No 2014, o Reino de España fretou 134 vóos secretos de deportación para expulsar 3.373 persoas

A deportación dunha persoa de orixe senegalesa nun vóo regular ou o macrovóo de deportación dun grupo de doce guineenses desde o CIE da Zona Franca de Barcelona reavivaron o debate sobre os vóos de deportación. A campaña estatal Stop Deportaciones procura dar a coñecer estas deportacións.

Laia Castillo e Clara Asin,, membros de Fechemos os CIE, que loitan pola defensa dos dereitos das persoas migrantes.

Que é unha deportación?

Entendemos unha deportación como unha accón de expulsar ao seu país de orixe unha persoa de maneira obrigada, en contra da súa vontade. As deportacións son levadas a cabo desde que existe o sistema de control migratorio. Compre diferenciar segundo o lugar desde onde se efectúen. Poden producirse desde a mesma fronteira, desde un Centro de Internamento de Estranxeiros (CIE) ou desde as comisarías de policía. Nas fronteiras prodúcense as que chamamos devolucións en quente ou as prohibicións de entrada. As prohibicións de entrada consisten en denegar a entrada a unha persoa antes de entrar no país. Esta denegación leva a que estea un máximo de 72 horas nun lugar fronteirizo, como por exemplo o espazo de detención que hai no aeroporto do Prat, e, unha vez denegada a entrada, sexa retornada ao país de orixe.

En troca, nas devolucións en quente, non se dá esta situación, porque non hai orde xudicial. Por iso dicimos que é un lugar de excepcionalidade xurídica, onde non se recoñece o dereito a asilo das persoas nin se teñen en conta os dereitos humanos. Iso poidimos velo nas devolucións en quente no mar ou nos valados de Ceuta e Melilla. As devolucións en quente son ilegais, xa que non se tramita ningún expediente da persoa expulsada. Compre ter en conta que nas nosas fronteiras quen fai o que poderíamos chamar “o traballo suxo” é o Marrocos, xa que recibe compensacións económicas para vixiar as fronteiras.

Que diferenza hai entre unha deportación nun vóo regular e un macrovóo de deportación?

Os vóos regulares son os vóos comerciais, onde hai persoas que viaxan por pracer ou por negocios, en que se leva a cabo a expulsión forzosa dunha persoa para o seu país de orixe. Case todas as compañías aéreas fan deportacións deste tipo hoxe en dia. O último caso, que tivo forte repercusión mediática, foi o de Vueling con destino ao Senegal. Por outra banda, temos os macrovóos de deportación, que son vóos que freta o Ministerio do Interior, como no caso das persoas que deportaron á Guinée Conakry, onde toda a pasaxe é deportada e non hai ningún outro pasaxeiro ou pasaxeira, só policía e persoal médico. Na maioría dos casos faise coa colaboración da Axencia Europea de Control da Fronteira Exterior (Frontex) e co obxectivo de deportar un grande número de persoas. Tanto nos macrovóos como nos vóos comerciais, a Unidade Central de Expulsións e Repatriacións (UCER) da Policía Nacional é o grupo encarregado de organizar estas repatriacións.

Amnistía Internacional e o comisario polos Dereitos Humanos do Consello de Europa, no ano 2001 recomendaron que houbese controis médicos antes e despois da deportación. Faise así actualmente? Que persoal médico e de seguranza hai nun vóo?

Os macrovóos están caracterizados por unha forte presenza policial. Cada un dos dispositivos de deportación está formado por un grupo de policías vestidos á paisana cunha placa identificativa. O número de escoltas, como mínimo, ten de igualar a cifra de persoas expulsadas. O equipo sempre há de estar integrado, como mínimo, por persoal sanitario, segundo o Protocolo policial que establece as normas de actuación nas repatriacións e na transferencia de persoas detidas por vía aérea ou marítima. As persoas deportadas poden ir alxemadas durante todo o traxecto. No caso das repatriacións en vóos comerciais, a persoa deportada fai todo o traxecto cun policía a cada lado vestido á paisana. Polo que di respecto ao persoal sanitario, nos vóos de deportación colectiva sempre é obrigada a presenza dun-ha médico/a no avión. Por veces prodúcense sedacións, e é ese médico ou esa médica que debe encarregarse de as facer. “O uso de sedantes para facilitar a expulsión é prohibido, agás prescripción facultativa cando for necesaria por razóns de seguranza do vóo”, determina o protocolo policial.

Ainda así, Osamuyi Aikpitany, un mozo nixeriano de 23 anos, morreu por asfixia en xuño de 2007 nun vóo de deportación. Despois da súa morte fíxose un protocolo en que se di, textualmente, que “en ningun caso a aplicación de medidas coercitivas poderá comprometer as funcións vitais do repatriado”.

