A Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudiciario (CGPJ nas súas siglas en español) acordou que o presidente da Audiencia Nacional, José Ramón Navarro, sexa o encarregado de analisar o comportamento do presidente do tribunal que xulga os atentados do 17-A, Alfonso Guevara, para determinar se se excedeu na súa actuación cos avogados que participan na vista. Guevara tamén presidiu o tribunal que xulgou membros de Causa Galiza e Ceivar no pasado mes de novembro e o seu comportamento foi igualmente criticado polas defensas.

 

 

judici atemptats 17a pool

Navarro estudará o comportamento de Guevara despois de o Consello Xeral da Avogacía Española (CGAE) ter presentado unha queixa ao CGPJ polo tratamento dado aos letrados durante as sesións da vista. Contodo, non é a do CGAE a única crítica que recibiu o xuiz. En mediados de novembro o Consello da Avogacía Catalá (CICAC) tamén manifestou o seu rexeitamento “polo trato que o maxistrado Alfonso Guevara está a dispensar” aos letrados. Nesa ocasión foi a decana do CICAC, Maria Eugènia Gai, quen afirmou que este trato supón unha “grave limitación ao exercicio do dereito de defensa, alicerce fundamental de calquera estado democrático e de dereito” que debe garantir o exercicio pleno de dereitos e liberdades.

Por todo isto, o CGPJ acordou na reunión da Comisión Permanente remitir o escrito de queixa do CGAE ao presidente da Audiencia Nacional aos efectos previstos nos artigos 160.11 e 13 da Lei Orgánica do Poder Xudiciario (LOPJ), que fan referencia ás competencias dos presidentes dos órgaos xudiciais, neste caso Navarro, e establecen que se exerzan todos os poderes dirixidos á boa orde do Tribunal ou Audiencia correspondente, así como ao cumprimento dos seus deberes polo persoal dos mesmos. O artigo 13 recolle a obrigación de “respectar a independencia dos xuíces e maxistrados”.

Fontes do CGPJ consultadas por Europa Press matizan que non se trata dunha petición de investigación senón máis ben de ver se se excedeu na súa actuación, e sendo así, que sexa chamado á orde.

As rifas de Guevara
A polémica polo trato que o maxistrado dispensa ás diferentes defensas que participan na vista oral foi unha constante desde o inicio do xulgamento. De feito, día após día o presidente do tribunal interrompeu os interrogatorios para censurar determinadas preguntas ou insistir en evitar que as testemuñas opinasen ou valorasen.

Así, desde o primeiro día Guevara xa marcou como ía ser a tónica das seguintes sesións. Cando o avogado que defende un dos supostos membros da célula yihadista afirmou que abandonaría a sala se era obrigado a estar sentado por trás da Fiscalía e as acusacións, o presidente enfadouse e contestoulle de forma áspera que non iría a ningún sitio e que permanecería na sala.

Outra das rifas máis soadas de Guevara foi a que mantivo na terceira sesión co avogado Jaume Alonso-Cuevillas -que representa á familia do neno de tres anos que morreu na Rambla vítima do atentado-. Despois de Guevara non lle permitir preguntar polo contido dunhas actas de declaracións, Cuevillas tentou facelo e foi repreendido polo maxistrado.

Nesa alturqa Cuevillas protestou e agradeceu a súa “amabilidade” con ironía. A pequena liorta tivo lugar despois de o letrado preguntar en varias ocasións sobre que non podía preguntar porque “non ouvía” o presidente do tribunal, polo que o xuíz Guevara acabou elevando a voz para repetir que non se podía entrar no “contido”.

“A ironía, a outro lado, advírtollo. Creo que non faltei ao respecto a ninguén, se falo alto é porque me pediu que fale alto, mais a min non se me contesta desa forma. A min persoalmente, si; ao que represento, non. Se agora é moda de non respectar as institucións, aquí respéctanse”, dixo entón Guevara.

Gemma Liñán

El Nacional