Terá que pagar 100.000 euros á muller e 41.000 a cada un dos dous fillos do cámara galego de Telecinco asasinado por tropas estadunidenses no Iraque. O irmán de José Couso, após a sentenza: “Queremos un xuízo. Non pararemos”

.

 

José Couso.

José Couso.

 

A Sección Cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional condenou o Estado a indemnizar a familia do cámara de Telecinco José Couso, asasinado hai 16 anos en Bagdad cando tropas estadunidenses abriron fogo contra o Hotel Palestina, por indicación do Pentágono, onde se aloxaban os xornalistas, o 8 de abril de 2003. Considera que España eludiu o seu deber de brindarlle protección diplomática, ou sexa, de defender os seus intereses fronte aos EUA.

A sentenza, da que foi relator o maxistrado Ignacio De La Cueva, establece que o Estado deberá indemnizar con 100.000 euros a viúva de Couso e con 41.000 euros cada un dos dous fillos, aínda menores de idade cando ocorreron os feitos, por non ter emprendido “accións ante outro Estado que incorreu nun ilícito internacional” a fin de conseguir reparación do dano causado por esa conduta.

“Non consta a realización de xestión algunha tendente non xa ao recoñecemento da ilicitude do ataque, senón á reparación das súas consecuencias patrimoniais dun modo razoábel. E iso a pesar das moi numerosas peticións que a respecto diso formularon diversos grupos parlamentares”, di a sentenza.

A sentenza explica que se daban os requisitos para que “o Estado desenvolvese a súa actividade diplomática en favor dos prexudicados” e con todo, “limitouse a recibir e aceptar as explicacións ofrecidas pola Administración dos EUA no sentido de que o ataque ao Hotel Palestina estaba xustificado e o falecemento de Couso, un lamentábel accidente”.

Incide en que o ilícito internacional afectou neste caso o dereito á vida e “se un dos labores esenciais do Estado é a protección dos seus nacionais, a obriga do Estado de dispensar dita protección alcanzaría grao superlativo de acordo á relevancia constitucional” deste ben xurídico de primeira orde.

Mais alén diso, a Sala entende que a actividade que desenvolvía Couso no Iraque “supuña o exercicio da liberdade de información”, tal e como recolle, lembra, a propia Constitución: “Esta dimensión obxectiva da liberdade de información militaba en favor da dispensa da protección diplomática como forma de protección da indicada liberdade garantindo a indemnidade do seu exercicio”.

UN RECURSO, 15 ANOS DE ESPERA

Deste xeito, a Sala estima o recurso que presentou a familia de Couso hai 15 anos, cando recibiu un silencio por resposta despois de reclamar responsabilidade patrimonial a España por non “pelexar’ ‘no seu nome cos Estados Unidos para buscar xustiza e reparación. Reclamaba naquel momento 317.130,37 euros e a Avogacía do Estado opúxose.

Con todo, o procedemento ficou en suspenso no ano 2008 para esperar a que recaese resolución definitiva á causa penal que en paralelo se abriu, que levou en primeiro lugar a definir se España era ou non competente para coñecer os feitos e despois a manter as pescudas reformando a Lei de Axuizamento Criminal recortando o alcance da xurisdición universal.

Ultrapasados os atrancos, en 2016 o Tribunal Supremo arquivou finalmente o asunto, cousa que confirmaría o Constitucional no pasado mes de xuño, aínda que na sentenza definiu o acontecido como un ataque non xustificado que constituía un “ilícito internacional” fronte ao que a familia de Couso tiña nulas posibilidades efectivas de obter unha reparación razoábel directamente dos tribunais estadunidenses.

Con estas premisas, a Audiencia Nacional alzou a suspensión do procedemento contencioso administrativo no pasado mes de xullo e en decembro votou esta resolución que condena agora o Estado a indemnizar a familia porque entende que a morte de Couso “presenta a aparencia dun ilícito internacional imputábel aos Estados Unidos” fronte ao que tiña que brindar protección diplomática.

Sobre este asunto, explica que era “estéril” que a familia reclamase na xustiza estadunidense pola súa conta, pois como xa advertiu o Consello de Estado en 1992, os seus tribunais federais non teñen xurisdición para coñecer deste tipo de reclamacións por danos causados en accións bélicas. Por iso, este organismo consultivo considera “fundado o exercicio por España da protección diplomática ante os EUA” en casos como o de Couso.

“INCAPACITADOS PARA BUSCAR XUSTIZA”

Esta sentenza da Audiencia Nacional supón un éxito xudicial para a familia do cámara, despois de 16 anos litigando para tratar de traer ante a xustiza os responsabeis do ataque ao Hotel Palestina de Bagdad. Paralelamente, os familiares xa presentaron un recurso ante o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos (TEDH) para tentar reactivar o caso, despois de esgotaren todas as vías ante os tribunais españois, o último o Constitucional o pasado mes de xuño.

O obxectivo da familia é “buscar o apoio ante a violación de dereitos humanos e a perda de protección ante as modificacións da lexislación española”, que a deixou, afirma, “incapacitada para buscar xustiza ante o asasinato de José Couso”.

Con esta reforma da lei refírense á restrición da xustiza universal e o que denuncia a familia ante o tribunal con sede en Estrasburgo é que esta circunstancia a privou ” da posibilidade de articular un recurso efectivo que permita a investigación e axuizamento do crime”.

JAVIER COUSO: “QUEREMOS UN XUÍZO”

Javier Couso, irmán do cámara de Telecinco, dixo nesta sexta-feira despois de se coñecer a sentenza que a súa intención sempre foi que fosen xulgados os responsabeis do asasinato, polo que anunciou que non pararán no seu empeño.

“Queremos sentar os asasinos de José, queremos un xuízo, queremos sentar un precedente. O diñeiro compra vontades, cousa que con nós non casa. Non pararemos”, afirmou Javier Couso na súa conta persoal de Twitter após coñecer a resolución.

Galicia Confidencial