A resolución do tribunal evidencia o carácter vinculante do Comité contra a Tortura das Nacións Unidas, que se pronunciou sobre este caso. Entre 2013 e o 2019 houbo 448 condenas por tortura no Reino España.
A denunciante despois de sair da comisaría de Córdoba en 2013.
A longa batalla de E.L.G. para conseguir xustiza non cesa. Amparada pola Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA) esta muller, que nos finais de 2013 denunciou torturas despois de ser detida pola Policía Nacional en Córdoba, acaba de conseguir unha sentenza favorábel da Audiencia Nacional.
Segundo deu a coñecer a organización andaluza, o tribunal ditaminou que o Estado deberá indemnizar con 3.000 euros a vítima. “Dá cumprimento parcial así á decisión das Nacións Unidas, á que recorreu a denunciante acompañada xuridicamente pola APDHA”, destaca nun comunicado.
No pasado 27 de decembro, de 2019 o Comité contra a Tortura das Nacións Unidas (CAT) estimou a denuncia formulada pola entidade andaluza relativamente ao caso da cidadá cordobesa, “que sufrira rotura dos ósos nasais durante unha detención”.
“Cando foi detida, a denunciante non presentaba lesión algunha, mais si á saída da comisaría, onde foi recollida por unha ambulancia despois da chamada da propia agredida aos servizos sanitarios, ante a negativa da Policía a facelo”, lembra a APDHA nunha nota.
Nese momento comezou un longo camiño xudicial. Nunha primeira instancia, “nin o Xulgado de Instrución sobre o que recaeu o caso, nin a Audiencia Provincial, nin o Tribunal Constitucional recoñeceron vulneracións de dereitos”. O caso chegou ao Comité da ONU, que considerou que “o Estado parte (España) non proporcionou información suficiente que permita concluír que as lesións non foron causadas durante a detención”.
O CAT tamén deixou en evidencia as “dificultades para recibir atención médica durante a detención policial e as deficiencias na calidade e precisión das avaliacións forenses”, algo que xa constatara noutras ocasións.
Apesar do que ordenou na altura o organismo das Nacións Unidas, a Avogacía do Estado recusou pagar calquera tipo de indemnización á vítima alegando que o caso fora arquivado nos tribunais españois.
“Non é algo esporádico”
Na resolución dada a coñecer nesta terza-feira pola APDHA, a Audiencia Nacional defende que en tanto non se proceder á reparación plena e adecuada dos danos causados en execución da decisión do CAT, mantense, persiste e perpetúase a vulneración de dereitos humanos que aquela declara, a saber, que ninguén será sometido a tortura nin a tratos ou penas crueis, inhumanas ou degradantes”. A sentenza aínda non é firme e, portanto, susceptíbel de ser recorrida, explica a APDHA.
“Esta decisión é fundamental porque consolida que as decisións dos Comités das Nacións Unidas son vinculantes, algo que o Estado nega. No entanto, esta vinculación só serve para a indemnización, apenas unha parte da condena das Nacións Unidas, mais non para investigar os policías responsabeis”, enfatiza a asociación andaluza.
Con estes datos sobre a mesa, a APDHA reclama así mesmo unha maior vixilancia da tortura. “Esta práctica non é algo esporádico ou incidental no noso país. Entre o ano 2013 e o 2019 existiron 448 condenas por tortura, segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial”, afirma a asociación.