A artista Daniela Ortiz pediu a retirada da súa obra “Castas blancas” que forma parte da nova colección permanente do Museo Reina Sofía (MNCARS) despois de o centro de arte ter acollido un dos actos da cimeira da OTAN.

 

 

La artista Diana Ortiz junto a una de sus obras, en una imagen de archivo                          A artista Diana Ortiz xunto a unha das súas obras. Imaxe de arquivo (Àlex García)

 

 

A obra en cuestión é unha pintura que está incluída na recente ordenación da colección permanente do museo, intitulada “Vasos comunicantes. Colección 1881-2021”, inaugurada no ano pasado.

Ortiz (1985), de orixe peruana mais que vive en Barcelona, quer mostrar así o seu rexeitamento ao acto da Raíña Letizia e as acompañantes dos mandatarios da OTAN, que na pasada cuarta-feira visitaron o museo e fixeron unha fotografía diante do “Guernica”, segundo sinala a artista na carta dirixida ao museo en que solicita retirar a súa obra, que ela mesma divulgou no Twitter.

A artista cualifica como “aberrante” que unha pintura como o “Guernica”, realizada por Picasso para denunciar os horrores de guerra, “sexa utilizada como pano de fondo para as figuras políticas que deciden impor a guerra no ámbito global”.

“É responsabilidade do Museo Reina Sofía non só velar pola integridade física das obras que garda, senón tamén pola súa integridade política”, subliña.

O museo “non pode utilizar” as obras dos artistas para “fins de organizacións que impoñen a guerra e a violencia como a OTAN”, como tampouco poden realizar “eventos destas deplorabeis características”, engade.

O traballo que a artista pediu retirar é unha pintura encadrada nunha serie maior que reflecte sobre as pinturas de castas orixinais desenvolvidas no século XVIII nos vice-reinados do Perú e o México. O traballo de Ortiz aborda cuestións como a nacionalidade, a racialización ou a clase social para analisar de maneira crítica o poder colonial, capitalista e a orde patriarcal.

Non é o primeiro acto de rexeitamento dirixido contra o museo por ser un dos escenarios elixidos para a cimeira da OTAN. Na pasada segunda-feira uns trinta membros dos movementos “Extinction Rebellion” e “Fridays for Future” protagonizaron un protesto ante o “Guernica” e denunciaron que o museo acollese actos da cimeira militar con faixas como “A guerra é a morte da xente. A guerra é a morte da arte”.

Madrid Actual