A narración máis sorprendente e admirábel sobre a tortura que lin é un libro chamado Intxaurrondo. Escribiuno Ión Arretxe (Rentería, 1964) e publicouno Manuel Branco Chivite (San Sebastián, 1945) na Garaje Ediciones. Chivite di que o último que fixo no súa editora foi descubrir “o enorme talento” de Arretxe. A Ión torturáronno durante días no cuartel da Garda Civil de Intxaurrondo. A Manuel Branco Chivite, no “os despachos” da Brigada Político Social franquista. Esta conversa podería ser con Arretxe, mais Arretxe morreu en marzo deste ano.

Cando lin Intxaurrondo pensei que nunca lera algo semellante sobre a tortura, esa forma de enfrontar violencia e dor con intelixencia.

El adoitaba dicir que tardara 30 anos en poder escribilo. Non en contalo, porque en realidade, el contou o que lle aconteceu en Intxaurrondo logo após sair do cárcere. Fíxoo inmediatamente: no mesmo hotel onde se hospedou para agardar que chegase recollelo a irmá, atopou dúas mozas descoñecidas. Preguntoulles se se hospedaban no hotel, respondéronlle que si, e resultou que eran de Bilbo. Pódovos contar unha cousa que me pasou?, preguntoulles. E contoulles as torturas.

E despois necesitou 30 anos máis para poder contalo doutra maneira.

Despois contouno moitas veces, mesmo ao xuíz, que non lle fixo nin puto caso. Mais tardou 30 anos en escribilo. Necesitou ese distanciamento para, digamos, ultrapasar o trauma, ou os elementos de rabia, viscerais… Para atinxir a obra de arte, a estética.

Unha forma de superación?

El dicía: “Agora vexo aquela xente [os torturadores] como cando se olla polo espello retrovisor nun coche que avanza para adiante, véxoos aí, cada vez máis pequenos, atrás e pequenos…

Ese distanciamento permítelle xogar co elemento do humor, que haxa humor. Na situación máis dramática hai humor, como o momento en que se inventa un comando ou un zulo só para que lle dean un cigarro.

O humor está na escena en si, e non digamos xa na prosa, mais non no que aconteceu. El vai inventando sobre a marcha porque quere evitar a dor… inventa un zulo, un comando, inventa non sei que armas… e eles aos poucos van percebendo até que lle din “colle esa pistola” e el non sabe coller a arma, porque nin sequera fixera a mili.

Si, humor, mais as torturas que describe son sinistras.

Para comezar, métenno nun saco e envólveno con fita de precintar como unha mumia e déixanlle fóra do saco a cabeza e as mans. Rachan o envoltorio para sacar as mans porque ao introducilo no río para afogalo, a coloración das uñas dá información sobre se está a piques de morrer ou non. Para controlar o terror e a morte. O home é como unha mumia coas mans aos costados soltas. Entón introdúceno nun río, así, durante a noite, que é como probablemente morreu Mikel Zabalza esa mesma noite. O que hai nel é unha superioridade humana, insisto, humana.

Mostra esa superioridade humana fronte ao torturador sen mostrala.

Expona, está aí, só iso, non fai panfleto, non fai política, por así dicilo. Non fai máis que narrar, e o que se percibe é a superioridade humana dun home que está aí sometido a esa tortura e nun momento dado inventa o que sexa. E ese invento ten aire de retranca.

Lendo Ión desaparece a suposición de intelixencia no torturador, fica só a obediencia animal.

É a obediencia debida. Se un le os protocolos da tortura da Inquisición, son exactamente os mesmos que os da Brigada Político Social franquista. E os mesmos que a tortura na actualidade, neste Estado monárquico. Consiste no seguinte: Obrígasnos a facelo. Cóntanos o que nos tes que contar e xa está, mais non nos obrigues? Vas obrigarnos a facer isto. Vas obrigarnos a facer isto. Nos protocolos da Inquisición era o mesmo. Dicíase: e se o interrogado insiste en non contar a verdade, e prodúcese derramamento de sangue, a responsabilidade deste derramamento ou morte será do interrogado.

Dixo “na actualidade”

O terríel é que, nos últimos 20 anos, neste mundo en que vivimos, a tortura non só non diminuíu, senón que aumentou.

Por que non falamos diso?

Porque hai unha parte da poboación amplísima que a acepta, e mesmo que a pide. Non contra eles, senón contra quen considera os seus inimigos.

En verdade cre que a piden?

Créoo en verdade porque o ouvín pronunciar en voz alta. Mais non en público, coidado… E porque se vota insistentemente en partidos que exercen a tortura.

En que ámbito o ouviu?

