O tribunal di que non había ordes de actuar con desproporción, e que a responsabilidade é dos axentes que interviron en cada colexio.
.
A Audiencia de Barcelona recusa investigar o xefe dos anti-disturbios da policía española, o xefe de información e o xefe da brigada provincial de información en Barcelona pola actuación violenta da policía durante o referendo do 1-O. Os maxistrados desestiman o pedido da Generalitat e de diversas persoas feridas de investigar os tres mandos argumentando que non hai indicios de teren dado ordes aos axentes para actuar ‘con contundencia’ nin tampouco de que fose deseñada unha operación policial ‘severa e violenta’. A Audiencia confirma a negativa do maxistrado instrutor, que mantén como investigados medio cento de axentes denunciados pola violencia que exerceron contra os votantes.
Segundo os maxistrados, a suposta responsabilidade das lesións dos cidadáns é dos axentes e dos mandos que actuaron en cada unha das escolas, a título individual, mais non dos seus xefes, que non estaban no lugar. Os policías de maior rango investigados son os oito inspectores en xefe da UIP que comandaban as súas respectivas unidades nos centros de votación. A Generalitat e as acusacións particulares das persoas feridas querían dar máis un paso na cadea de mando e encausar os tres xefes máximos -o xefe da unidade anti-disturbios e os dous da brigada de información-, porque os consideran responsabeis do deseño da operación.
Os casos de “uso de violencia innecesaria e desproporcionada” e de “extra-limitación da forza” polos axentes “deben ser valorados en cada colexio electoral e en cada caso”, subliña a Audiencia. De feito, argumenta que a investigación xudicial non puido probar indicios de que houbese unha ‘instrución concreta’ dos responsabeis da operación para actuar ‘con contundencia ou máis violencia da imprescindíbel” co fin de impedir a votación.
Os oito inspectores en xefe investigados declararon que as ordes dos seus superiores para actuar no 1-O era fundamentada nos principios de proporcionalidade, oportunidade e uso progresivo da forza. Así constaba, tamén, na instrución previa ao 1-O redactada polo que era secretario de estado de Seguranza, José Antonio Nieto, quen diante do xuiz se responsabilizou da operación. Así e todo, ningunha acusación solicitou que declarase como investigado, lembran os xuíces.