Segundo informa Confidencial Digital, fontes do tribunal consultadas por ese xornal online explican que as agresións foron cometidas por “animadversión” contra os axentes, como recolle a sentenza da Sección Primeira da Sala do Penal, mais descartan completamente que a pelexa tivese finalidades terroristas.

 

manifestacio pamplona altsasu efe

 

En troca, consideran que si que cometeron delitos de atentado a axentes da Autoridade, lesións, desordes públicas e ameazas. Se finalmente a Audiencia Nacional non inclúe o delito de terrorismo, podería contradicir o Tribunal Supremo, que si que considera que houbo.

Oito novas testemuñas
Segundo avanza o dixital, os oito acusados de agrediren dous gardas civís e as súas mozas no 2016 en Altsasu, e condenados polo tribunal a entre 2 e 13 anos de prisión, presentaron recurso diante da Sala de Apelacións da Audiencia Nacional. Peden un estudo que se celebrará nunha vista de dous días de duración a mediados de xaneiro, con novas testemuñas que estaban no lugar dos feitos.

Os maxistrados accederon á petición dos oito condenados e citaron a declarar case unha decena de testemuñas. Trátase de oito persoas que estiveron presentes no bar onde tivo lugar a agresión e que non declararan no xuízo. Agora o alto tribunal aceptou escoitalos, aínda que sexa por videoconferencia.

As defensas pediran recusacións
A maior parte das defensas dos mozos condenados de Altsasu, pediran a recusación dos maxistrados da Sala da Audiencia Nacional. Nun comunicado, explicaron que “dous do tres maxistrados que a compuñan, Jose Ramón Navarro e Eloy Velasco, foron galardoados pola Garda Civil, cousa que, segundo afirman, “é motivo de abstención”.

As defensas xa pediran con anterioridade a recusación da xuíza Concepción Espejel, do tribunal que xulgou os feitos, por, precisamente, ter sido condecorada pola Garda Civil, alén de estar casada cun coronel deste mesmo corpo, aínda que a demanda de recusasión non foi admitida por considerar que foi presentada “fóra de prazo”.

Os maxistrados da Audiencia Nacional que levan o caso son Concepción Espejel, Manuela Fernández Prado, Jesús Gutiérrez, Juan Ramón Sáez e Francisco Javier Vieira, xa xubilado.

Condena por atentado á autoridade e desordes públicas
Os oito xovens de Alsatsu foron condenados por delitos de atentado a axentes da autoridade, lesións, desordes públicas e ameazas.

A Sala, que impuxo as penas máis altas previstas polos mencionados delitos e aplicou as circunstancias agravantes de abuso de superioridade e odio para establecelas, non considerou contodo que os acusados tivesen que ser condenados polos delitos de terrorismo que pedían tanto a fiscalía como as acusacións popular e particular, xa que, tal como fixaron os maxistrados na sentenza, “non ficou plenamente acreditada a finalidade terrorista da súa acción e tampouco a súa vinculación ou pertenza a ETA”.

Para argumentalo, o tribunal tivo en conta, entre outras cousas, a idade dos condenados, que “nin sequera eran maiores de idade cando na 2011 ETA abandonou a loita armada”, de maneira que “é difícil imaxinar que asumisen este ideario e o mantivesen no tempo”. “Podería darse unha descontextualización entre o ideario inicial de ETA e a posterior actuación dos acusados”, apuntou.

Conmoción en Altsasu
Desde que Jon Ander Cob, Julen Goikoetxea, Aratz Urraizola, Iñaki Abad, Ohian Arnanz, Adur Ramírez e Jokin Unamuno ingresaron na prisión, os veciños da localidade navarra de Altsasu deron múltiplas mostras de apoio á causa. A última máis mediática, foi o pasado 4 de novembro, cando millares de manifestantes plantaron cara ao acto convocado pola plataforma de Cidadanos España Cidadana.

O mesmo fin de semana celebrouse unha xornada de debate en Iruña sobre o caso Altsasu onde participaron os deputados de ERC no Congreso Gabriel Rufián e Joan Tardà, así como o vicepresidente da Deputación de Barcelona, Dionís Guiteras, o vicesecretario xeral de organización de ERC, Isaac Peraire, e o estreito colaborador de Oriol Junqueras Sergi Sol.

El Nacional