Pois mesmo nun bar de menú do día, vamos. E tamén o ouvín nalgún gabinete de prensa dalgún partido que ten deputados. É máis, Intxaurrondo non foi reprobado socialmente. No campo do xornalismo, os xornalistas de determinados medios, os que poderiamos chamar xornalistas policía, que hai moitos, están perfectamente a par das torturas que se fixeron neste país, desde a Brigada Político Social até Intxaurrondo ou nos anos 80 ou 90 ou 2000. Sábenno perfectamente.

E por que calan?

Ocúltanno porque o aproban e cálanno porque o aproban. Quen cala a existencia da tortura non o fai porque cre que non existe, senón porque conscientemente a oculta. Non hai ninguén, ninguén en España, ningunha persoa cun oficio ou profesión pública de información que non saiba que en España torturouse e continúa habendo casos de tortura hoxe en día. E aqueles que o negan fanno por ocultamento, un desexo consciente de ocultamento e en moitísimos casos polas súas propias relacións de interese cos gabinetes de prensa dos corpos e forzas do Estado… do Estado, un nome perfecto, non da sociedade.

Por que os grupos políticos non insisten en que saia á luz?

Porque a sociedade está a favor da tortura.

A favor ou non quere vela?

A favor, Cristina, a favor… E non quere vela porque está a favor. É unha relación hipócrita como outra calquera, como a señora que sabe que o marido viola a filla e non quere velo.

Entendo, refírese a algo comparábel á violencia machista. Dalgunha forma até agora non se permitiu que se vexa.

É certo que non se permitiu. No caso da tortura, quen non o permitiu son a primeira liña que a aproba e exerce. Exércea nos seus ámbitos gobernamentais. Despois está o sector do “cidadán que vota”, que pensa que os aparellos armados do Estado teñen que cumprir unhas funcións e aí está a educación do cinema, as series, a literatura, onde ese cumprimento lles esixe determinadas actividades moralmente reprobabeis mais necesarias para a nosa seguranza. Agora mesmo encanto falamos están a producirse mortes sob tortura na Siria, Irán, Paquistán, Marrocos, Afganistán, Israel… e en todos estes países prodúcense desaparicións sob tortura.

Permítame que volva á comparación coa “institucionalización” dos millóns de mulleres torturadas en casas e bordeis. Escapan do delito/castigo.

Escapan do vaso. O vaso esencial onde radica a tortura é nos aparellos do Estado. Ademais, hoxe son tan numerosos… e de aí expándese á sociedade. Hai unha hipocrisía de non aceptación da violencia.

E unha herdanza?

A tortura forma parte da cultura da represión en España. Hai que ter en conta que a ditadura foi económica. Os militares só se puxeron en marcha cando os March, os Urquijo, etc., soltaron os cartiños.

E mantendo iso intacto mantense unha forma de violencia constante contra unha grande parte da poboación.

No franquismo, desde fins dos 50 prodúcese unha reconversión xeral da economía e a xente deslócase da España agrícola ás grandes cidades entre 6 e 8 millóns persoas. Hai que ver cantas delas, no canto de subiren ao andaime ou marcharen a Alemaña, deciden meterse na Garda Civil ou na Brigada Político Social […]. Estou a falar do perfil humano do torturador. É un tipo repugnante. No mellor dos casos, un psicópata. No mellor dos casos… Trátase dun castigo en termos de poder social. Placa e pistola: a placa é impunidade e a pistola poder. É un acceso ao poder pola vía rápida.

Cabe a posibilidade de que a tortura non deixe marca?

Si que deixou marca en Ión. O que acontece é que foi capaz de sanar. Lémbrame algo que dicía Virginia Woolf, que o grande escritor despréndese das marcas, da visceralidade, do inmediato para profundar no que quere dicir. Para facer universal o seu discurso. Para facer arte, en definitiva. É interesante en Intxaurrondo o que tarda Arretxe en estar en disposición de escribir algo tan estremecedor e ao mesmo tempo tan humano e profundo. É porque o tempo lle deu sabedoría, distancia, e é importante, moi importante, a intelixencia.

A vostede foi torturado hai 42 anos.

Si, pasei polos despachos da Brigada Político Social, e non, non o pasei moi ben. Mais un non pode vivir toda a vida na tortura. Da mesma forma que se unha saíu dun campo de concentración non pode instalarse toda a vida aí.

Entón a grandeza de Ión é que é capaz de sublimalo e facer arte con iso.

Non é unha escritura terapéutica se non artística. Cando sae e llo conta a esas dúas descoñecidas xa inicia, de forma espontánea, unha cura pola súa conta. No caso de Ión como no de moitos máis, hai unha opción pola vida.

E imaxino que un exercicio individual, íntimo.

Si. É un exercicio individual, ten unha componente social, mais é un exercicio fundamentalmente individual. Por exemplo, eu fixen miña a idea de Ión do retrovisor, de ver como esas persoas se van facendo cada vez máis pequenas, quedan atrás e un avanza.