A aterraxe no Reino de España da feira sobre armas para a guerra electrónica Electronic Warfare Europe será tumultuosa. Está previsto que o evento se celebre en Sevilla no próximo maio con 1.200 asistentes de 30 países. Ora, alén de lidar co avance do coronavirus en pleno proceso de vacinación, a feira terá de contornar as turbulencias do movemento pacifista, aguilloado pola cancelación desta feira estadounidense en Liverpool.
.
.
A cidade inglesa tiña previsto acoller o evento este mes, mais foi cancelado semanas antes. A asociación organizadora, The Old Crows, alega que a covid forzou a suspensión. Durante semanas, 40.000 británicos escribiran mensaxes ao alcalde laborista, Joe Anderson, para esixir que un palacio de exposicións público non acollese un acto para promocionar material bélico, e despois uníronse á petición artistas, concelleiros e medios de comunicación locais.
Catro días despois de ser anulada a feira, o 17 de setembro, o rexedor anunciou que un código ético estipulará a partir de agora que tipo de eventos pode aloxar o Concello de Liverpool. “A campaña nacional que apoiou a local contra a feira xogou un papel decisivo para que se cancelase”, subliña Lawrence Brown, concelleiro do Partido Verde. Dous anos antes, Glasgow celebrou unha feira sobre armamento naval, mais ante o rexeitamento cidadán o seu Consistorio avanzou que sería a última na cidade escocesa.
“España gasta moito diñeiro en defensa e parecía un bo destino para atraer clientes. Confío en que as vacinas [contra a covid] estean listas para primavera e dous meses antes decidiremos se debemos pospor ou cancelar”, afirma Sue Robertson, directora internacional para Europa de The Old Crows. Sería a primeira feira estranxeira de armamento que se celebra en España, cuxas exportacións ascenderon a 4.042 millóns en 2019, un 8,7% máis que o ano anterior e unhas 10 veces máis que hai 15 anos, segundo datos oficiais.
Para evitar que a feira se celebre, o movemento pacifista presionará o Concello sevillano (PSOE), que prevé acollela no seu Palacio de Congresos e Exposicións. Diego Checa, profesor e membro do Instituto da Paz e Conflitos da Universidade de Granada, reflecte: “De Liverpool aprendemos que é posíbel, que estas feiras non son tan bo negocio polos custos políticos e de credibilidade que provocan. Que a sociedade civil se manifeste non só axuda a aumentar os custos, senón que manda un sinal aos políticos de que nos opomos”.
Rosario Selecto, portavoz da plataforma Stop Feria de Armas, insiste: “Será unha campaña longa e pediremos reunión co alcalde Juan Espadas. Até maio temos tempo para sensibilizar e crear rexeitamento na xente contra a feira”. O Consistorio sevillano asegura que estudará os pros e contras da cita: “Na ficha da Electrónic Warfare Europe non figura a venda de armamento como obxecto e asegúrase que conta co respaldo do Ministerio de Defensa. En calquera caso, o Concello analisará en pormenor o caso e realizará as consultas pertinentes ao Goberno central”, sinalan fontes municipais.
Entre as empresas participantes destacan xigantes como a estadunidense Lockheed Martin, a italiana Leonardo ou a israelita Elbit System: “Son empresas como Elbit que venden e publicitan armamento testado en combate, o que significa que crean material, o ceden ao exército israelita para probalo en Gaza e ver que mata e dana máis rápido. Ningunha cidade debería beneficiar do diñeiro manchado de sangue” censura Alys Samson, coordenadora europea da campaña Boicote, Desinvestimentos e Sancións a Israel.