Desde a aparición da pandemia da Covid-19 en marzo de 2020, até 90 Estados restrinxiron a liberdade de expresión e o acceso á información utilizando o pretexto de loitaren contra o virus, desvela o relatorio sobre O estado da democracia no mundo 2021, publicado na segunda feira polo Instituto Internacional para a Democracia e a Asistencia Electoral. O documento advirte da alta posibilidade de que, unha vez rematada a crise provocada polo coronavirus, estas restricións permanezan vixentes.

 

IDEA

 

Foron impulsadas novas leis ou medidas en contra da desinformación en 38 países, en tanto 18 utilizaron para este fin a lexislación coa que xa contaban. Amais, menciona que se impuxeron multas sancionando a difusión de noticias falsas noutros 18 Estados, 9 dos cales as e os autores consideran democracias, como é o caso de Albania, Bulgaria, Mongolia e Filipinas.Con respecto ao arquipélago asiático, conta coa multa máis alta do mundo por este concepto, que pode chegar a 18.000 euros.No relatorio, apúntase que se produciron vulneracións vencelladas coa liberdade de expresión na metade dos Estados do planeta, por rexións, Asia-Pacífico acumula o 56% dos reportes, Oriente Medio o 30%, África o 26%, América o 22% e Europa o 14%.

Con relación á información aberta sobre a Covid-19, o 91% dos países desenvolveu unha páxina web específica do Goberno, apesar disto, a publicación denunciou neste sentido que en lugares como os Estados Unidos ou a Polonia houbo informes de médicos e outros profesionais da saúde que recibiron instrucións das autoridades para non falaren con xornalistas, chegando a perder o traballo as e os profesionais que non aceptaron esa prohibición.

Nós Diario