A asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA) denuncia supostos abusos policiais a unha parella gaditana no cadro do estado de alarma e solicitará ao Subdelegado do Goberno de Cádiz unha investigación rigorosa. Tamén demanda ao xulgado correspondente que active o procedemento da denuncia presentada polos afectados.

 

 

 

Segundo anunciou onte (28-05),  persoas que sufriron unha actuación policial desproporcionada e humillante no pasado sete de maio durante o período de confinamento puxéronse en contacto coa APDHA. O relato destas persoas, e recollido por algúns medios de información, axentes da policía identificaron unha muller que camiñaba pola rua cando ia recoller a súa parella, un traballador autónomo de Cádiz que estaba a acondicionar a barbearía para a reabrir após o levantamento do confinamento. Ante esta vulneración das prohibicións do estado de alarma, os axentes, en lugar de indicarlle que debía voltar a casa ou, sendo o caso, a sancionala, decidiron acompañala á barbearía. Alí estaba a parella da muller e outra persoa que traballaba na adecuación do local para as novas circunstancias.

Segundo sosteñen fontes consultadas da propia entidade, “os vídeos das cámaras de seguranza mostran que, unha vez alí e sen mediar ningún tipo de provocación nin ataque físico, os policías investiron violentamente contra o propietario da barbearía e a súa parella”. As imaxes, custodiadas agora en sede xudicial, mostran unha acción violenta da policía absolutamente desproporcionada e inxustificábel. O relato das vítimas inclúe tamén unha serie de agresións físicas posteriores, mesmo en comisaría. Finalmente as dúas persoas foron acusadas de resistencia grave á autoridade e condenadas en conformidade por este delito nun xulgamento rápido.

A este respecto, a APDHA anuncia que enviará a documentación ao Subdelegado do Goberno en Cádiz para que abra unha investigación sobre os feitos. A provincia de Cádiz, apesar da súa situación económica e social, foi unha das máis cumpridoras coas restricións do estado de alarma. A restrición de dereitos fundamentais que esta situación implicaba foi asumida pola cidadanía en interese da saúde pública. No entanto, isto non pode ser carta branca para algúns membros das Forzas e Corpos de Seguranza do Estado se excederen nos labores de control.

Estes feitos encádranse nunha campaña represiva en que se identifican diferentes excesos ao longo do territorio do Estado español. Así o denunciou ao Ministerio do Interior e ao Defensor del Pueblo a Plataforma Defender Quen Defende, á que pertence a APDHA, que documentou através das gravacións da cidadanía como axentes do Corpo Nacional de Policía dan labazadas, agriden con armas regulamentares ou reducen de forma violenta e con insultos persoas que transitan pola vía pública. O propio Defensor del Pueblo recoñeceu a recepción de numerosas queixas polos abusos das autoridades. Un Estado democrático e de Dereito como a Constitución caracteriza o Reino de España non pode funcionar sen un adecuado control de quen ostenta o monopolio do uso lexítimo da forza. Debe esixirse o máximo interese dos seus superiores e desde as autoridades xudiciais para investigar este tipo de situacións.

“Neste sentido” – afirma a APDHA- parécenos lamentábel que o sistema xudicial, en lugar de protexer a vítima, acabe condenándoa sen esta poder sequera presentar os vídeos que pon en evidencia que os feitos non ocorreron como denunciaron os axentes policiais e foron despois sentenciados no xulgado.”

“Sobre este punto, a crítica há de ser de raiz. O sistema penal, especialmente no ámbito xudicial, ao combinar figuras como a conformidade e o xulgamento rápido xera situacións de indefensión en que as persoas son forzadas, directa ou indirectamente, a recoñecer a culpabilidade duns feitos que non cometeron ante o risco dunha condena máis grave. Isto é especialmente evidente nos supostos en que a cidadanía ten un proceso con axentes da autoridade. A realidade é que na maioría das ocasións prevalece a declaración dos axentes fronte á palabra da persoa detida. E iso leva, en demasiados casos, que se admitan acusacións que non se adecúan ao que realmente aconteceu, algo que debería ser o obxectivo por dilucidar nun proceso penal e non a obtención dunha condena con escasas garantías.”

É por isto que a APDHA vai pór en coñecemento da Subdelegación do Goberno de Cádiz os feitos con todas as probas existentes (partes sanitarios, fotos, vídeos das cámaras de seguranza, denuncia presentada polos afectados…) para que sexan abertas as investigacións pertinentes e, caso estas non seren satisfactorias, acudirá ao Defensor do Pueblo estatal. Así mesmo, a APDHA apoiará as vítimas dos abusos nas instancias xudiciais demandando que o xulgado correspondente active o correspondente procedemento. Todo iso no cadro das campañas contra a represión e polos dereitos en que a Asociación participa.

“Unha sociedade democrática non pode consentir abusos policiais de ningún tipo pois conducen a unha degradación do noso sistema de valores tanto pola represión e vulneración de dereitos que supoñen como pola perda da necesaria confianza que é preciso ter nos axentes da autoridade”, conclúe a nota da APDHA

APDHA