A seguir a morte de Osamuyi incluíuse esta cláusula no protocolo. Hai mortes porque a persoa se pon nervosa e ofrece resistencia. Non hai ningún control médico antes de a persoa subir ao avión. A normativa interna establece as normas sobre o que pode facer a Policía nacional e o que non. Polo que di respecto ao uso de sedantes, de medidas coercitivas e do uso de material inmobilizador, deixa a porta aberta. O que di a normativa cando fala de que “non se poderán comprometer as funcións vitais do repatraiado” é que non se poderá matar a persoa. Por iso hai entidades como Amnistía Internacional, entre outras, que denuncian que é moi difícil facer un control real sobre o que pasa nestes vóos. Ainda máis, cando chegan ao seu país de orixe tampouco hai ningún contro médico. Dánselles uns cartos e xa está.

Ainda que menos coñecidas, tamén hai deportacións express, desde a comisaría.

As prácticas máis usuais que encontramos na campaña StopDeportacións, e que vemos que cada vez se utilizan máis e son das que menos sabemos, son as deportacións express. Prodúcense en menos de 72 horas desde comisaría. Estas persoas reciben unha chamada de comisaría sob o pretexto que deben ir por algún motivo relacionado cos seus papeis. Cando a persoa vai non sabe que será deportada, xa que costuma ir por causa dun engano, mais acaban véndose imersas nunha deportación porque teñen orde de expulsión desde hai tempo. Compre ter en conta que estas deportacións son citacións con nome e apelidos, non son batidas en que a policía prende xente de maneira aleatoria. É xente que xa ten expediente incoado para ser expulsada, que xa ten orde de expulsión.

Portanto, que diferenza hai entre devolución, deportación e expulsión?

Nos vóos colectivos son deportadas, levadas ao país de orixe, persoas que xa estaban aqui vivindo e ás que por teren caído en situación de irregularidade se lle abre un procedemento de expulsión e son expulsadas. O mecanismo xurídico é a expulsión, coloquialmente coñecido como deportación. O outro mecanismo é cando a xente acaba de chegar, como é o caso da xente da Guinée Conakry, que chegan en balsa e son aloxadas no CIE e repatriadas. Unha devolución é a intercepción dunha persoa na fronteira tentando realizar unha entrada. O cando unha persoa entrou tendo prohibición de entrada. Unha expulsión é contra unha persoa que xa reside no estado español como consecuencia dunha resolución xudiciaria ou administrativa. O mecanismo para unha expulsión é moito máis amplo e longo, implica estar no territorio e é consecuencia dunha resolución xudiciaria. A deportación é un termo máis xenérico, engloba calquera acción de devolución ou expulsión dunha persoa contra a súa vontade.

A lexislación europea non permite a deportación colectiva. Como pode ser, daquela, que se fagan vóos de deportación colectivos?

Utilízase un tecnicismo burocrático para esquivar este escollo e poder expulsar persoas do territorio europeu através dese método, co pretexto de levar a termo unha suma de casos individuais e procedementos independentes. Cando hai un grupo de persoas que son deportadas de maneira colectiva, o que pasa é que todos os casos van dun en un ao xulgado de instrución, o/a xuiz-a abre un auto para todas exactamente igual e non hai individualización da situación. Aqui é cando se entra en contradición coa normativa que di que non se pode deportar de maneira colectiva. Portanto podemos dicir que non é unha deportación colectiva senón a suma de moitas deportacións individuais, que foron analizadas separadamente, tendo en conta as condicións particulares de cada persoa e non como un todo.

Hai datos sobre o número de persoas que son deportadas anulamente?

Como son deportadas por diferentes vías é difícil falar de cifras. Mesmo así, sabemos que no 2016 houbo máis de 176.000 expulsión desde a Unión Europea. No 2015 houbo 6.930 persoas internas nos CIE de todo o Estado. Destas, foron expulsadas menos da metade. Contodo, compre ter en conta cando falamos de número de persoas deportadas que non hai maneira de saber canta xente foi expulsada através da devolucións en quente, porque están isentas de control xurídico.

Quen decide cando organizar un vóo de deportación?

Os macrovóos poden ser organizados pola FRONTEX ou pola Comisaría Xeral de Estranxeiria e Fronteiras (CGEF). A FRONTEX autodefínese como a encarregada “da xestión dos fluxos migratorios europeus”. Comezou a funcionar no ano 2006 impulsada polo estado español, encarrégase de coordinar os corpos policiais dos diferentes países europeus en materia de control de fronteiras. Tamén analizan o que consideran “riscos”: guerras, crises de fame… e preparan a resposta á inmigración que poda chegar. Está dotada de toda unha metodoloxía da eficiencia, sistemas, planos, indicadores, para levar a termo o seu obxectivo racista. Segundo a FRONTEX é o país organizador quen se dirixe á axencia para propor a saída dun vóo de deportación desde o seu territorio a un país concreto, e é nesa altura cando fan a intermediación co resto de países europeus que puderen estar interesados en utilizar ese vóo para deportaren persoas detidas nos seus territorios.

