A Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña desestimou onte os recursos de apelación presentados pola Fundación Nacional Francisco Franco e outros familiares do ditador contra a decisión do Xulgado Mixto nº2 de Betanzos de arquivar a causa aberta pola protesta que un grupo de activistas democráticos levou a cabo no Pazo de Meirás (Sada) no ano 2017. Fica desta maneira confirmado o arquivamento da causa.
En relación ao delito de odio que denunciaron os Franco, a Sala entende que non pode existir polo feito de subir a “unha das soberbas torres do Pazo de Meirás e exhibir unha faixa reivindicativa da titularidade pública dese Ben de Interese Cultural (BIC) nun converxente contexto social de reclamación por parte da cidadanía”.
Os maxistrados defenden que tampouco compre considerar que a familia Franco cumpra os requisitos de formar parte de ningún grupo ao que a lei recoñeza especial protección. Descartan tamén o delito de violación de morada, ao non poder “predicarse a existencia dunha intimidade reservada a uns potenciais moradores nas zonas de pasaxe do interior do pazo”. É así porque nos momentos de protesta, o inmóbel que os activistas ocuparon estaba en horas de abertura a visitas guiadas, unha obrigación que presentan os BIC.
A sala tampouco cre que se cumpran as condicións que a xurisprudencia esixe para considerar que as persoas que lideraron o acto reivindicativo cometesen un delito de danos.
O auto é publicado poucos días despois de que un xulgado de Madrid prohibise aos Franco retirar 564 bens do interior do Pazo de Meirás que reclamaban como propios.
Nós Diario