O 4 de xaneiro de 1977 a Audiencia Nacional (AN) sucedía o Tribunal de Orde Pública franquista sen solución de continuidade, centralizando o procesamento dos delitos de terrorismo. Unha xurisdición especial que vulnera o principio de ser xulgados polo xuíz ordinario predeterminado pola lei.

 

Resultado de imaxes para derecho penal del enemigo

 

En 1990 a sala do penal do Tribunal Supremo (TS) revogaba a previa sentenza absolutoria do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e condenaba por prevaricación o líder do partido nacionalista Coalición Galega (CG) e antigo vicepresidente da Xunta co goberno tripartito PSdeG/CG/PNG-PG entre 1987 e 1988. Esta sentenza non podería ser hoxe ditada, xa que o Tribunal Constitucional (TC) proscribiu en setembro de 2002 que o tribunal de apelación puidese valorar para condenar a mesma proba xa valorada polo tribunal de instancia con resultado absolutorio.

En outubro de 2001 a Cámara de Representantes e o Senado dos EUA aprobaron a Patriot Act, adoptando en quente esta decisión argumentándoa nos millares de vítimas sufridas en Nova York o 11-S. Dita lei, confirmada substancialmente como lexislación permanente en 2006, dispuxo que o poder executivo podería reter indefinidamente os combatentes inimigos como poder inherente á dirección da guerra.

O TS revogou até dúas veces senllas sentenzas absolutorias do Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi e condenou en 2008 por un delito de desobediencia o presidente do Parlamento Vasco, Juan Mari Atutxa, e os membros da Mesa Kontxi Bilbao e Gorka Knörr por se negaren a disolver o grupo parlamentar Sozialista Abertzaleak, herdeiro de Batasuna. A sentenza fora só recorrida pola acusación popular do sindicato pantasma e parafascista Mans Limpas, polo que o TS houbo de substituír a súa ‘doutrina Botín’ (que prohibía a condena cando non mantiña a acusación nin o ministerio fiscal nin ningunha acusación particular, é dicir, cando só a mantiña a acusación popular) pola ‘doutrina Airbag’, que en castelán usual tradúcese como ‘igual que te digo una cousa te digo la otra’. Doutrina tamén denominada por outro Animal Farm, xa que demostra orwellianamente que Emilio Botín era máis igual que Juan Mari Atutxa, Kontxi Bilbao e Gorka Knörr. Esta doutrina foi acríticamente confirmada polo TC, mais caeu en Estrasburgo. En 2017 o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos (TEDH) condenou o estado español pola vulneración sufrida por este tres persoas no seu dereito a un xuízo xusto. Mais o mal xa estaba feito. Como dicimos os galegos, ‘Líbrenos Deus dun xa foi’.

 

Desde o inicio da mesma Transición, a Audiencia Nacional e o Tribunal Supremo aplicaron selectivamente o dereito penal do inimigo, moitas veces como mensaxe para transmitir cales son os límites da tolerancia cos sectores discrepantes

 

En 2006 o TS inaplicou a doutrina, común a todas as democracias, que prohibe a aplicación retroactiva das leis (tamén as regras de execución das penas) e definiu a doutrina Parot con carácter retroactivo. Deste xeito, os beneficios penais de redención das penas polo traballo, previstos no Código Penal de 1973 e retirados no de 1995, aplicaríanse non sobre o tempo máximo de condena (30 anos no mencionado CP 1973) senón sobre o total das penas impostas (ás veces de centos de anos, en caso de terroristas con varios delitos). O Tribunal Constitucional validou esta teoría en 2008. Máis unha vez, unha sentenza do TEDH, de outubro de 2013, determinou a imposibilidade de aplicar este novo cómputo con carácter retroactivo, polo que nos meses seguintes 72 presos tiveron de ser liberados, moitos vendo arbitrariamente aumentado o seu tempo efectivo de cumprimento.

En xuño de 2013 a AN xulgou por terrorismo varios cidadáns galegos. O tribunal, presidido polo controvertido maxistrado Félix Alfonso Guevara (famoso polo seu trato difícil e os seus malos modos), rexeitou no acto do xulgamento un grande número de probas encamiñadas a acreditar a inexistencia de Resistencia Galega como organización terrorista, entre elas a declaración de Xosé Manuel Beiras. Os testemuños de varios gardas civís só se baseaban na convicción subxectiva, sen proba algunha. A sentenza foi durísima, condenando entre 12 e 18 anos as catro persoas xulgadas. O TS reduciu un tanto tan desproporcionada pena, cuxa execución foi draconiana, cumprindo os condenados as súas penas en réxime pechado (primeiro grao) e en prisións fóra de Galicia que impedían o contacto coa súa contorna vital. Só o desexo relativo dos primeiros meses de goberno Sánchez, o traballo permanente dos seus avogados e as xestións de antigos deputados do PSOE permitiron o seu regreso moi recente a cumprir pena en Galicia.

