padecen enfermidades incurables e que cumpren condena en cárceres dos Estados español e francés. Os seus familiares denunciaron ante as eurodeputadas e eurodeputados “a política arbitraria e vingativa” á que se ven sometidos os seus parentes nos cárceres, entre as que nomearon todo tipo de dificultades para acceder aos seus médicos de confianza, tratamentos interrompidos por traslados de prisión en prisión ou a realización de probas médicas sen garantías de confidencialidade ou mesmo esposados, prácticas que vulneran tanto a lexislación española como a francesa, ademais de internacionais, como as Regras Mínimas das Nacións Unidas para o tratamento de reclusos, as chamadas “Regras de Mandela”, que inclúen a prohibición da tortura e de tratos crueis e degradantes e cuxa ultima revisión foi adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en decembro de 2015.

Esta vulneración dos dereitos fundamentais dos presos xa fora denunciada ante os membros do Parlamento Europeo na visita que o ano pasado fixeron ao País Vasco sete eurodeputadas e eurodeputados, entre elas Lídia Senra, e da que naceu, logo de diversos encontros coa contorna dos presos e presas, institucións, organizacións civís, persoal médico e avogadas e avogados das familias, o Informe sobre Dereitos Humanos das Persoas Presas Políticas Vascas, presentado en abril de 2016. Ademais das conclusións e recomendacións, este informe inclúe unha análise xurídica sobre aspectos como a dispersión, a acumulación de condenas e a relación que os Estados español e francés están a manter cos presos e presas políticas vascas gravemente enfermas.

Máis alá, a eurodeputada galega aproveitou a visita de Etxerat ao Parlamento Europeo esta semana para facer fincapé en que estas violacións de dereitos humanos non as padecen só as presas e presos vascos no Estado español. “Tamén hai presas e presos da Galiza e do resto do Estado ás que se lles aplican medidas de excepción, como a dispersión penitenciaria, o que supón que as súas familias e amizades teñan que percorrer longas distancia para poder visitalos nos cárceres que está fora do seu territorio, convertendo a medida de excepción nun castigo a maiores para elas”.

Neste sentido, a europarlamentaria esixiulle ao Estado español que poña fin a este tipo de políticas en todos os casos, e tamén que remate coas situacións inhumanas que conleva o réxime FIES e os módulos de illamento das prisións. Senra lembra as preguntas por escrito que lle formulou no último ano á Comisión Europea, denunciando diferentes casos de persoas galegas dispersadas e tamén denunciando o réxime FIES, así como torturas e malos tratos acontecidos no propio penal de Teixeiro. A deputada de AGEe esixiulle ás autoridades comunitarias responsabilidade e pasos en firme para blindar que se cumpran os dereitos humanos en todas as prisións e con todas as persoas presas.