Carmen Calvo
O goberno español aprobou onte un ante-proxecto de lei cunha serie de medidas que, asegura, van dirixidas a erradicar o franquismo. As medidas que se propoñen son en xeral patéticas, nomeadamente cando se comparan coas que adoptaron hai décadas as outras nacións en que gobernou o fascismo. Xa dixen hai uns días que era un contra-senso petender ilegalizar a Fundación Franco sen ilegalizar o franquismo. Pura xesticulación.

No entanto, hai unha cousa da nova lei que me indignou de maneira especial: a vontade de proclamar o 8 de maio como festa de homenaxe aos españois que loitaron contra o fascismo. Non me indignou porque non o merezan -que sempre o mereceron, todos sen excepción-, senón porque facelo desde o réxime pós-franquista e sen ter limpado nunca o pasado é pura e simplesmente ultraxar a súa memoria. Coa pretensión evidente de lavar unha España que, mesmo disimulando tanto, sabe que é diferente das democracias europeas.

É indignante que España pretenda xuntarse á caravana da celebración da vitoria sobre o fascismo na Segunda Guerra Mundial, como se tivese estado no lado dos bos.

Como se tivese estado e como se non tivese feito nada para compensalo. Porque cumpre lembrar que ainda vivimos nun estado, o español, en que no ano pasado o Tribunal Supremo recoñecia oficialmente Franco como xefe de estado desde o primeiro de outubro do 1936 e que, portanto, daba valor ao golpe de estado fascista como a base legal do estado. E non se trata apenas da vida oficial. O franquismo continúa a estar vivo nos pormenores máis pequenos. Por exemplo, na numeración do xornal La Vanguardia, que mantén a prática instaurada para honrar Franco de non contar as 773 edicións da guerra. E non pasa nada.

As estradas, as nosas, continúan cheas de demócratas mortos que loitaron pola República e o estado español continúa sen facer nada de real nin de prático para dignificar a súa memoria. Agora tampouco con esta nova lei.

Mais, sabedes que? Segundo recoñece o consulado español de San Petersburgo, nestes momentos, esta semana, hai sete cadáveres de soldados fascistas da División Azul a punto de seren repatriados a cargo do estado, concretamente do Ministerio de Defensa -e diso onte non falou Carmen Calvo, entre tanta prosa florida e hiperbólica que gastou. De feito, desde o 2003 España gastou 23.000 euros para repatriar 29 cadáveres de soldados españois mortos defendendo o nazismo. E nin un para repatriar soldados mortos loitando pola democracia.

Isto non é máis que outro exemplo, un entre tantos. Mais serve para desvelar o contraste coa Alemaña, un contraste doloroso. Porque alí a desnazificación foi unha política executada masivamente e a consciencia. Tanto que cando acabou, no 1951, toda a hierarquía nazi morrera ou fora sometida a xuízo.

Permitídeme facer un breve repaso para que se entenda até que punto é indignante que España tente sumarse ás celebracións do 8 de maio.

Alemana, todos estes anos, pagou 53.000 millóns de euros ás vítimas do nazismo ou ás súas familias. Iso sí que é memoria histórica.

Alemaña abriu, xa en 1949, en Buchenwald, o primeiro monumento aos asasinados polos nazis e desde aquela non cesou de os honrar: instaurou en practicamente cada vila e cada cidade un monumento. Iso si que é memoria histórica.

De feito, cando caiu o muro de Berlín, no 1989, non houbo discusión sobre o feito de que o mellor terreno de todos os que ficaron libres no centro da cidade debía ser dedicado, cuarenta-e-catro anos despois!, ao impresionante monumento en memoria dos xudeus asasinados polo nazismo. Iso sí que é memoria histórica.

E evidentemente na Alemaña non hai unha única rúa, un único monumento, nin un único cemiterio, nada, que lembre a Wehrmacht, o réxime nazi nin Adolf Hitler. Iso si que é memoria histórica.

Alemaña mudou de bandeira logo que acabou a guerra. E inventou unha que unía as cores de Württemberg e Baden cando estes dous estados, os primeiros libres da ocupación, se unificaron. Para non teren nada a ver coa bandeira do réxime nazi, que está prohibida. Iso si que é memoria histórica.

Durante moitos anos, na Alemaña era unha actividade escolar obrigatoria visitar os campos nazis, especialmente Dachau, para que as crianzas fosen conscientes do horror causado polo seu país. Pasaron por eles millóns de crianzas. Iso si que é memoria histórica.

E cando o filme A lista de Schindler foi estreado, no 1993, os gobernos federais recomendaron a todos os liceus que o proxectasen e facilitaron copias, para que ningún adolescente esquecese o que fixera Alemaña e o nazismo. Iso si que é memoria histórica.

Alemana, finalmente, pediu oficialmente perdón, no ano 2008, por ter entregado o presidente Companys a España. España onte voltou negarse a facer o mesmo.

Mais, sabedes que? Alemaña non celebra o día da vitoria, o 8 de maio. Por vergoña. Non se atreve.

De feito, este ano houbo polémica porque a cidade de Berlín o celebrou e o goberno insistiu en que Alemaña non é digna de celebrar a vitoria contra o fascismo, pola culpabilidade colectiva como nación. E lembrou que o papel que toca desempeñar ao estado alemán é o de recoñecer a culpa, ainda, reparar o mal causado, ainda, e continuar loitando para que un réxime como o nazi non sexa instaurado nunca máis.

E agora comparade a dignidade alemá coa noticia de que España si celebrará o 8 de maio, como se a historia non existise e como se todo fose manipulábel.

Vicent Partal – VilaWeb