En outubro de 2017 a AN descoñeceu a súa propia doutrina que a consideraba incompetente para instruír e xulgar o delito de sedición e continuou coa instrución da causa contra Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, acordando prisión preventiva contra ambos, basicamente fundamentada na gravidade do delito de sedición que entón lles imputaba. Pola súa banda, o TS acordou tamén prisión preventiva por suposto delito de rebelión contra o vicepresident Oriol Junqueras, a presidenta do Parlament Carme Forcadell e sete consellers e conselleras do Govern. 109 catedráticos e profesores de Dereito Penal de case todas as universidades do Estado denunciaban no seu documento colectivo Legalidade penal e proceso independentista (novembro 2017) a incompetencia manifesta do TS na causa contra os membros do Govern e da Mesa do Parlament (sería o Tribunal Superior de Justícia de Catalunya) e a da AN na causa na altura aberta independentemente contra os Jordis (serían os Xulgados de Barcelona), así como consideraba que a prisión preventiva acordada non só era desproporcionada, senón que se baseaba en delitos como a rebelión e a sedición, claramente inexistentes á vista da falta de violencia no comportamento dos presos. Na primavera de 2018 o Tribunal Superior de Schleswig-Holstein ratificaría respecto do president Puigdemont esta ausencia do elemento de violencia, esencial para que exista o delito. En marzo de 2019, pola súa banda, o Comité de Dereitos Humanos da ONU consideraba que a prisión preventiva aplicada aos presos políticos cataláns constituía unha vulneración obxectiva dos seus dereitos fundamentais.

 

A aplicación selectiva e distorsionada do dereito penal deteriora a convivencia democrática, restrinxe as liberdades e asenta, dentro e fóra do estado español, a idea de que o Estado muda de regras a metade de partido en función dos seus obxectivos políticos

 

Ao longo destes case dous anos de causa penal (novembro 2017-outubro 2019), o TS impediu que os presos políticos sucesivamente elixidos como deputados ao Parlament, deputados ao Congreso ou eurodeputados puidesen cumprir o mandato lexitimamente conferido pola cidadanía, ao punto de crear un ilegal tertium genus entre a inhabilitación decidida por sentenza e a non restrición de dereitos políticos aos non condenados: o preso político inhabilitado de facto.

A AN descoñeceu a competencia dos xulgados de Altsasu e Nafarroa para xulgaren as supostas agresións ocorridas nesa poboación navarra. O título competencial foi, como non, a acusación de terrorismo, delito do que finalmente foron absolvidos os acusados. Contodo, esta acusación foi esencial para mandar varios deles a prisión preventiva. Foron condenados a penas moi elevadas en relación á gravidade obxectiva dos feitos, varias delas de 13 anos de prisión. O tribunal apreciou o agravante de odio, por discriminación ideolóxica respecto da Garda Civil. Mais os corpos policiais non poden ser destinatarios desa agravante de odio ideolóxico, ao constituíren institucións neutrais só sometidas ao imperio da lei. A causa está pendente de recurso ante o TS.

En setembro de 2019 a AN acordou a prisión de sete membros dos CDR sob a acusación de terrorismo. A detención policial efectuouse de modo abertamente desproporcionado, causando graves prexuízos morais e materiais a familiares, con escenas propias da detención dos elementos máis letais do crime organizado. En base ao segredo de sumario, os avogados dos detidos non coñecían os feitos concretos de que eran acusados e non lles foi permitido asistiren á declaración como investigadas das outras persoas detidas distintas da súa respectiva patrocinada. Tampouco puideron comunicarse en ningún momento cos seus detidos durante as primeiras 36 horas de detención. Apesar do segredo do sumario e da gravísima restrición de garantías que iso supón, os medios de comunicación de Madrid recibiron todo tipo de filtracións (que se dous detidos recoñeceron parte dos feitos, que se falaban através de intermediarios cos presidents Torra e Puigdemont…), convenientemente usada para a criminalización do independentismo, sen que o maxistrado competente teña adoptado as medidas oportunas para defender o segredo de sumario. Cando o certo é que a investigación sobre as filtracións era relativamente fácil, xa que só poden vir, por eliminación lóxica, da forza de policía xudicial actuante, do persoal do xulgado ou do ministerio fiscal.

No estado español rexe un estado de dereito que recoñece e ampara as garantías procesuais, como ben lembrou o profesor Queralt. Mais desde o inicio da mesma Transición, a Audiencia Nacional (AN) e o Tribunal Supremo (TS) aplicaron selectivamente o dereito penal do inimigo, moitas veces como mensaxe para transmitir cales son os límites da tolerancia cos sectores discrepantes. Para iso a lei posibilitou centralizar na AN e o TS as causas de terrorismo, aumentando extraordinariamente o seu ámbito material (“todo é ETA”, dicía Baltasar Garzón). Como se se desconfiase da maxistratura exercente en Catalunya, Euskadi, Nafarroa ou Galicia.

Esta aplicación selectiva e distorsionada do dereito penal é incompatíbel coa Convención Europea dos Dereitos Humanos e o resto dos tratados internacionais en materia de dereitos humanos subscritos polo estado español. Deteriora tamén a convivencia democrática, restrinxe as liberdades e asenta, dentro e fóra do estado español, a idea de que o Estado muda de regras a metade de partido en función dos seus obxectivos políticos.

Ademais, a continuidade destas condutas normalízaas e fainas pasar por admisibeis para millóns de persoas. Porque, se non hai máis remedio, a súa validez utilitarista baséase en que o seu destinatario é o inimigo.

Xoán-Antón Pérez-LemaXoán-Antón Pérez-Lema

El Nacional