Resultado de imaxes para cuartel guardia civil travessera gracia barcelonaEn xullo de 2017 a Garda Civil da Travessera de Gràcia (Barcelona) remeteu diversas citacións xudiciais a traballadores e funcionarios da Generalitat de Catalunya en que se facia constar que actuaban a requerimento do xulgado de instrución núm. 13 de Barcelona e en dilixencias secretas, feito que o propio xulgado negou publicamente.

Despois diso, o colectivo de xuristas Drets presentou unha querela contra a Garda Civil por falsidade documental no 31 de xullo. Inicialmente o xulgado de instrución de Barcelona non a admitiu a trámite, mais agora a Audiencia Provincial de Barcelona dá a razón a Drets e ordena admitir a querela.

Isto podería levar consigo que todas as declaracións como testemuñas e investigados dos traballadores e funcionarios da Generalitat que pasaron polo Cuartel da Garda Civil da Travessera de Gràcia a partir do 21 de xullo de 2017, sob grande presión mediática, poderen ser declaradas nulas e, portanto, sen ningún valor xudicial. Algunhas das persoas que tiveron que declarar foron Joaquim Nin -Secretario Xeral de Presidencia-, Jordi Graells -Director Xeral de Atención Cidadá-, Jaume Clotet -Director Xeral de Comunicación- e Joan Ignasi Elena  -Coordenador do Pacto Nacional polo Referendo-.

Para esclarecer por orde de quen actuaba a Garda Civil de Barcelona, a Audiencia ordena que sexa o propio xuiz Juan Antonio Ramírez Sunyer, do xulgado de instrución núm. 13, quen certifique se con data 21 de xullo de 2017 tiña aberta unha causa polos dominios e a web do “Pacto do Referendo” e se encomendara á Garda Civil algunha investigación sobre os feitos relacionados coa convocatoria do referendo.

A partir do que responder o xuiz poderá ser determinado se a Garda Civil actuaba sen mandado xudicial (e neste caso sería preciso que declarasen os axentes policiais como querelados por un delito de falsidade documental) ou se foi o xuiz do 13 quen faltou publicamente á verdade ao negalo publicamente cando en realidade estaba instruindo unha causa xeral contra o movemento independentistas para evitar a convocatoria do 1º de otubro. Neste caso, Drets non descarta presentar a correspondente querela contra o xuiz do 13 perante o TSXC, dada a súa condición de aforado, por prevaricación e/ou falsidade.

Drets quer lembrar que o máximo responsábel destas actuacións é o tenente-coronel da Garda Civil, Daniel Baena, coñecido en twitter como Tácito ((@nmaquiavelo1984) desde onde fixo reiteradas advertencias e ameazas ao movemento independentista e aos propios investigados, cando a lei establece que todos os policías han de manter sempre “neutralidade politica e imparcialidade” en todas as súas investigacións.

Para Drets, que a Audiencia de Barcelona ordenase admitir a trámite esta querela é un paso determinante para desmascarar a cruzada xudicial que emprendeu o xulgado núm. 13 no pasado verán contra a causa independentista.

Fonte: Drets