O condenado publicou un chío na súa conta do Twitter en que dicía “A serio. Cortemos o pescozo a ese fillo de puta, estamos a demorar demasiado”

 

Felipe VI Fiscalía

 

O Xulgado Central do Penal da Audiencia Nacional condenou a unha multa de 720 euros por un delito contra a Coroa un usuario do Twitter que foi xulgado por publicar unha mensaxe na rede social, o 18 de marzo de 2020, en que insultaba e chamaba a cortar o pescozo a Felipe VI.

Na sentenza, á que tivo acceso Diario16, imponse ao acusado Albert Baiges Torres, como responsábel dun delito contra a Coroa, a pena de catro meses de multa cunha cota diaria de seis euros, con responsabilidade persoal subsidiaria dun día de privación de liberdade por cada dúas cotas impagadas, así como ao pagamento das custas do procedemento.

A resolución considera probado que ás 21:05 horas do 18 de marzo de 2020, coincidindo co discurso que deu o Rei por televisión sobre a pandemia do COVID 19, o acusado publicou unha mensaxe no seu perfil de Twiter en que dicía: “En serio. Tallem-li o coll a aquet fill de puta estam tardant. #coronaciao» (A serio. Cortemos o pescozo a ese fillo de puta, estamos atrasados #coronaciao).

O xuíz José Manuel Fernández Prieto deixa constancia na súa resolución, contra a que cabe recurso ante a Sala do Penal, doutros comentarios vertidos polo acusado contra a Coroa, mais considera que só a sinalada anteriormente “é claramente inxuriosa pois por tal ha de terse chamar a outra persoa fillo de puta”.

“Esta expresión inxuriosa -sinala o fallo- cando é dirixida de forma clara e expresa contra o Rei mentres non está no exercicio das súas funcións e é propagada por escrito e con publicidade a un número indeterminado de persoas é constitutivas do delito previsto e penado no artigo 491.1” do Código Penal.

Para o maxistrado carece de xustificación, “nin na crítica nin na liberdade de expresión, pois para mostrar unha convicción antimonárquica non se precisa chegar ao insulto, nin acompañar o mesmo cunha convite público a cortar o pescozo, expresión esta última que reflicte o claro ánimo de inxuriar que guiaba o suxeito ao chamar fillo de puta ao monarca”.

A sentenza lembra a reiterada doutrina do Tribunal Supremo en que o exercicio da liberdade de expresión (tamén o dereito á información) non pode xustificar sen máis o emprego de expresións ou apelativos insultantes, inxuriosos ou vexatorios que exceden do dereito de crítica e son claramente atentatorios para a honorabilidade daquel cuxo comportamento ou manifestacións son criticados, mesmo se se trata de persoas con relevancia pública, pois a Constitución non recoñece o dereito ao insulto.

Engade que o resto de frases publicadas polo acusado no seu Twitter poderán ser de mellor ou peor gusto, mais non conteñen ningunha frase susceptíbel de ser cualificada de inxuriosa contra o Rei.

Diario16