Segundo un relatorio publicado por Migrastudium, no 2016, 640 presoas pasaron polo CIE da Zona Franca de Barcelona. Que pasa nas deportacións desde o CIE?

No caso do CIE é necesaria unha orde de expulsión. Cando encerran unha persoa nun CIE é porque previamente hai unha orde de expulsión que non se levou a cabo e un-ha xuiz-a decreta o internamento co obxectivo de a facer efectiva. Teñen un límite de 60 días, despois dos cales se non se realizou a expulsión, teñen que deixar en liberdade a persoa. Actualmente menos da metade da xente que está encerrada no CIE é deportada anualmente. É un sofrimento innecesario. As expulsións desde o CIE poden producirse en vóos regulares, como a que foi coñecida recentemente dun mozo do Senegal en Vueling, o tamén en forma de macrovóos de deportación. Alén dos vóos, tamén é posíbel deportar en navíos, sobretodo até Arxelia. Unha persoa interna nun CIE debe ser notificada, como mínimo, con 12 horas de antecedencia. O problema é que moitas veces é tempo insuficiente para poder chamar avogado/a ou familiares, e poder realizar un exame médico para ver se esa persoa está en condicións de voar ou non.

No caso dunha persoa que está no CIE e lle notifican que será deportada ao seu país de orixe, que pode facer para impedilo?

Cando se produce unha expulsión desde o CIE, se a persoa ten a sorte de poder, no prazo das 12 horas co que te avisan, pór en marcha toda a maquinaria, se é unha persoa que ten avogado/a, pode tentar solicitar asilo. As entidades tamén poden reaccionar. O problema está sobretodo coas deportacións express, porque a marxe de tempo é pouca e é difícil, porque moitas veces non te enteiras, é moito máis opaco. No momento en que te das conta que a persoa non volta a casa, talvez pasaron xa varias horas e iso fai con que os avogados non poidan chegar a tempo. Hai que traballar niso para podermos tecer conexións para enteirarnos de todo e podermos traballar. É importante o papel que xogan a/os avogada/os do Servei d’Orientació Jurídica (SOJ).

A unión temporal de empresas (UTE) formada por Evelop, Orbest e Air Nostrum, que opera como franquicia xuntamente con Iberia, gañou a licitación para se encarregar dos macrovóos de deportación organizados polo Estado. Que beneficio comporta para a empresa?

Actualmente hai unha UTE de Airnostrum, que é unha filial de Iberia, e Barceló, coas súas filiais que son Evelop e Orbest. É unha licitación. O último concurso público foi gañado por Air Europa. O Executivo adxudicoulle 11.880.000 euros para se encarregar do servizo aéreo de repatriacións no 2017 e 2018. Air Europa esta última vez tamén se presentou, mais non gañou. Por iso dicimos que non é que agora sexan “os bos”, senón que perderon, mais tentaron. Compre ter en conta, tamén, que as empresas adxudicatarias do servizo de deportación asinan un “pacto de silencio” co Goberno español. Entre as condicións técnicas e económicas especificadas no concurso público, unha das esixencias que deberán cumprir é a confidencialidade. Por iso é moi difícil conseguir información sobre o que acontece nos vóos.

Recentemente houbo unha deportación dun mozo ao Senegal nun vóo comercial, que foi parado por un grupo de pasaxeiros e pasaxeiras. Como se pode parar unha deportación nun vóo comercial?

Nun vóo a máxima autoridade é o piloto. Se o piloto ve que non é seguro voar porque hai unha persoa alterada daquela o avión non descola. Portanto, como pasaxeira, podes ofrecer resistencia, por exemplo negándote a sentarte ou animando outras persoas a que tamén o fagan. Polo que di respectos das consecuencias, iso xa pode variar en función de se o fai unha única persoa ou un grupo, do eco mediático que poda chegar a ter, etc. Pódese aplicar a Lei de Seguranza Cidadá ou a Lei de Seguranza Aérea.

Formades parte da campaña Stop Deportaciones. Cal é o obxectivo da campaña?

Stop Deportaciones é unha campaña dentro da campaña estatal CIESNo. Traballamos para visibilizar e ofrecer información, tornar visíbeis as deportacións, e tamén para sinalar e traballar polo boicote ás empresas que colaboran con estas deportacións. Tamén traballamos para informar cando sabemos que hai un macrovóo, através dun mecanismo de alertas, para avisar a poboación e que alerten se son daquel país.

Sónia Calvó

Orixinal aqui.